off
Eleccions 26-X 2016, Estado, Política, Televisión — 14 Xuño, 2016 at 8:22 a.m.

Monólogos a 3×4

by

Galiza permaneceu vetada como tema nun debate televisivo só con forzas políticas estatais.


Dixera o outro, tarde mal e arrastro. Moita fritada e barullo de extractor. O único debate a catro entre os catro candidatos estatais do 26-X  comezou con Pedro Sánchez, Albert Rivera e Pablo Iglesias atacando a Mariano Rajoy pola política económica. Porén, todo o que se dixo cabe nun tuit. Da andanada inicial a luminaria foi escorrendo cara os extremos e seica os líderes do PSOE e de Ciudadanos mantendo o pacto de non-agresión acabaron redirixindo o fogo contra Podemos. Resultado: alicerzaron o  delineamento de polarización entre PP e Podemos do que falan os inquéritos. Ambos os dous, Rajoy e Iglesias,  cun único obxectivo: non sair estragados do plató.

Desaparecido Manuel Campo Vidal, a fórmula para o debate post15M foi un trio de compresión. Ana Blanco pola pública TVE, Vicente Vallés por Atresmedia e Pedro Piqueras por Mediaset. Para qué? Pois para atrapallar e ofrecer máis monólogos do que debate. No descanso, a pública TVE amosaba en exclusiva a Rajoy repasando a lección. Dicir dixeran que podian levar dous asesores mais na pantalla saian tres. Na TVE, como non había publicidade, houbo tertúlia dándolle razón a Rajoy. Exercizos de estilo para ver quen oferecia o mellor  pésame ás víctimas de Orlando. Por certo, mesmo adicaran máis tempo a ver que se amosaba como mellor persoa do que a debater sobre as políticas de violencia de xénero. Rajoy e  Rivera nin chío.

Nunha nova viraxe, ficou claro que agora para Iglesias o referendum en Cataluña xa non é condición para formar goberno

A única aparición conxunta dos catros candidatos dos partidos españois sandouse cunha enxurrada de críticas a Mariano Rajoy. O lider do PP fuxiu do debate corpo a corpo descualificando en conxunto aos rivais. O candidato do PSOE esvaido non deu azos ao “pacto de esquerdas”. Dos xornalistas só Vicente Vallés foi quen de descolocar a Rajoy cando este prometera non facer cortes: “hai catro anos tamén o dixo e despois fíxoo…”.E un PSOE ignorado con Sánchez encarando xa a  porta de saída.

E que foi de Galiza? Se o de Catalunya foi anécdota, Galiza permaneceu incorpórea

Só cara o final o cidadán adormecido no sofá entreabreu os ollos da soneca cando xurdiu o tema da corrupción. E non foi pola habelencia oferecida polo realizador, lento e a chimpos, toda unha mostra do que foi o debate. Un convite á abstención ou como tamén desta vez será dificil que  formen goberno talvez conveña  ollar aquén das duas opcións que ofreceron os catro magníficos. Porque nunhas eleccións non avalias a todos os candidatos e candidatas, escolles só unha papelta. Quer dicer, a túa opinión sobre os outros non conta. Por iso talvez conveña lembrar que se poden dar máis alienamentos que os participantes deste debate se esforzaron en mostrar como únicas, que se poden votar outras opcións.

No entanto, fora do plató…parodia

As dirixentes e candidatas do BNG denunciaron co debate-parodia EjpañaaCuatro a amnesia selectiva dos partidos estatais que só se lembran de Galiza en campaña electoral. O Bloque anticipouse na Praza Maior de Lugo, para denunciar a “amnesia selectiva” con Galiza, da que os candidatos “do plasma” só se lembran en campaña electoral. Esquerra Republicana de Catalunya tamén parodiou o debate a catro por internet, vibrando cando o lider de Cs citou a Venezuela.“Desde o BNG queremos coller da man a todas esas persoas que están cansadas porque non chegan a fin de mes, cansadas porque non teñen traballo, que están esgotadas de ver como os catro magníficos se rin delas desde a televisión e só están preocupados dos seus intereses. Queremos dicirlles a todas esas persoas que hai esperanza e que a esperanza é o BNG”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón.

