off
Ecoloxía, Meio ambiente, Natureza, Politica espanhola — 4 Xuño, 2016 at 7:39 a.m.

España continua autorizando 300 produtos letais para as abellas

by
Cortizo tradicional. Fonte:Wikipedia
Cortizo tradicional. Fonte:Wikipedia

A UE  prohibía o uso de de pesticidas con flufenoxuron (Cascade) hai catro anos.  Denunciábano ADEGA, abelleiros e sindicatos agrarios perante as enxurrada de  fumigacións aéreas a través das que  a industria química (BASF) e a patronal pasteira (ASPAPEL) estaban tentando colocar aceleradamente os “stocks” deste veleno (presentación comercial “Cascade”). Resulta preocupante a estratexia de fumigación masiva con “Cascade” dos eucaliptais galegos contra o gorgullo do eucalipto, que sendo  letal para as abellas e tóxico para o ambiente e as persoas, non provocara na cidadanía alerta ningunha. Debeu ser porque a Xunta axía como axente comercial do lobby químico e pasteiro, “avalando” as fumigacións masivas dos montes. Na altura ADEGA tiraba andar unha petición para salvar as abellas galegas denunciando o flufenoxuron na Fiscalía.

Pois ben, após catro anos da campaña dos ecoloxistas galegos, Greenpeace vén de encetar unha campaña na que denuncia que en Europa as abellas están a ser envelenadas con 57 tipos de pesticidas. Alicerza a súa actuación nun estudo  publicado na revista científica, Journal of Chromatography, “no que se aplica un novo método de detección de pesticidas que confirma que a alta mortandade das abellas é causada en grande medida nas prácticas da agricultura industrial  e en particular debido ao uso masivo de rotineiro de praguicidas”.

A pesquisa pón de relevo que “a saúde das abellas é un asunto de interese público, pola súa importancia para o meio ambiente e a nosa alimentación”.

Ambas e dúas asociacións ecoloxistas veñen advertindo dos efectos ecotóxicos (para abellas, peixes, aves) así como na desregulación endocrina e a neurotoxicidade provocada por algúns pesticidas e ingrendientes activos que son carcinóxicos, mutaxénicos e tóxicos para a reprodución. Nun informe editado por Greenpeace na Alemania advertía que non debería servir calquer autorización de substancias activas na UE que non poideran ser analisados decote os alimentos polos laboratorios de referencia da UE, da necesidade de gravar con impostos as vendas de pesticidas (como xa existía na altura no Reino Unido) a fin de cobrir integralmente o custo da análise de augas e alimentos, a bio-monotorización dos seres humanos e animais salvaxes, implementando controis eficaces para garantir a correcta aplicación na agricultura e formación dos labregos. Alén diso, deberían publicarse de xeito integral os resultados das institucións de control dos alimentos, incluindo o nome dos fabricantes e vendedores polo miúdo dos produtos analisados e que a UE tornara unha obriga para industria de pesticidas publicar dados sobre as cuantidades  unitarias de pesticidas fabricados e vendidos nun ano.

A agricultura orgánica, que funciona totalmente sen pesticidas sintéticos, sería a mellor e mais sustentábel opción  a ser promovida.

No Estado español continuan sendo autorizados máis de produtos perigosos para as abellas. Millóns de abellas mortas que foran documentadas recentemente por Greenpeace en Valencia e Murcia.

Segundo informa Greenpeace, grazas a milleiros de sinaturas en toda Europa a favor das abellas, xa foran catro os insecticidas tóxicos prohibicos. Porén, son prohibicións temporeiras e parciais. En España ainda están autorizados 319 productos perigosos para as abellas, polo que a asociación ecoloxista está a pedir sinaturas para exixirlle ao goberno español que estabeleza un calendario de prohibición dos praguicidas más letais ( imidacloprid, clotianidina, tiametoxam, fipronil, clorpirifos, deltametrin e cipermetrin) e que desenvolva un plano de acción integral para protexer as abellas e outros polinizadores fixando un roteiro para acrescentar a 7,6 millóns de hectáreas a superficie adicada á agricultura ecolóxica en 2020.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off