off
Movementos sociais, Opinião, Politica espanhola — 16 Maio, 2016 at 6:43 a.m.

A destrución do 15-M

by

Se o que onte presenciei en Madrid, con ocasión do V Centenario do 15-M, fóra extrapolabel a toda España, e témome que o é, afirmaría que estamos a asistir á destrución do que ficaba daquel movemento antisistema. Con certeza, o que conto é meramente subxectivo e non pretendo representar a ninguén que non sexa a min mesmo. Mas o vivido o domingo convídame a pensar que se está pechando un ciclo cando aínda había algunha esperanza de afirmar algo novo. Esta crónica ten tres actos.

15M.Madrid Cuarto Poder CC BY-NC-ND
15M.Madrid Cuarto Poder CC BY-NC-ND

Primeiro acto. Asisto na mañá do domingo a unha conversa que organiza un grupo de Podemos na céntrica praza de Jacinto Benavente. A curiosidade puido mais có meu interese real ao ver que algunhas persoas maduras sentadas rente os mozos que levando a voz cantante portan nas súas lapelas a clásica escarapela dos indignados: as letras 15M en vermello sobre un fondo de sol amarelo. A miña composición de lugar é que entre os presentes hai xente que se identifica coa cara institucional do movemento dos indignados.

Como ando de orella á escoita, escoito con atención a un dos intervinientes dicir que Podemos entrou na area política para recuperar a democracia, defender a dignidade e loitar polos dereitos humanos como colofón da súa disertación ante un público entregado. Ao reamtar pido a palabra e pregunto se iso non supón unha flagrante contradición co feito de impor como cabeza de lista por Almería ao ex xefe do JEMAD, que dirixiu a operación de castigo aéreo da OTAN a Libia que tan graves consecuencias tivo despois, no terreo da emigración forzosa e o establecemento na zona do integrismo salafista.

Despois dun momento de vacilación por parte do interpelado, pega o micrófono o que todas luces é o máximo responsabel do evento público: o deputado rexional e senador Ramón Espinar. E faino de entrada xustificando a fichaxe do xeneral polas súas cualidades persoais e aducindo que coa pureza (sic) non se vai a ningunha parte en política. Para a seguir  remachar que, en calquera caso Julio Rodríguez “era un militar que só obedecía ordes do goberno”. Abraiado esixo retrucar e, tras unha pequena pequena liorta porque a maioría dos presentes consideraban que xa consumira a ocasión de falar, consigo mesmo facerme ouvir. Resposto que o recurso da “obediencia debida” é o mesmo argumento que empregaban os nazis e que ese goberno ao que alude como responsable é o mesmo PSOE co que agora Podemos quere pactar. O primeiro, insisto, que puxo en marcha as políticas austericidas ditadas pola Troika. Rifa maiúscula, insultos e peche de filas. Digo adeus até outra e saio do curral.

15Mmadrid_OLLAPARO-20160516-WA0000

Segundo acto. Acudo pola tarde á manifestación convocada para a conmemoración do 15.M que arrinca da Praza de Cibeles. Apenas uns centos de persoas que segundo pasa o tempo acaden talvez uns poucos milleiros, con moita xenerosidade. Ren en relación coa multitude que houbo en 2011. Quero pensar que o bo tempo e o feito de que na capital haxa unha longa ponte influíu negativamente. A clase obreira está a mobilizar en Benidorm, ironiza alguén ao meu lado. Fito porén que entre o público congregado hai poucos mozos e que abundan quen leva chapas e camisetas de Podemos. Empeza a marcha.
Ese é o intreen que me reparo nas pancartas. Centenares no derradeiro treito da manifestación. Todas do mesmo deseño e cunhas mensaxes que non parecen froito da improvisación. Repítense cinco ou seis modelos. Todos eles coa mesma filosofía redundante en favor da marca Unidos Podemos, e un dos de maior visibilidade cunha alusión claramente inxuriosa cara a ideoloxías que non están polo asalto institucional. Nunha pode lerse “Indignados: Unidos ou PPerdidos”, instando a que todo o que non se identifique coa coalición liderada por Alberto Garzón e Pablo Iglesias presupón apoiar ao Partido Popular. Noutra aparecen cos seus logos e dispostos en escaleira os emblemas do PSOE, Podemos e EU e enfronte con letras maiúsculas a lenda “Desunión é Traizón”. Ten a mesma inspiración que a anterior, ainda que  alén na motivación. E finalmente está a que semella estimular unha especie de chequismo contra os teimosos. Di así: “Outra anarco-abstención e outro triunfo do PPeor”. Sen comentarios.

Encabuxado polo serial de agitprop diríxome cara á persoa que confeccionou o arsenal da cartelaría. Un profesional destas lides desde hai anos que todos coñecemos. Fico de pedra. Ao chegar ao seu carón e antes de abordarlo escoito a dúas persoas que falan con el. “O 27 temos un acto en Rivas e xa nos dirás con cantos días temos que avisarte para mandarche o que tes que pór”, comentan. Omito aquí o nome do dirixente de Podemos citado como referencia de autoridade por quen estaban a realizar o encargo.

15M.Madrid Cuarto Poder CC BY-NC-ND
15M.Madrid. Canal de TV La Sexta. Cuarto Poder CC BY-NC-ND

Terceiro e derradeiro acto. A Sexta, cadea de televisión do mesmo propietario que A3TV e o diario La Razón, tradicionalmente amigabel cos líderes de Podemos, emite un programa en directo desde a mesma Porta do Sol a noite do 15-M. Para iso, con permiso do concello que dirixe Manuela Carmena, alzouse un estudio nun dos flancos da praza. Trátase dun escenario fornecdo dun perímetro valado que está vixiado por axentes de seguranza privada para impedir o acceso da xente. Case como as empalizadas que levantan os antidisturbios nas proximidades do Congreso.
Unha provocación que ten un efecto bumerán inmediato. Os escasos manifestantes que a esa hora abrollan polo quilómetro cero reactívanse perante a insólita irrupción dos meios. Atraídos pola desavergoñada posta en escena na vía pública, os activistas mobilízanse e en menos dunha hora son varios centenares os arrexuntan ante as cámaras para facer prevalecer a súa disidencia. Entón xorden os berros solapados durante a concentración das pancartas horas antes. No máis puro estilo do 15.M: “Non nos representan”; “PSOE, PP, a mesma merda é”; “Chámano democracia e non o é”; “Televisión, manipulación”. Con ese pano de fondo, coma se tratar dunha traxedia grega, na pequena pantalla van rotando diferentes tertulianos entrevistados pola presentadora. Íñigo Errejón; a número dous do PSOE por Madrid, a xuíza Margarita Robles; unha comentarista política do xornal El Mundo e unha restra de opinadores e opinadoras cos galóns de estar na mítica acampada de Sol de fai cinco anos. Todos aceptan a vergoña de submeterse á disciplina de emisora mentres na rúa trona o “non nos representan”.
Tres momentos para a pequena historia da infamia. Aínda que nunca se pode destruír do todo o que está na natureza das cousas.

Tags

One Comment

  1. Como diría Marx: Trabajo asalariado e Capital.
    “En determinadas circunstancias un escravo se convirte en escravo.”
    En determinadas circunstancias un militar se convirte nun torturador ou nun asasino.
    Pola regra de tres do señor Cid o Concello de Cedeira ten que disolver a Policía local e dicir que a Guardia Civil non é benvida en Cedeira. É ridículo. Só en determinadas condicións…

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off