off
Cedeira, Cinema, Cultura, Ortegal — 15 Xuño, 2016 at 12:15 p.m.

Simone Saibene proxecta o tráiler do seu último filme na entrega do Premio Trasalba

by

Pelerinaxes’ fai o percorrido entre Ourense e Santo André de Teixido, como fixeron Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey no ano 1927


PELERINAXES_2016 copyO cineasta Simone Saibene proxectará por primeira vez o 26 de xuño o trailer do seu filme ‘Pelerinaxes’. Será na entrega do Premio Trasalba 2016, no pazo que alberga a Fundación Otero Pedrayo, en Ourense, como adianto do que será a súa segunda longamentraxe. Foi elixido este lugar porque o libro ‘Pelerinaxes I’, deste autor, inspirou a última película de Saibene, que se estreará en Galicia e no Festival de Cournoualle (Francia) no mes de xullo.A Fundación Otero Pedrayo foi tamén un dos plató elixidos polo director para a rodaxe da película.

Este filme fai o percorrido que en 1927 fixeron Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey, entre Ourense e Santo André de Teixido (Cedeira). Un camiño que comeza na Praza do Ferro da cidade de As Burgas e que percorre diversos pobos das provincias de Ourense, Lugo e A Coruña (Vilamarín, Monterroso, Palas de Rei, Lugo, Rábade, Vilalba, As Pontes e Ortigueira, entre outros).

Protagoniza a longametraxe a actriz Carmen Méndez, que encarna a Lua, unha investigadora licenciada en audiovisual que percorre as oito etapas do camiño entre Ourense e Santo André de Teixido para rematar un proxecto audiovisual iniciado na universidade sobre o libro de Otero Pedrayo xunto cun compañeiro, morto anos atrás nun accidente.

Pelerinaxes’, que se sitúa entre a ficción e o documental, é o camiño que fai Luzía para a reconciliación co seu pasado. Neste traballo altérnase o percorrido da protagonista con entrevistas a homes e mulleres, figuras do mundo cultural galego coma Laura Tato, Valentín Carrera, Patricia Chachero, Susana Reboreda, Carme Fernández-Pérez Sanjulián, Luis Martínez Risco ou Alberto Allegue.

Ademais da actriz Carmen Méndez, o reparto deste filme confórmano tamén os ourensáns Xoel Yáñez, Alfonso Míguez, Ruth Sabucedo e Isabel Risco. A última, neta de Vicente de Risco, leu en Ortigueira o discurso que en 1927 lle foi negado ao seu avó por ser considerado un revolucionario durante a ditadura de Primo de Rivera.

A banda sonora de ‘Pelerinaxes’ foi composta por Daniel Minimalia, Ruxe-Ruxe, MCarballo, Elena Domínguez e Miguel Álvarez e foi gravada integramente en directo.

Gallery with ID 19 doesn't exist.

Exposición

Durante a rodaxe de ‘Pelerinaxes’, os fotógrafos Iván Fernández e Iago González tomaron fotografías que darán lugar a unha exposición que acompañará a película nalgunhas proxeccións. A inauguración desta mostra, patrocinada pola Escola de Arte Antón Faílde, de Ourense, e que amosa o making off da película de Simone Saibene, está prevista para o 19 de xullo.

Titulada ‘Dúas miradas cara San Andrés de Teixido’, mostra a visión dos dous fotógrafos, inspirados no camiño que fixeron as citadas figuras claves do galeguismo cara finais dos anos 20. As imaxes reflicten un cadro sobre a Galicia contemporánea, sobre a súa paisaxe e tamén sobre elementos identitarios que sobreviven á modernidade.

Traxectoria

Simone Saibene naceu en Busto Arsizio (Italia) en 1977.

No 2003, licenciouse con matrícula de honra en Ciencias da Comunicación na Universidade IULM de Milán, cunha tese titulada “Para unha xeografía do cine. A rexionalización do cine español: o caso de Galicia”. Asistiu a cursos de teatro, música e fotografía.

En 2006 gañou o Premio Artivisive San Fedele (Milán, Italia), coa curtametraxe experimental “Ilfurtodellazucca“, gravado entre Suíza e Italia.

Dende o 2006 ata o 2010 traballou como programador, animador cultural e redactor de publicacións na Fundación Cultural San Fedele de Milán.

Docente e coordinador de ciclos de cine, xornalista publicista e critico audiovisual, colabora e colaborou con varios medios e institucións, entre outros, a revista de cine Duellanti, o Instituto Cervantes de Milán, o CGAI da Coruña, a Esap de Porto e a Universidade de Vigo.

Formou parte do xurado na XV edición do Festival Internacional de cine de Ourense, na VIII Mostra Internacional de Escolas de Cinema de Porto e no 17th Avanca Film Festival.

Dende o 2010 vive en Ourense onde fundou a produtora e distribuidora Noveolas Producciones.

A produtora Noveolas encargouse ademais da distribución do documental Frankenstein-04155 de Aitor Rei, gañador do premio do público en Cineuropa 2015 e dunha mención especial na última edición da Seminci de Valladolid.

Filmografía

2003 Contrappunto: Gabriele Carpani, contrabbassista – documental

2004 Patmos (Apocalypsi) – documental

2006 Il furto della zucca – curtametraxe

2007 Regreso a San Andrés – mediametraxe

2009 Estrela de terra – guión

2013 9 ondas – longametraxe

2014 Coma ventos fuxidos – Proxecto NIMBOS – curtametraxe

2014 Kuti Khanti – curtametraxe

2015 A sorpresa – Proxecto e-motionaltraining

 

 

Nota de imprensa: Laura Grandal Comunicación

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off