off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 4 Maio, 2016 at 7:14 a.m.

Do goberno á valenciana á “mascletà”

by
Comprendo que vaian repetir as eleccións,
o asombroso é que vaian repetir os candidatos
(El Roto)

 

O “onde é que van?” guindado por Mónica Oltra a un Pedro Sánchez atrincheirado no “sostenella e no enmendalla”, ten os días contados. Cos primeiros compases da campaña do 26-J xa se empeza a albiscar por onde van os tiros. E desde logo, non é un capricho do destino, por empregar a paifoca expresión de Pablo Iglesias un día de subidón. Terán de impedir custe o que custe que o bipartidismo remate  os seus días do aveso, tentando que a única alternativa sexa dar á tecla do “reiniciar”, o caso é aínda non saben como: se vía goberno á valenciana ou con mascletà

Tras a peripecia pitagórica Sánchez e os seus incondicionais, pretendendo con só 130 votos (os do PSOE e Cidadáns) abarcar 169 (afanando os de Podemos e as Confluencias) chega a hora da verdade. E o climax nesta segunda volta do partido decídese no campo do contrario. Mentres durou o encanto, cando o trágaa era “un goberno de cambio” para 2botar á dereita do poder”, houbo ilusión, confusión e superstición. Mas ao encarar o desempate aparece o revés da trama.

mascletàNen goberno á valenciana, como pretendía nun pírrico ultimato a dirixente de Compromis, nen gaitas.  O que o statu quo demanda é unha gran coalición, con mascletà incluída. Bruxelas; a nova crise do euro ás portas; os intereses do Ibex 35; e os privilexios das castes de PP e PSOE, gozan de prioridade. A máis diso que non se pode mandar ao paro aos miles de funcionarios que ambos os partidos acubillan desde tempos inmemoriais pastando nos diferentes niveis da Administración pública. Neses pagos, os ERE  nen están nen se conta con eles

Chegou o momento do desconto. Terminou o baile de disfraces. Claro que un brusco volantazo non se pode facer así, polas boas. Hai que recrealo con todos os parabéns. Para iso están os medios de comunicación que prosperaron durante o bípedo reinado. Mágoa que, como houbo que maquillar a responsabilidade de bancos, gobernos e construtoras no aguillonazo do austericidio que pagarán os de sempre, hoxe a credibilidade destes axentes de influencia está baixo mínimos.

Aínda así, á forza aforcan. De aí os xestos de desxeo para cando cheguen o casamento. Para empezar, Pedro Sánchez recoñeceu que se equivocou cando afirmou que Mariano Rajoy, o seu adversario no careo televisivo, era  un “indecente”. O improvisado “enragé” pretende ao seu modo mandar unha mensaxe de radicalismo virtual aos eleitores máis díscolos. Iso si, porque onde houbo lume hai brasa, acrescentou que o seu descoido foi só “na forma e non no fondo”. Aínda que a seguir recuperou o retrouso de “nunca co Partido Popular”, porque sabe que agora os votos de esmoal que precisa para sobrevivir están á súa esquerda. Con formato gore ou sen el, o secretario xeral do PSOE entoou o preceptivo “mea culpa”. Condición sine qua non para recuperar o diálogo entre cabaleiros.

Porén non foi ese o único acto de contrición do magoado líder socialista. Tamén manifestou que encara este segundo tempo do partido “coa man tendida a dereita e esquerda”. Quer dicir, que pasou de esgrimir a zurda para virar á dereita co equipo laranxa, a situarse no centro do campo de taboleiro, roubándolle ao “pablismo” a súa vella monserga. Mas  non acordarmos en que había que botar á dereita do goberno? e que os de Podemos eran os principais responsables de que o PP seguise na Moncloa? Quen fai o programa socialista, Ferraz ou o diario El País e eses famosiños, axentes de influencia e intelectuais mediáticos que asinaron un manifesto en favor dun goberno a destra e sinistra de Cidadáns-PSOE-Podemos? Que significa iso de abrirse a dereita e a esquerda, agás que Sánchez patentase o partido-yenka?

Prodixioso Sánchez, que é capaz de estar de volta sen haber ido. Quere ser o neno no bautizo, o morto no enterro e a noiva na voda. Enténdeselle todo, aínda que a partir de agora politicamente será o gran mudo da realpolitik. O seu “estar centrado” só certifica un descomunal fracaso. Nen carne nen peixe. Instalarase na indefinición, deslocalizado, por se algún distraído lle fai as beiras. Aínda que o que esa resaca revela é que terminou facendo a travesía do deserto porque o camiño de Santiago víñalle grande. Por iso o gran oráculo do Grupo Prisa xa mostrou as súas cartas e está a apadriñar como sucesor de Sánchez ao ex frade corazonista Angel Gabilondo, o catedrático de Metafísica (Ontoloxía e Teodicea) que como ministro no gabinete (colexiado) de Rodríguez Zapatero comulgou coa reforma do artigo 135 da Constitución, o ataque aéreo a Libia e a plena institucionalización do Plan Bolonia para submeter a Universidade aos designios do neoliberalismo de mercado.

Sobre todo se como é previsible nas próximas eleccións o PSOE volve facer historia e descende até as capas freáticas, cedendo o segundo posto de Podemos, confluencias e afluencias. Porque tras esa ridícula odisea que agora está a piques de culminar os socialistas poden desangrarse a dereita e esquerda. Tal é o agravio cometido. A opción de deixarense querer pode ter un custo altísimo, e mesmo quedar en terreno inculto se o de Pontevedra  consegue unha remontada póstuma. E non digamos nada se encima os de Albert Rivera logran abotoar un plus de “partido responsabel” nesa histérica aposta de Ferraz contra todo o que soe a ser superados pola esquerda.

Ninguén sabe se tras o 26-J imporase o pacto do bipartidismo in extremis, pero cada vez parece máis claro que esa é a man que arrolar o berce. Por iso é polo que xa xurdiron voceiros “sen ánimo de lucro” coa idea do gran pacto para “acurtar distancias entre o parlamento e a rúa”, coma se fosen comisionados dunha demanda social. É o que esgrime “Sociedad Civil para el Debate”, ente teledirixido en parcería por dúas luminarias do bipartidismo, o xornalista socialista Manuel Campo Vidal e o sociólogo pepero Narciso Michavila. Talentosos profesionais que sempre souberon adiviñar por onde abrollaría o novo negocio.

Ao final e en resumidas contas, o que salga a próxima consulta dependerá do que decida o partido que máis se xoga neste asalto, o PSOE de Pedro Sánchez. De se pensa que salva mellor os mobles pactando unha mascletà “á alemá” con Rajoy (“indecente”, ainda que menos) ou se, pola contra, acepta gobernar “á valenciana” coa coalición Podemos-EU en situación subalterna (por iso mantén o seu slogan “nunca co PP”). Un hermafroditismo político do que tamén blasona Iglesis cando o Primeiro de Maio manifestara cos traballadores en Puertollano contra da reforma laboral de Zapatero cando unha semana antes no seu cartafol morado podía lerse claramente “non derrogar a reforma laboral do PSOE”. Como esa surrealista escena do grupo parlamentario Podemos gritando o “si se puede” para despedir unha lexislatura que nunca existiu. Viagra coral para a impotencia política.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off