off
Cedeira, Flor do Monte, Natureza, Ortegal — 6 Maio, 2016 at 11:33

Xiphion latipholium (Miller, 1768)

por
Xiphion latifolium (Flor do Monte.Octava entrega)
Xiphion latifolium.Foto: Calel

Xiphion latifolium.Foto: Calel

 

Até non hai tanto tempo coñecida como Iris latifolia, esta fermosura descarada dos nosos cantís é unha das plantas que formaban parte dos ramos florais protectores que na noite de San Xoán se colocaban ao pé da porta dalgunhas casas da Capelada para protexelas dos perigos certos desa noite de meigas danzantes e barulleiras. Para que a flor non perdese a súa virtú, debería de ser recollida logo do solpor do sol, labor que case sempre corría a conta da cativeiría do rueiro, que se daba présa en volver do cantil antes a noite se pechar de todo. Corría por iso co nome, propiamente capelado, de Flor de San Xoán. Esta espadana azul é especie propia da alta montaña, que asombrosamente conta cun número variable dalgún cento de exemplares espaleados por diversos cantís da nosa serra, en outitudes certamente baixísimas, ate menos dos 300 m. Téñome atopado con exemplares, sempre en números baixos, dende Tarroiba ate o Limo. Ao parecer desta especie forneceríase moitas das variedades de xardiñeiría que dende antes do século XIV se veñen cultivando en Europa, Flora Ibérica dixit. Velái outro dos portentos botánicos da nosa bisbarra deixado ao albur da fame das cabuxas, das labores de desbroce sen coñecementos, do trazado de pistas sen sentido e do capricho estético de calquera paseante sendeirista. Coñecer para protexer. Xa.

2 Comentarios

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: