off
Ecoloxía, Flor do Monte, Natureza, Ortegal — 3 Xuño, 2016 at 7:44 a.m.

Veratrum álbum (Linneo)

by
Veratrum álbum (Linneo) (Flor do Monte.Décimo segunda entrega)
Veratrum álbum (Linneo).Foto: Calel
Veratrum álbum (Linneo).Foto: Calel

Locen as flores verdellas da surbia, ou verdegame ou veratro, nalgún curruncho capelado. Flores verdes correspondentes coa variedade virexcens.
Outra especie do outomonte que dá en florear na nosa serra. Certo que non son moitos os exemplares que andan a lucir a súa fasquía pola nosa serra. Servidor só coñece unha pequena colonia que non chega a media ducia de exemplares. Citas e imaxes hai dalgún outro pé por baixo da garita da Herbeira. Así e con todo, sendo poucas, abondan pra certificar a súa presenza na serra da Capelada. Pranta fortemente venenosa ten por iso importantes usos en menciña pola abundancia en alcaloides e sustancias tóxicas. “Purga por arriba y por abajo” escribíu coa súa gracia habitual o inmenso Padre Sarmiento, ese galeguista primordial esquecido tristemente na memoria dos galegos, quen sinalou tamén o uso que lle daban os albéitares pra o coidado do gando facendo unha cocedura de raiceiras e follas coas que restregaban o pelexo das ovellas e carneiros “para quitarles la roña y la morriña”. Toxicidade que se aproveitou asimesmo nas guerras medievais para empozoñar a punta das sétas dos ballesteiros, correndo por iso en castelá antigo co apelativo de “hierba de los ballesteros”. Ogallá estas escondidas colonias podan seguir amosando a súa presenza pola nosa serra durante moitos anos máis. Ogallá. De nós depende. Coñecer para protexer. Xa.

 

 

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off