off
Movementos sociais, Opinião, Politica espanhola — 14 Xuño, 2016 at 6:57 a.m.

Xogo de patriotas

by

“A história é unha galeria de cadros onde hai poucos orixinais e moitas cópias”

 Alexis de Tocqueville

As eleccións na época do trending topic lembran ao cadro de Goya que mostra a dous paisanos a garrotazo limpo mentres permanecen enlamados até os xeonllos. Dá igual o que pense ou faga o adversario, pero se non leva a camiseta coas nosas cores está no erro. Esa é a divisa de moda, o pensamento único com-partido. Por iso, as opinións de comentaristas e medios se disciplinan ao redor da lóxica da servidume voluntaria. E así, como en toda contenda, a primeira vítima é a verdade. Ninguén recoñece nada máis aló do que haxa predeterminado que debe ser o seu primeiro mandamento. A obediencia debida.

É obvio que a irrupción institucional de Podemos (obxectivamente o fenómeno político recente máis interesante despois do da horizontalista CUP) representa un envorco na escena partidista, e que de entrada achega a frescura de crebar o duopolio dinástico hexemónico. Os de Unidos-Podemos desembarcaron no taboleiro político no don da oportunidade enarborando habelencias anovadas. Xusto cando a crise da débeda convertera en reféns aos cidadáns coa complicidade enganosa das dúas formacións ocupantes do poder desde os inicios da transición. Conservadores e progresistas encerrados co mesmo xoguete da corrupción a eito  mentres a xente sumía no abismo social.bastion_

Ese é o innegabel talento que o partido morado ten sabido explotar con indubidabeis doses de orixinalidade e sincretismo. Está a verse na forma de manexar esta segunda campaña eleitoral para o 26-X, onde souberon rectificar os erros a dúas bandas cometidos na primeira e frustrada intento saído do 20-D. Dun lado, Pablo Iglesias deu marcha atrás á súa aberrante decisión de rexeitar a coalición con Esquerda Unida (EU) con afrontas incluídos para os seguidores de Alberto Garzón. E doutro, Podemos soubo envolver en purpurina as arestas máis conflitivas desas nupcias para non espantar ao persoal sen atributos ideolóxicos, seguindo a tese de transversalidade do artilleiro Íñigo Errejón.

De aí ese ecuménico Unidos-Podemos como postal feliz da ligazón. E o luzante corazonciño iconográfico flambado como un delicioso xeado de tres sabores. Sucedáneos do merchandising que debe servir para asimilar outros conceptos máis controvertidos, como a reivindicación do patriotismo e da socialdemocracia. En realidade dúas regresións no túnel do tempo que foron metabolizadas polos seguidores de Podemos grazas ao efecto combinado de senllos factores. Un é colleita da casa e consiste nese saber facer simbólico con que a marca Podemos fai da necesidade virtude. O outro é emprestado e procede do complexo político-mediático oposto, que coa súa groseira actitude de estigmatizar a todo o que se mova na contorna dos morados consegue reforzar as súas posicións ao berro ladran, logo cabalgamos!

Alén  diso, aínda hai sitio para o librepensamento. Afírmeo Agamenón ou o seu porqueiro. O de “Todo por la Patria”, agás nas fileiras do agit-prop anti-imperialistas (por exemplo, o “Patria o Muerte” da Cuba castrista), nestes eidos ten un significado máis ben casposo. Soa a Casa-Cuartel (e aínda así o CIS sitúa a Podemos como primeira forza en Euskadi) e a divisa ultra (“Los españoles primero”). O reclamo promocional “La Patria eres tu”, esgrimido por Unidos-Podemos para a campaña sobre a imaxe dunha vella (a Matria?), deita un dúbio abafo peronista. Porén como o partido dos profesores non adoita dar puntada sen fío, debemos interpretar que así pretende amarrar ese xacemento de votos que aniña no inconscente colectivo dos “non aliñados”. Outro dos enredos daquela recorrente Primeira Transición: a apelación a un gran consenso nacional.

A segunda faísca, o reclamo socialdemócrata, ten máis enxunlla e está programado para ser á vez causa e efecto do primeiro. Ainda que tamén bebe nas fontes procedimentaiss que abriron as portas do réxime do 78. Porque o obxectivo de gobernar, vulgo chegar ao poder, resultará baldío para Podemos sen contar co “si quero2 do PSOE. E tendo en conta que esa pata do bipartidisimo foi o axente máis activo do sistema (22 anos de goberno fronte a 11 da dereita) e que, en consecuencia, Ferraz foi a primeira en pór en marcha os diktats da Troika, faríase imposibel a operación cohabitación sen arrombar á súa partenaire. De aí, que Podemos case ignore os buracos negros do zapaterismo (art.135 C.E.; desregulación pensións; contrarreforma laboral; liquidación caixas de aforros, etc.).

E velaquí de novo xurdindo os espasmos da Primeira Transición. Na altura tamén os partidos antifranquistas tiveran que lidar coa máis fea. O problema era como facer para acordar da rutura prometida e aceitar como socios aos herdeiros do franquismo, coas renuncias programáticas consecuentes, conservando o apoio dos eleitores que arelaban pasar factura ao criminal franquismo A solución veu mais unha vez dos significantes baleiros (mellor baleirados): mudando o infumabel status do que até o día anterior fora cualificado de “ditadura”. A nova denominación foi “réxime autoritario”, nunca “totalitario”, rompendo o nó gordiano da coherencia democrática que impedía pasar dunha ditadura a unha democracia “lei a lei”. O mesmiño que agora, ainda  que máis rebuscado. Ao proclamarse “nova socialdemocracia”, Podemos suxire que o PSOE, en canto representante da “vella socialdemocracia”, supera a nota de corte para entrar na carreira cara ao goberno.

Con semellante finta, “o pablismo” conseguiu ademais deixar de engolir en seco o modelo “populista” no preciso momento en que o paradigma latinoamericano, e especialmente o do amigo chavista de referencia, devala  aos tombos mostrando a súa vertente máis insustentabel. O propio diario El País, bastión do antiPodemos mercenario, tentou á desesperada cazar nese filón publicando un artigo de Chantal Mouffe, parella na vida real e intelectual do recentemente falecido Ernesto Laclau e factótum do xénero. No texto (“El momento populista”) a súa autora afirma  que “o pobo pode ser construído de maneiras distintas e non todas van na dirección progresista”, como aviso a navegantes sobre o que pode supor a fórmula populista. Como demostra a emerxencia de partidos ultranacionalistas en Europa aproveitando o desencanto cidadán mobilizado polos estragos do austericido.
E aínda que esa era a intención secreta do novo xefe de opinión do diario, o talentoso José Ignacio Torreblanca, ao encargar o citado traballo á afamada politóloga (desprestixiar academicamente o discurso de Podemos), non se pode ignorar que dita ameaza existe. A “razón populista” desenvolvida por Laclau inspírase nos principios “amigo-inimigo” e o “decisionismo” de Carl Schmitt, o pai doutrinal do nacionalsocialismo, mentor do que o profesor arxentino postmarxista era rendido admirador, e pode devir en “asalto á razón” disfrazado do “asalto aos ceos”. É como o colesterol, existe un colesterol bo e un colesterol mau. Ou estás comigo ou contra min, asín de simple. Un rancho para adictos a esa estraña lóxica que a vitriólica escritora belga Amelie Nothomb resume na frase “ninguén é importante senón o inimigo”.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off