off
Flor do Monte, Galiza, Natureza, Ortegal — 27 Maio, 2016 at 7:04 a.m.

Omphallodes litoralis sp. gallaecica (M. Lainz)

by
Omphallodes gallaecica(Flor do Monte.Décimo primeira entrega)

Omphalodes gallaecica

Mirade á humilde e modesta embiguiña, un endemismo dos marouzós ferrolterrás que conserva, de miragre, as súas últimas poboaciós entre as areas de Lobadiz, Santa Comba, Ponzos, Esmelle…e algúns poucos exemplares téñense documentado pola Costa da Morte, Praia do Trece, chegando as súas últimas citas as costás de Porto do Son. Moito se ten buscado en van polo gran areeiro de Corrubedo, onde nalgún tempo se documentara. Taxón discreto e pouco rechamante, cunha elegante cor de escuma mariña, está exposto as pisadas dos visitantes das praias e as cegueiras inadmisibles das autoridades. En Esmelle unha cumprida poboación documentada foi aplastada polas obras de acondicionamento turístico dos arredores da praia, argumentando os impulsores que non se observaba a presencia da embiguiña: certo, sendo planta anual que remata o seu crecemento vexetativo a finais de maio, murchando e morrendo, só ata decembro ou xaneiro non vemos aparecer as novas plántulas despuntar entre as areas. Estaba sementada na hora en que Tragsa decidiu enlousar o espazo no que sobrevivía. Esta desaparición dunha poboación de Omphallodes gallaecica é outra máis das varias que nos últimos tempos perdimos: Reinante en Lugo, Palmeira ou Corrubedo e algunhas outras rarificouse en extremo: Doniños, por exemplo. O Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España, biblia documentada, advirte que debe ser catalogada en perigo e incide no perigo das obras de acondicionamento turístico e no uso deportivo ilegal dos marouzós nosos. Coñecer pra protexer. Xa.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off