off
Cedeira, Editorial, Medio ambiente, Política local — 21 Xuño, 2016 at 10:19

Planta de gas, á espreita

por Editorial

Malia non estar aberto ainda o período de alegacións cidadáns, o  “achegamento” a través dunha reunión entre conselleria, concello, confraria e asociación de veciños e veciñas de Esteiro prevista para o dia 29 de xuño non debería obviar que vén suceder no tempo a outra “privada” da conselleira co alcalde Moreda, de cuxo contido teremos que confiar. Ainda estando en campaña electoral, está ben alicerzar as actuacións na mutua confianza mas lembremos que ao comezo nen a Xunta nen o Concello foron transparentes respecto diso.

Por iso cómpre termos ben presente que na reunión na Consellería teimarese en facer ver os beneficios que a planta satélite de gas licuado ten para o pobo e o que perde se non se fai, obviando o impacto directo e indirecto no territorio ou que esta planta satélite, no caso de acabar instalandose no Polígono da Trabe e non en Esteiro (nunhas leiras clasificadas no plano urbanístico como solo non urbanizabel, de alto valor agrícola, natural e paisaxístico) como quere Gas Galicia non vai solucionar a pobreza enerxética nin abaratar os prezos (Galicia é excedentaria en enerxía electrica mas os prezos son os mesmos que en Madrid).

As dúas administracións, Xunta e Concello de Cedeira, deberán ben presente que a unidade non é a unicidade e que a esa reunión non é sinónimo de desmobilización nen abandono das alegacións.

A pregunta que debemos facernos é se precisamos máis enerxía (neste caso importada) para garantir o mesmo nivel de vida. Como é posibel esta expansión gasística nun país excedentario de enerxía eléctrica, rico en biomasa forestal e agrícola? A dependencia de carburantes fósiles continua aumentando, as políticas de aforro e eficencia enerxética non resultan e portanto  xustifica o aumento  progresivo e continuado de demanda enerxética? Por que as renovables continuan a ter un peso ridículo na estructura de xeración de enerxía malia a tecnoloxía estar desenvolvida? Porque no canto de arranxar ferramentas economicas que faciliten a súa incorporación ao mercado, vaise en sentido contrario aumentando a nosa dependencia dunha enerxía non renovabel que non temos? A situación de dependencia exterior a nivel enerxético é un contrasentido nun país xerador de enerxía renovabel e con grande potencialidade tecnolóxica nese ámbito,a longo prazo repercutirá na estructura económica da comarca e do país ao tempo que xerará serias dificultades para garantir o fornecemento enerxético futuro.

Malia a experiencia da Capelada, inzada de aeroxeneradores, persite a falta de planificación. Non se ten realizado unha planificación conxunta das infraestructuras necesarias e non se acadou unha harmonia entre promotores e o organismo autorizador. O proxecto de Gas Galicia é un exemplo desde  o momento que desbotou o seu primeiro proxecto ( 4 de novembro de 2011 Gas Galicia recebiu licenza para  instalacións no Parque Empresarial A Trabe (expediente IN627A2008/9-0) para deixar caducar a licenza e recuncar  presentando outro en solo non urbanizabel en Esteiro. Por tanto, non deberan esquecer os convocados á reunión do dia 29 na Consellería   as alegacións xa que a producción, transformación e uso final da enerxía é hogano unha das principais causas de degradación ambiental. O impacto das enerxías convencionais é 31 veces superior ao das enerxías renovables. Neste sentido, o consumo intensivo de combustibles fóslies, e a xeración a grande escala de residuos acentúan a tendencia insustentabel do actual modelo enerxético que nen sequera serviu para fixar á xente no territorio.

Os veciños e veciñas represéntanse a si mesmos e foron eles quen a raíz da súa mobilización informouse ao resto da cidadanía cedeirense. Que non quede todo a decisión das xerarquías,  por moi amigas que sexan.

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
%d bloggers like this: