off
Galiza, Traballo — 1 Maio, 2016 at 12:24 p.m.

1ºde Maio en chave de reconquista de dereitos laborais

by

Milleiros de persoas participan nas mobilizacións do dia internacional da clase obreira convocadas pola CIG e polos sindicatos estatais UGT e CCOO a máis da CUT e a CGT que malia marcharen por separado avisaron que se non se deroga a reforma laboral a espiral de protesta aumentará até a folga xeral  


A CIG marchou baixo o lema “Reformas laborais e lei Mordaza, anulación xa!”  A CIG, que presentou este luns os contidos da campaña do Primeiro de Maio, Día1maio2016_OLLAPARO Internacional da Clase Obreira, recolle nun documento  as principais demandas que a central sindical dirixe ao goberno que se conforme no Estado español. Demandas que se concretan precisamente no lema escollido “Reformas laborais e lei mordaza, anulación Xa!” e que se acompañan coa denuncia das políticas antisociais da UE e do seu carácter proimperialista.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que compareceu acompañado polo secretario confederal de Comunicación, Francisco Miranda Vigo, explicou, que a central sindical exixe a derrogación das contrarreformas laborais que levaron adiante primeiro o PSOE e posteriormente, con máis intensidade, o PP. Contrarreformas que foron impostas “so pretexto de que a entrada na crise tiña que ver coas rixideces do mercado laboral e que era necesario rematar con elas para saír da mesma”.

A CIG demanda tamén a derrogación da Lei Mordaza que Seixo definiu como “complemento do PP ás contrarreformas laborais” e como un instrumento “para reprimir de forma directa, sen ter que chegar aos xulgados, calquera mobilización social”.

Neste sentido lembrou que se trata dunha lei “enormemente arbitraria e discriminatoria”, que calquera goberno pode aplicar para, de inmediato, “reprimir e castigar a aquelas organizacións sociais que promovan a mobilización social, independentemente de que despois, pola vía do contencioso, poidas chegar ao xulgado e che dean a razón, porque polo de pronto tes que afrontar, en moitos casos, multas de cantidades desorbitadas que poden chegar ata os 600.000 euros. Unha cantidade que é moi difícil de soportar para calquera organización”.

A terceira das reivindicacións da CIG neste Primeiro de Maio ten que ver co modelo de Unión Europea que se está a construír, do que a CIG xa alertou cando se produciu a integración do Estado español no daquela Mercado Común. “Denunciabamos os prexuízos que ía ter nos termos nos que se estaba producindo para o noso país –Galiza- pero a maiores estamos vendo como nos últimos anos, so pretexto da crise económica se están a promover por parte da UE recortes en materia de dereitos laborais e sociais”.

Xunto a isto incidiu especialmente no tratamento que se está dando ás refuxiadas e refuxiados cun comportamento que cualificou de “inhumano”, denunciando a “hipocrisía de pretender presentarse como unha UE defensora dos dereitos humanos” cando logo se lles impoñen enormes restricións ás persoas que chegan como refuxiadas fuxindo de guerras provocadas  por conflitos de intereses xeoestratéxicos da UE que, en non poucas ocasións obedecen a intereses de multinacionais en Oriente Medio, no Norte de África e noutras partes do mundo. “Isto demostra que se está construíndo unha Europa profundamente antisocial e inhumana que está pensada en función dos intereses do capital financeiro europeo e non dos intereses dos pobos e das persoas que a conformamos”.

CUT e CGT, baixo o lema Contra a Europa do Capital, unidade obreira e popular, marcharon unidas en Vigo (co STEG e outros sindicatos) e na Coruña, levando a cabo tamén a CUT un acto en Cangas e a CGT en Pontevedra. Entanto a CNT que celebrou manifestacións  pola mañá en Santiago, Ourense e en Ferrol pola tarde baixo o lema Orgullo e dignidade obreira, fixo un chamamento a construír “un movemento obreiro que integre na radicalidade da súa acción fórmulas positivas e actuais de superación do capitalismo e de construción dunha nova forma social”.

En chave preeleitoral

A posibilidade de eleccións xerais en xuño estivo ben presente nas manifestacións, con chamados á particiapción. A reforma laboral, sinalada polas organizacións de treballadores e traballadoras coma fonte do precariado en aumento no mundo do traballo, é o inimigo a combater.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off