off
Movementos sociais, Opinião, Politica espanhola — 29 Maio, 2016 at 6:47 a.m.

365 días de municipalismo: o sol-por dunha ilusión

by
Paleta de variacións do morado
Paleta de variacións do morado

Cando aló polo ano 2014 xurdiu á política institucional Podemos contaba co beneficio da dúbida de até que punto podía ser fidel ao espírito do 15-M, as mareas, as plataformas e outras expresións do activismo social independente. O nimbo dese capital social foi o que contribuíu a que o novo partido dera a badalada nas eleccións europeas á conta dunha Izquierda Unida que freou en seco a tendencia ascendente que todas as enquisas prognosticaban como organización de referencia da esquerda.

A partires de aí virían os cálculos políticos que aconsellarían á súa cúpula directiva desprezar o ámbito do local por valorar negativamente as limitadas competencias operativas do municipalismo, a fin de reservarse para as xerais, e optar pola participación en candidaturas cidadás con outras forzas con arraigamento nalgunhas das urbes máis emblemáticas do mapa autonómico. Esas confluencias foron especialmente significativas nos casos de Madrid, Barcelona, Santiago de Compostela, A Coruña, Zaragoza e Cádiz, entre outras cidades.

A partir de entón pasou máis dun ano e, consumido ese habitual período de graza, o balance ten perfís contraditorios e mesmo ás veces claramente regresivos. Ás renuncias sobre o marco de referencia feitas a priori polo “pablismo” para abranguer o maior número de potenciais eleitores de todas as cores (a lóxica dunha formación apáñaotodo); a frustración identitaria dalgunhas confluencias, como a catalanista de En Comú Podem e a galeguista de En Marea, ao non poder cumprir o seu obxectivo inicial de constituír grupos propio no Congreso; e o baño de realidade defrontaron algunhas alcaldías do cambio, fan moi complexo facer predicións sobre o porvir do 26-J neste contexto.

A mudanza de criterio de Podemos aceptando agora a coalición coa IU de Alberto Garzón que rexeitou para o 20-D, cando o mozo dirixente comunista dicía que “Podemos aceptou gran parte do discurso da dereita” (El País, 14/12/2015), é un indicio desa provabel baixamar popular. A rectificación obedece a investirse a tendencia de apoio para as fieiras moradas. Simples cálculo eleitoral que se vende na escusa de favorecer a remontada. Igual que o foi a rotunda negativa de Izquierda Unida a unirse a Podemos cara á consulta europea en 2014.
Porén, hoxe é no núcleo das confluencias onde se poden producir situacións turbulentas. Porque aquela frescura que eses grupos demostraban nos seus inicios hoxe revela as primeiras doenzas, e os efectos poden tornarse un lastre para o arelado sorpasso. A lóxica do consenso e a equidistancia aséptica parece instalarse no novo municipalismo como forma de supervivencia. Abonda con ollar as trasfegas en que andan metidas dúas das súas máis emblemáticas representantes, Ada Colau e Manuela Carmena, acariñando unha saga-fuga cara a posicións do PSC-PSOE. De salvados a sálvame.

Ese punto de encontro para a rexedora catalá ten culminado pactando cos socialistas cataláns no concello concedéndolles o posto de segundo tenente de alcalde na persoa de Jaume Colboni. Un achegamento forzado pola precaria minoría que ostenta o grupo de Barcelona en Comú na corporación, para o que non foi impedimento o feito de que o novo asociado do PSC estea investigado por presunto tráfico de influencia durante a súa etapa no Consell Audiovisual de Catalunya (CAC). Esta “anomalía” encadéase a unha serie de desencontros coa súa contorna natural, entre os que hai que citar o conflito cos manteiros, as rifas coa CUP; o enfrontamento con sindicalistas por mor da folga de TMB; e recentemente o conflito do meritorio CSO Banc Expropiat, unha especie de Can Vies en pleno Barrio de Gràcia, que apañou ao consistorio máis ao lado do problema que da solución. O revés chega cando ao efecto Colau nacíalle un apoio coa estrea do documental sobre a súa traxectoria civil (Alcaldessa), sincronizado na súa botadura con outro filme producido polo dono de Público sobre a figura de Pablo Iglesias (Política: manual de instruciones).

Semellantes horas baixas acusa tamén a súa compañeira de trafegos de Ahora Madrid. Ao paso alegre do “bon como o pan”, Manuela Carmena vai defraudando as expectativas depositadas por moitos cidadáns no colectivo que lidera e devaluando o seu programa de mínimos. Sonora e indigna foi a súa arremetida pública contra os “titeriteiros”, cando cualifico a actuación que o mesmo concello autorizara de “desprezabel”, chegando mesmo nun primeiro momento en apoiar a denuncia da Audiencia Nacional; errática a creación dun novo equipo de traballo para renovar o rueiro de acordo coa Lei de Memoria Histórica, integrado polos sectores máis contrarios á reparación integral daquela afronta civil; regresiva a anulación da promesa eleitoral de remunicipar os servizos públicos de limpeza; e contraditoria e de dubidosa ética a medida de subvencionar cun millón de euros a unha empresa radicada no paraíso fiscal de Singapura para que Bollywood 2016 (os Óscar do cinema indio) se celebrara en Madrid.

Unha escolma de desavinzas que afasta tanto Ahora Madrid da súa parella de coalición Ganemos Madrid como achega aos “carmenitas” ao PSOE de Carmona, o dirixente socialista que se compinchaba co delincuente ultra Luís Pineda (outro compi iogui), o patrón de Ausbanc, para desestabilizar á corporación madrileña polo seu flanco quincemaioista. É como o de reivindicarse “socialdemócrata” (“unha especie do pasado”, segundo Errejón) por Pablo Iglesias en Sitges, frene a plana maior dun empresariado que aplaude o austericidio, proxecta abolir o salario mínimo, demoniza as cotizacións sociais, que é máis ou menos o que anuncia o presidente da CEOE Juan Rosell dicindo que no século XXI retrocederemos ao XIX a nivel de emprego. Dada esta afronta que seria de esperar dun político diferente de “a casta”? Algo así como que lles dixo con esquisita educación: “señores, co máximo respecto cara ás súas ilustres persoas, mas eu estou en política precisamente para acoutar os seus abusivos intereses”. Nunca que tentara convencelos de que con Podemos os grandes investidores poden ficar tranquilos, pondo como exemplo as experiencias de Barcelona e Madrid. Para esa viaxe non se precisa asaltar os ceos. E a pregunta cara ao 26-J é se o desenfreo das confluencias perturbará o cómputo do publicitado sorpasso.
Todo isto seguramente ten a ver cunha falsa percepción da realidade institucional. Como xa advertira o xurista Hans Kelsen o dereito é un sistema de normas que “non pode ser estudado tomando isoladamente unha norma”, porque “as relacións que as integran son tan importantes como as normas consentes”. Quer dicer, que o Estado de Dereito imprime carácter e crea adicción, non fai prisioneiros. Á marxe, claro é, dos ataques de bilis que propaga a “derechona”  e os infundios da caverna mediática e púlpitos aderidos.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off