7 Comments

  1. O que ti digas.
    Por certo, a xente milita nos medios. Nos oitenta a xente militaba no Ollaparo. E nesa militancia había xente do Bloque pero tamén do PP ou do psoe. Eu coñecín a un pepero compulsivo que xa non está entre nosoutros que o lía sempre.

  2. Ninguén chega a ter 70 deputados no Parlamento sen o beneplácito do aparato do Estado. Ninguén chega a ser presidenciable sen o beneplácito do Estado. A xeopolítca cambiou. O Bloque colleu o bando equivocado.

    • Si hombre. O bando da defensa dos intereses de Galiza e do pobo galego por derriba de comenencias ou de patrias alleas

  3. Se Galicia ou o BNG quería ser impermeable a Podemos nunca debeu de permirtir que medio Bloque saise en Amio. Ainda que o de Amio foi un sintoma dun problema que ven de mais atrás. Por ese furado meteuse Podemos.
    Estamos a vivir un momento populista e colleu ó nacionalismo galego dividido.
    Menospreciar á xente que fai pouco eran os teus compañeiros non é bon. Si que hai representación nacionalista. Outra cousa é que sexa a que a ti che guste.
    O Bloque non fixo os deberes nos tempos de bonanza e non rompeu coas dinámicas do PP e mais do PSOE. Gobernar co PSOE foi un erro importante. As CUP son mais listas. Xa o dixo Otegi.

    • -Cando os 300 que se foron do Bloque logo da Asemblea Nacional de Amio, Podemos non existía (eu vivín ao vivo esa historia e eramos case 5000 militantes cesados).
      -Podemos tivo que estimar á baixa a súa base simpatizante logo de fallarlle na última votación interna un 40% da súa masa, cousa que acontece cando eres un partido virtual onde as cúpulas son os que máis ordenan e onde basan o seus éxitos… en Palabras textuais do seu lider P. Iglesias “Nosotros no militamos en los partidos. Si no en los mefios”(medios privados caso de Atresmedia).
      – As razóns polas que dicían que se foron os meus ex-compañeiros en Amio son agora desculpas de mal pagador logo de visto o que son capaces de aturar, todo o que levan renunciado en cuestión ética e ideolóxica por manterse na cresta da onda de Podemos e dos éxitos otorgados polos media (o que hoxe dan mañá o quitan).

      -Os deberes sen facer son os que levou o lider da formación patriótica P. Iglesias cando lle preguntaron no debate dos catro partidos escollidos polas oligarquías do estado para petpetuar a monarquîa e o rexime post Franquista… cando lle preguntaron polos refuxiados. Debeu esquecer que os refuxiados son resultado das guerras de saqueo efectuadas pola OTAN . USA e CEE, e o seu Ex Jemad Julio Rodrígurez (o seu futuro ministro de defensa) actor principal no bombardeo de poboación civil en Libia cos F18 españois, e axente da Otan para crear a guerra e usurpar o poder e o petroleo Libio. Debeu esquecer que os refuxiados son resultado directo das súas decisións…. nunca un persoeiro así pode ser permitido nunha organización política que teña un código ético básico de esquerda.

      Que diran os meus vellos camaradas que berraban a canda nós Otan Non Bases Fora?
      Era iso facer os deberes?

  4. Galiza ausente… é só un avance do que pode acontecer de quedarmos sen representación nacionalista en Madrid, digo nacionalista galega dxs que entenden que Galiza é unha nación e non un ‘anexo’. Máis non só estivo GZ desparecida, tampouco nese debate de homes se falou do que pretenden lexislar contra a violencia machista (querémolas vivas) ou se teñen presente o cambio climático e as súas repercusións para o futuro inmediato.

    No que si están dacordo é na unidade de España e en que son patriotas atá as cachas. Nada novo nin na vella nin na nova política da España que deixou Franco ben atada. Avante todos pola 2° transición cara a 3°restauración monárquica para asentar un novo Borbón outras catro décadas. Esta peli xa a vimos, máis daquela con outros actores e outras modas.

Grazas por leres e colaborares co Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off
A %d blogueros les gusta esto: