off
Cedeira, Ecoloxía, Meio ambiente, Movementos sociais — 12 Maio, 2016 at 4:50 p.m.

2908 sinaturas contra a planta de gas

by
AsociaciónVecinhasESTEIRO_PGL-20160512-WA0003
Representantes da Asociación de Veciñas e Veciños de Esteiro entregando por rexistro o prego de sinaturas

É o resultado que reflexa a campaña de recollida de firmas promovida pola asociación de veciños da zona. A iniciativa finalizaba hoxe coa entrega de máis de 2900 apoios no rexistro xeral do Concello. Con esta cifra, a metade dos cedeireses  opóñense a instalación da planta de almacenamento de gas natural licuado na parroquia de Esteiro.

A iniciativa xurdida entre os veciños foi apoiada con 2908 sinaturas  que foron entregadas simbólicamente por rexistro

A presidenta da Asociación de Veciñas e Veciños de Esteiro Josefa Piñón acompañada de dúas representantes presentaron as sinaturas contra a ubicación da planta satélite de Gas Licuado (PGL) que a empresa Gas Galicia (do grupo Gas Natural-Fenosa) quere ubicar na parroquia de Esteiro en Cedeira. Unha PGL que provocou un rexeitamento unitario e solidario entre os veciños desde que se coñeceron as pretensión de Gas Galicia e as alegacións presentadas polo próprio Concello de Cedeira no  ámbito das súas competencias urbanísticas.

A presidenta da entidade veciñal, Josefa Piñón, dixo que “agora só cabe esperar e dar as grazas a todos pola súa axuda”

Estes datos veñen avalar as accións emprendidas polos veciños,  a cámara municipal de Cedeira e asociacións como ADEGA e Somos Cedeira que, na altura, mostraran o seu rexeitamento ao proxecto coa presentación de alegacións en base a criterios urbanísticos, medioambientais e ata de estética.

Os veciños confían en que a Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria teña en conta o o seu argumentario e as firmas reunidas entre a pobación local para mudar o emprazamento elixido para a posta en funcionamento da planta.

Por outra banda, segundo fontes consultadas o goberno cedeirés deixa aberta a porta do polígono industrial da Trabe como unha posible alternativa á proposta oficial da Xunta de Galicia.

O prego de sinaturas contén o rascuño das alegacións provisionais contra a intención de levantar unha PGL  nunha zona de uso agrario e alto valor ambiental e paisaxístico. Sinaturas que deberán ser formalmente presentadas perante a Direccións Xeral de Industria cando se abra o periodo público de alegacións.

Un proxecto que non convence  á veciñanza logo do aval negativo do arquitecto municipal nin a entidades como ADEGA ou Somos Cedeira e que o PP chegou a cuestionar malia existir outorgamento de licenza durante o seu mandato a Gas Galicia  o 4 de novembro de 2011  para  ubicar esas instalacións no Parque Empresarial A Trabe (expediente IN627A2008/9-0) e que a empresa de xeito insólito deixou caducar.

A unidade amosada pola Asociación de Veciñas e Veciños de Esteiro  permitiu trasladar a toda a veciñanza cedeirense información precisa e  un prego de alegacións  que expresan a inquedanza provocada pola intención de Gas Galicia de ubicar a planta de gas, logo dunha deficiente exposición pública do proxecto, fora do polígono industrial da Trabe, o que ten xerado percepción de risco e alarma social en canto a Seguridade, Saúde, Contaminación, Impacto sobre o territorio e Agresión ambiental, entre outras.


Para saber máis:

Para onde vais, Gas Galicia?

Cos ollos ben abertos e o gas pechado

Unanimidade de veciños e Concello para presentar alegacions contra o depósito de gas

O goberno de Cedeira consultará os veciños de Esteiro sobre a construción da planta de gas

A Asociación de Veciños de Esteiro recollerá sinaturas contra a ubicación da Planta de Gas

O goberno de Cedeira pide a colaboración de todas as entidades par evitar a construción da Planta de Gas en Esteiro

Comeza a mobilización dos veciños contra a Planta de Gas

O PP cuestiona a oposición veciñal á Planta de Gas e o espírito de solidaridade que o alenta

 

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off