off
Editorial, Política, Politica espanhola — 23 Xuño, 2016 at 7:49 a.m.

A guerra zafada do PP contra o soberanismo

by

As novas filtracións entre o ministro do interior e o director de Antifraude vencellan os populares a un complot para afastar a Artur Mas da cúpula de CDC e frear o proceso independentista. 


 

Foto: diario.es CC BY-SA
Foto: diario.es CC BY-SA

A grabación dunhas conversas entre o xefe da Oficina Antrifraude de Cataluña (nomeado polo Parlament) e o ministro do Interior Jorge Fernández Díaz veñen amosar a vontade delictiva e prevaricadora, quer dicer, direccionada a escachar un proceso político legal como o independentista en Cataluña. Unha nídia vontade de atrapallar bens xurídicos alleos e causar dano a terceiros. Seria doado ofrecermos unha presentación simplificada do que intuimos está a acontecer, do que perdura, do que produce e mesmo de que non hai nada novo sabendo a fasquía destas personaxes do goberno, de como entenden a división de poderes e de como patrimonalizan o que non é seu. Porque segundo o real decreto 400/2012, o ministro do interior é o principal responsabel do goberno para garantir a seguranza cidadá e garante do exercizo dos dereitos fundamentais (nomeadamente, os da liberdade e seguranza persoal).

 

Alén diso, non houbo demisións nin ceses. Rajoy, sabedor e caladiño coma sempre  entanto a Fiscalía  tamén permanece calada, como calados ficaron os medios de comunicación españois cando onte nen un só reflectía a noticia en titulares e capas ( agradecidos e beneficiados?).  Dous presuntos delincuentes expresándose na escasamente elegante linguaxe dos fanfarróns. O ministro que concedeu a máis alta condecoración do Cuerpo Nacional de Policia, a Medalla de Ouro ao Mérito Policial á Nosa Señora Maria Santísima do Amor(!?) a máis de condecorar aos garda civís julgados por maltrataren a un inmigrante no valado de Melilla ou negar  que houbera disparo de balas de goma contra os  inmigrantes que tentaban chegar ás costa de Ceuta, morrendo quince no intento.
Talvez debamos demorarnos un intre sobre isto para chegar a velas conversas desde a perspectiva do autonómico pepero. Porque haberá ainda, como para os franquistas do goberno Rajoy, quen acredite que contra o soberanismo e contra Cataluña todo vale. Como lles vale inocular de cando en vez o medo ao ditado de alerta,  que veñen os independentistas galegos! Unha opción política tan lexítima como calquera outra, que ten sido  deturpada e difamada, comparada ao nazismo e ao terrorismo.  E se así fora, se houber ainda quen pense que todo vale (Feijoó tamén ficou caladiño)  estariamos perante unha sociedade que renuncia á cidadanía, que disocia a vida da política ao non exixir a inmediata demisión e procesamento por  prevaricación de quen se gaba de utilizar os medios do Estado para “destrozar la sanidad pública” catalá.
“Joder, se tes algo dádemo. Damo. Non vos queimedes vós  dándollo á prensa, que sempre aparece a UDEF [UnidadE Delincuencia Económica e Fiscal], que vos vai queimando, que semella un ataque…coño, deixa para min e xa o sacarei eu, xa o pescudarei eu….” afirma De Alfonso en tanto  Fernández Díaz cala e outorga. 
Porque o que traslucen é o marco ideolóxico de continuidade entre o rexime franquista e  o  epifenómeno denominado Transición e que Felipe González culminou xustificando os crimes dos GAL e afirmando que “o estado de dereito tamén se defende dende os sumidoiros”( que levou ao cárcere a altos cargos socialistas e da Guardia Civil) . Sabido é que o PP nunca condenou explítica e formalmente a ditadura franquista e que os seus fundadores, comezando polo presidente da Xunta Fraga Iribarne, arranxaron a continuidade do franquismo por outros medios, sen autocrítica nin depuración. Abrollan probas e casos de corrupción sistémico-institucional amosándonos que o PP é un dos partidos máis corruptos das democracias liberais europeas.
Pode haber un voto decente a unha candidatura encabezada por este personaxe logo do que vimos de saber?
Porén, malia as sospeitas acumuladas e alguna evidencia, non estabamos preparados para escoitar a vontade explícita e planificada de utilizar os recursos e institucións do Estado para argallar campañas de difamación e desprestixio, mesmo manipulando os feitos, contra os opositores políticos coa vontade inequívoca de destruilos e condicionar a opinión pública e mesmo os acordos de goberno. A gravidade dos feitos é tal que sorprende e preocupa a condescendencia na imprensa española agás o medio que deu a primicia, ao tratar esta información. Porque nunha democracia madura e ben alicerzada teria provocado unha crise de Estado. Por iso é cousa de pasmo que Fernández Díaz non fora afastado da candidatura que representa e que a Fiscalía Xeral do Estado non teña encetado accións por via urxente.
A segunda quenda de conversas grabadas e filtradas deitan evidencia demostrada por un xeito de compartillar información entre toda a gama de nacionalistas españois. Que se estaba a deconstruir coas conversas rexistradas e filtradas pola policia?Cando até  El País semella recoñecer xa que  ministerio do Interior  hai unha “policía patriótica” que actúa desde Interior. Quer dicer, unha policia política adicada a combater o soberanismo á orde do ministro demócrata de toda la vida. É democracia o que estamos contemplando? Hai algo novo? Non demasiado. Un ronsel de desconfianza respeito das prácticas policiais do Estado. Keep calm, temos ao raposo no poleiro, non somos inxénuos. O domingo celebraremos todos a festa da democracia.

One Comment

  1. O que lle está dicir o Estado ó PP é que non van gobernar.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off