off
Movementos sociais, Opinião, Politica espanhola — 14 Maio, 2016 at 6:39 a.m.

Un soldado de Podemos

by

otanemosCase desde o chupinazo que inaugurou a Transición, a clase política española colleitou sentenzas memorabeis. Asisadas, apropriadas ou absurdas, segundo o caso, ainda que sempre inconmensurabeis. Porque quen as lanzaba pensaba en pasar á historia. Non dan para unha escolma do desatino nen merecen pasar ao libro Guinness dos Records. Mas habelas hainas.

Temos o “podo prometer e prometo”, de Adolfo Suarez logo de pendurar a camisa azul do Movimiento Nacional. Aquel “distinto e distante”, que pronunciou sentencioso o presidente Leopoldo Calvo Sotelo para sinalar equidistancia entre o caso de Xibraltar e o conflito das illas Malvinas. O magoante “amentes Marcelino e sábelo”, esgrimida polo secretario xeral de UGT ao líder de Comisións Obreiras en momentos de competencia pola hexemonía sindical. O vergoñoso “é máis o que nos une que o que nos separa” do presidente do Congreso José Bono ao ditador guineano Teodoro Obiang. O bestiario da vella política.

Contodo, aínda que os tempos mudan, o refraneiro segue incorporando novos achados da mochila dos nosos representantes, eleitos ou aspirantes. E a derradeira pérola do repertorio procede precisamente do partido que máis denunciou os vetustos hábitos do pasado. Falamos de Podemos e da súa cabeza de lista por Almería para as eleccións do 26-J, o ex xeneral do Exército do Aire, Julio Rodríguez. Quen fose Xefe do estado Maior da Defensa entre 2008 e 2011 ten xustificado asín a súa presenza como candidato cunero nas listas da formación morada pola provincia andaluza: ?Eu só son un soldado de Podemos?. E nun santiamén a nova política tornouse xerontocracia.

A insistencia de Pablo Iglesias por colocar ao ex JEMAD nun posto privilexiado da súa organigrama gobernamental (“ministro de Defensa”) é unha das apostas máis chocantes de Podemos.

Un partido emerxente que se pretende herdeiro institucional do 15-M (un oxímoro) cun proposta que lembra as épocas máis rancias de militarismo político. Sobre todo cando un dos poucos cambios diferenciais que introduciu a Transición respecto ao franquismo foi non designar nunca (gobernase UCD, PP ou PSOE) a un militar para a carteira de Defensa. De aí, a reacción de estupor dos membros de Esquerda Unida ao coñecer que o ardor guerreiro de Podemos ía condicionar a candidatura da coalición nesa circunscrición.

Porque máis aló de cuestións persoais, absolutamente respectables, o problema que encerra a presenza dominante de Julio Rodríguez no proxecto Podemos-EU-Unidade Popular reside na mensaxe contraditoria que lanza, aínda que o programa de mínimos sobre o que descansa a flamante coalición aparcase temas tan centrais como “a república”, “a OTAN” ou a ?nacionalización de empresas estratéxicas?. Todo pola patria, pero sen pasarse. Non se pode esquecer que Esquerda Unida, a outra pata da coalición, naceu á vida política para aglutinar á esquerda que fixo campaña favorable á saída da OTAN no referendo que o felipismo mudou co seu slogan “OTAN, de entrada, non?.

Mas ese non é o único sacrificio que acepta Alberto Garzón e a súa parte alícuota de EU. Ademais de renunciar ás súas orixes antiotanistas, ao coaligarse co pablismo co contrasinal de “Unidos Podemos”, deita pola borda o seu prestixio como única forza que levaba con orgullo o termo “esquerda” no seu ADN ideolóxico. Concesións que até agora, nos seus múltiples acordos con outras forzas políticas, nunca fixo nin Esquerda Unida nin o PCE, a forza motriz da formación verde-vermella. Unha *filigrana máis da factoría Iglesias que seguramente busca a cuadratura do círculo de, por unha banda, ser o referente da esquerda fronte ao PSOE e, por outro, facer unha chiscadela a potenciais votantes de sensibilidades máis confortabeis.

Porén, o que mal empeza, a pouco que o diaño empeñe as barbas, sempre pode empiorar. Por moito que o ex JEMAD virara sinceiro ao neutralismo bélico, non pode evitar que o seu pasado o alcance atrapallado polo “destino manifesto” do amigo americano.

O mesmo Tío Sam que, segundo revelou uha mensaxe da embaixada de EEUU en Madrid filtrado por wikileaks, celebraba o nomeamento en 2008 do “soldado de Podemos” porque, como director xeneral de armamento do Ministerio español de Defensa na OTAN “traballou baixo mao” coa Oficina de compra de armamento e material de EEUU?.

Iso nas hemerotecas. Porén, no día sinalado en que xurdía “Unidos Podemos” e Pablo Iglesias impuña a Julio Rodríguez nas listas de Almería, a imprensa noticiaba  que a OTAN activaba o escudo antimísiles. Andrómena militarista cuxa sede operativa se atopa en Cádiz desde que en 2011 o presidente Zapatero, tras consulta co JEMAD, aprobase ceder a Estados Unidos o territorio español para o despregamento da súa base naval. Segundo informaba o xornal El País o venres 13 de maio, o seu núcleo defensivo está composto por un sistema de radares e “o catro barcos que poden disparar mísiles están amarrados na base da cidade española de Rota”. A mesma comunidade autónoma que acolle ao “soldado de Podemos”, en primeira liña de combate.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off