off
Cooperativismo, Educação — 20 Maio, 2016 at 7:49 a.m.

O alumnado do IES Punta Candieira de Cedeira vende libros para axudar aos refuxiados

by

iescandieiraA comunidade escolar do IES Punta Candieira de Cedeira contribuirá cuns 500 euros a axudar aos refuxiados que fuxen de conflitos bélicos nos seus países. É o resultado económico dun mercado do libro de segunda man que hoxe pechou as súas portas despois dunha semana de moita actividade. Os cartos faranse chegar aos refuxiados a través da ONG Asociación Alhambra Internacional e o ingreso levarase a cabo a vindeira semana, tal e como adiantou esta mañá Rosana Freire, dinamizadora da biblioteca escolar e mestra de filosofía no centro escolar.

Aínda así, o pasado mércores entregouse de maneira simbólica o cheque coa recadación ao alcalde, Pablo Moreda, no transcurso dun acto no propio instituto ao que tamén asistiu a concelleira de Cultura, María Xosé Rodríguez. Na mesma data celebrouse o Día das Letras Galegas cunha lectura de poemas por parte do alumnado.

A profesora apuntou que a iniciativa do mercado de libros é a continuidade dun traballo anterior nas aulas sobre a problemática das persoas que fuxen de situacións de violencia e de fame. Despois da análise, os rapaces implicáronse moi activamente na campaña de recollida ata xuntar arredor de 200. O material púxose posteriormente á venda ao precio simbólico de dous euros, para os alumnos, e de tres para os profesores.

Rosana Freire estimou que os libros vendidos son en torno a cen exemplares – aínda se está a facer o balance- e apuntou que algúns dos que quedaron poderían pasar a formar parte da biblioteca do colexio Nicolás do Río.

 

Nota de imprensa: Pingota Comunicación

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off