off

A policia local de Cedeira prefire non escribir en galego

por Redacción

BandopolicialCedeira-20160526-OLLAPAROVelaquí a última proclama da policia local de Cedeira. A que semella tirada dun arquivo dos  anos 5o? Un documento digno de estudo sociolingüístico, sen dúbida. Alén diso, se non houber que obviar a función pública, a lei de normalización lingüística e que o actual goberno é galeguista, o bando “con motivo de la celebración del corpus christi”(sic.) semellaría unha rancia e casposa brincadeira de quen non teme pasar por absurdamente bizarro.

En Dinamarca non atopas traballo se non é en dinamarqués.  En Galicia  ao parecer pódese ser policia municipal sen querer escribir en galego. Non apenas poder acreditar o seu coñecemento, senón poder non querer. A policia local axe como o Bartleby de Melville que cando se lle pedía para revisar un documento, o mozo escrebente simplesmente responde “Eu preferiria non facer”.

Até o punto que o bartlebiano redactor do AVISO nun ataque de soberbia debeu pensar que os seus leitores nen saben nen entenden galego… e prefireu non facer. O público obxectivo da proclama é mesmo tratado por parvo e como extranxeiro na súa terra. Chove sobre mollado porque non é a primeira das inúmeras recusas da policia local a se expresar por escrito en galego. Sabido é que a lei di que os concellos deben promover o uso do galego cara fóra e cara adentro, internamente, madialeva! Non deberia ser preciso citarmos a lei sendo un goberno galeguista (e laico) quen goberna e fai súa con normalidade institucional e social a lingua de noso. Abondaría con que o alcalde (xefe da poli) coñeza as competencias de cada quen e  lles lembre que para traballar nunha administración pública galega é imprescindibel falar, entender e escribir en galego.

Haberá quen lembre ainda aquel cadradiño do Xaquín Marín na que dicia “en este pueblo están muy politizados: hablan en gallego”.

Hai séculos que galegos e galegas aceptamos que hai xente que vive e traballa en Galicia que non ten interese na nosa lingua. No Concello de Cedeira e entre a policia local cada vez quedan menos funcionarios públicos que se educaran antes dos oitenta e os que o fixeran entre os 80 e 90  ainda que castelán falantes non deberían ser incompetentes en galego. Porque de selo non poderían exercer función pública.  En Galicia nunca se aplicou a inmersión lingüística, a única via recoñecida pola ciencia con eficaces resultados no aprendizado de linguas e no resto de contidos académicos. Eís a evidencia empírica dos resultados do modelo lingüístico aplicado en Cataluña: o alumnado tamén acada os mellores resultados en castelán escrito e falado do estado español. As persoas que adquiriran un bo dominio de dúas linguas de xeito precoz teñen máis facilidades para aprenderen unha terceira, comparadas coas persoas monolíngues.

Porén, coma todo nesta vida, só serve cando hai interese, coñecemento e respeito. Quer dicer, é literalmente imposibel non aprender castelán en Galiza, co mínimo esforzo. Pola contra, non pasa iso para aprender o galego malia estar exixido para poder desenvolver función pública. Aquí cómpre máis esforzo individual, e máis se o obxectivo a acadar é falar e escribir ben con léxico, gramática, fonética e fluidez correctas. Por iso alingua de noso precisa máis apoio e máis presenza, e non só na escola, cando o galego segue perdendo terreo, sobre todo entre a mocidade.

Podería parecer un anecdótico vício da linguaxe, un maltrato aos ollos,  mas non o é. Na xustiza e na sanidade empréganse o castelán, na entrada e na saída. O 95% do cinema en castelán, el 95% das revistas de desporto e do corazón, case a totalidade dos xornais de España en castelán pódedelos atopar nos quioscos, as televisións en castelán asoballan en número, se a  TV é por satélite ou cable tamén o fai con emisións 100% en castelán, nas librarias podes atopar o que queiras en castelán, en calquera bar, tenda ou restaurante atenden sen problema en castelán, a etiquetaxe e rotulaxe das garrafas de viño, dos refrescos de todo tipo, das latas de conservas e dos desodorantes, todo en castelán. E agora tamén a incontornabel achega dos AVISOS  do corpus christi emitidos polo corpo policial de Cedeira a maior gloria do “corpus”.

Estes dados que deitan as enquisas e estudos deberian servir coma mínimo para desmentir dunha vez, precisamente, a vella falacia sobre a suposta persecución que o castelán padece en Galiza.  Alguns amosaranse contentos, mesmo eufóricos, diante estas porcentaxes de todos e de todas coñecidas; outros, porén, ficaran magoados polo devalo e mesmo albiscaran nos dados indicios da definitiva desaparición do maior patrimonio que deu esta terra. Os eufóricos atribuirán este artigo aos soberanistas que queren aplicar “políticas de imposición” do galego  ( que como saben moi ben os mesmos que a denuncian, é un invento seu que non existe  nen existiu xamais); con indisimulada sorna os segundos dirán que se debe a afluencia de visitantes monolíngues casteláns ao mundialmente coñecido “corpus” cedeirense.

Porque as únicas políticas impositivas histórica e realmente existentes, as que seguen a existir, cunha intensidade política e lexislativa doadamente comprobabel tanto en Galiza, Catalunya, País Valencià, Illes Balears, son as dos Wert, Feijoó e cia. Até o punto que unha policia local pode ir por libre no idioma. En que país se viu tal cousa? Un feito desgrazado da que non teñen culpa ningunha a malpocada politica local, por unha banda, nen a lingua castelán nen ainda menos os concidadáns que a falan. Mas quen facendo uso e abuso das prerrogativas do seu cargo teima e non acatar a lei. Alén diso, quen no 2016 exercendo a función pública escribe e fala mal o galego ou é un ignorante que non sabe o que é un libro, ou é un supremacista recaltritrante que quería velo desaparecido.

Señores da policia local, con todos os respeitos e co recoñecemento sinceiro  do seu traballo, abonda xa de escarnecerse mentras falan, xa tivemos abondo.

“Oh Bartleby! Oh Humanidade!”

1 Comentario

  • Escriben millor en latín que en galego. O “Christi” podía ser “Cristi”. Un dez en latín. O galego é pouco fino para eles.

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: