off
Editorial, Meio ambiente, Natureza — 30 Maio, 2016 at 7:53 a.m.

A Plataforma pola defensa da Ría de Cedeira deberá fuxir da política de xestos

by

Constituida a Plataforma pola Defensa da Ría, a Cámara Municipal de Cedeira deberá fuxir da xestualidade, quer dicer, que todo fique reducido a maquillaxe da praia e acondicionamento do regato. Do inmediatismo direccionado a ser apaño estacional ou simples cosmética turística.  Non vaia ser que a criazón da Plataforma acabe sendo ferramenta de desmobilización para acalar a verdadeira urxencia do problema, derivando todo no mesmo desleixo ao que levou a política practicada na anterior lexislatura polo PP e pola Delegación de Costas. A acción conxunta Somos  Cedeira e Adega veu ofrecendo unha proposta de folla de ruta “administrativa” que ainda podendo ser pulida e modificada non exime ao Concello das súas competencias.

Que no colo da goberno tripartido haxa diferentes graus de coherencia a respeito da problemática da ria e, en concreto, da praia da Madalena, non debera ser impedimento para ilos superando con información e medidas progresivas alicerzadas na folla de ruta. É un valor dispor de flexibilidade para achar consensos,  exemplo diso é que se conseguira constituir con vontade de diálogo e de escoita a xestora da Plataforma. Porén, a desorientación inicial após un ano de goberno que serviu para ir comprobando as erráticas e acríticas actuacións da anterior corporación do PP de brazo dado de Costas, deberá ir dando paso á aplicación de medidas concretas, arriscadas e decididas que vaian alén de enfrontar a temporada de verán.  Agora o que se precisa é ir alicerzando a confianza acadada con accións obxectivas que vaian alén do xa coñecido (por exemplo, planificando as medias palativas que se poderían aplicar para reducir o impacto das as vagas de mar e dos temporais no inverno). O que non é asumibel é que logo de escenificar coa criazón da Plataforma para a Defensa da Ría un acordo na diagnose e no roteiro de actuación,  as únicas preocupacións do  goberno local acaben sendo as mesmas que as do anterior alcalde Luis Rubido (PP), como se non tiver pasado nada, como se non estiver demostrado e ben demostrado o desbalde de recursos en actuacións altamente perxudiciais para o ecosistema da ria (como a succión de area da ría ou a destrución da duna deitando area do alto do noiro).

Ou a Plataforma pola defensa da Ría de Cedeira fai unha aposta de máximos, procurando solucións ben alicerzadas e sustentábeis ou ten complicada a súa continuidade  na lexislatura xa que o devalo da praia na súa contorna é real e notoria

Por outra banda, bótase en falla unha maior implicación da Confraria de Pescadores e dos colectivos vinculados á pesca e o marisqueo, mas tamén das hostelaria porque uns e outros non poden continuar debruzando as súas propostas productivas e empresariais no curtopracismo estival e na resignación. Cómpre aceptarmos o problema e valoralo para poder defrontalo e non adialo no tempo como se non nos afectara. De feito, o aumento de incerteza derívase de seguir ollando para outro lado como se o problema non existir ou existir só cando chega o verán xa que as causas malia seren complexas teñen en común que nos afectan a todos.  E por iso acaban afectando á confianza no porvir dos diferentes sectores vinculados á pesca, ao marisqueo e ao turismo. Moreda deberá ser consecuente coas súas palabras para que as actuacións para corrixir o problema derivado dos temporais do inverno incidansobre as causas e non só sobre as súas consecuencias, activando todos os recursos da administración local para solidificar a xestora e procurar asesoramento científíco, implicando ao resto de administracións na busca de solucións alicerzadas nas mellores evidencias científicas e en prácticas que ainda sendo paliativas sexa sustentabeis e non contraproducentes.  Por iso é preciso continuar sumando colectivos e persoas nun problema que é de todos, para que non devale o interese, con actitude positiva e sen verdades reveladas.

Coa constitución da xestora da Plataforma pola Defensa da Ria vense de dar un paso importante e está nas mans do goberno municipal non poñelo máis dificil xa que de momento está avalado polos colectivos que asumiran desde a sociedade civil a problemática da ria e da praia na sua integridade. Unha oportunidade aberta  para levar a cabo actuacións unitarias e de pobo con obxectivos e decisións valentes e ben fundamentadas.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off