off
Cedeira, Política local — 30 Abril, 2016 at 8:56 a.m.

O goberno municipal de Cedeira resposta a Podemos en relación ás subvencións de libre concorrencia

by

A concelleira de Cultura e Urbanismo de Cedeira, María Xosé Rodríguez López, respostou as críticas vertidas dende Podemos Cedeira en relación ás subvencións de libre concorrencia destinadas a asociacións de carácter sociocultural.

A responsabel de Cultura afirma estar preocupada “tanto polo descoñecemento e erros que conteñen os escritos desa formación, como polo que están a transmitir a nivel político”

É por esta razón que María Xosé Rodríguez considera necesario aclarar que “só hai que botarlle unha ollada á lei de subvencións para entender que a norma xeral e o propio espírito das axudas sempre debe de ser o de libre concorrencia (competir en igualdade), quedando as nominativas como norma excepcional”.

“Esta é a primeira convocatoria de subvencións de libre concorrencia que se fai neste Concello” e adianta que a idea que ten o goberno municipal “é que todas as subvencións vaian nesa liña”, afirmou.

A responsabel de Cultura sinala que “tanto dende esta concellería como dende o grupo de goberno municipal consideramos moi valiosas as críticas e consideracións que se fagan con respecto ao noso labor como goberno, pero entendemos que sempre deben ser rigorosas, contrastadas e non manipuladas e tendenciosas” porque, engade, “si se cae en criticar por criticar ou pola necesidade de adquirir protagonismo aparecendo nos medios de comunicación, en vez de ser aproveitables para toda a cidadanía, o único que poden xerar é desprestixio para quen as emite”.

Nota de imprensa: Pingota Comunicación

8 Comments

  1. Eu non mato o mensaxeiro. Eu quero que o mensaxeiro dure moitos anos.
    A min a liña editorial do Ollaparo paréceme correcta.
    Era tan sinxelo como mirar o Facebook de Podemos. Se Podemos non vos resposta decides na mesma noticia que non vos atenden e xa está.
    Eu non vou discutir.
    Incluso para reforzar os vosos argumentos hai que empregar os argumentos contrarios. Iso non perxudica. Ó revés, pode reforzar ós vosos.

  2. A miña resposta é que as noticias sempre se teñen que contrastar. Ainda que non che guste o contraste. O Ollaparo mereceo.

    • Aclaración:a cidadanía en xeral e os leitores de Ollaparo merecen que todas forzas politicas informen e sobretodo o fagan cando se lles pregunta. O que non é de recibo é matar permanentemente ao mensaxeiro. A revista non fai de avogado de ninguén por moi clara que sexa a súa liña editorial. Ao cabo, estas páxinas estan abertas a Podemos e a calquera opinión con nome apelidos e alegados argumentos e non recebimos aclaración ningunha na redacción nin desta nin do grupo de goberno. A revista limitouse a transmeter un comunicado e puido ser contestado nestas mesmas páxinas pola formación litigante. E de Podemos nin agora nin nunca malia a ofrecimento da revista a acoller discusión política libre, aberta e fraterna entre as persoas e as correntes que fan parte da esquerda. Porén, nestas páxinas non teñen cabimento o ataque às entidades ou às persoas nen o insulto como alegados argumentos. Os comentaritas guindan cuestións que non foran respostadas para alén das obviedades que esta formación política lle oferece preferentemente ao Facebook (grazas Xosé por nos informar) e a La voz e non á única revista de Cedeira. Por exemplo, que se quere dicir cando se afirman cousas como “asociacións amigas” ou “pago de favores”? O plano de subvencións non oferece garantías? Que propoñen?.

  3. Alén do ruxe-ruxe dos apocalípticos integradísimos, antes de máis, afirmo, leu alguén a Lei 38/2003, do 17 de novembro xeral de subvencións? Dando iso por feito, serve o novo plano de subvencións para o ben común de eliminar as distorsións e interferencias que puideran afectar o mercado, ademais de facilitar a complementariedade e coherencia das actuacións das distintas administracións públicas evitando calquera tipo de solapamento? Contrastouse este baremo co anteriormente existente, con planos estratéxicos de subvencións aplicados noutros concellos,en termos de obxectivos localmente alicerzados e verbo da transparencia, eficacia e eficiencia? Por tanto, estudou alguén a situación do actual tecido asociativo e a súas prácticas en termos de obxectivos específicos como a acción social, solidariedade e cooperación, saúde pública, ensino, cultura, mocidade, deporte, promoción económica e participación cidadá? En que estado se atopa? Dando por certo que foi así, que se leu e valorou antes de pór a lingua a pacer, a que conclusións chegaran alén repetir retrousos alleos fora de contexto?
    Que achega este plano de subsídios e axudas a entidades respeito ao que había? Debullou alguén con alegados argumentos que significa no preciso contexto cedeirés “subsídios por actuacións desinteresadas”? Terá a ver co fomento da corresponsabilidade na organización de accións e proxectos en parcería coa administración local? De ser ese o alvo pódese tirar diso “un claro pago de favores” cando ainda non foran concedidas?Quen así alarma podería ser máis preciso? Houbo recortes nos subsídios para as entidades? Estase en contra de incentivar o voluntariado ou a promoción de valores cívicos, de convivio cidadá, de cohesión e compromiso no devir do Concello de Cedeira, dos seus activos territoriais,estratéxicos e humanos, para alén dos respeitivos e lexítimos intereses asociativos? Pódese e débese explorar procesos de participación dentro das entidades? . Acaso a vertebración territorial non precisa de estructuras comunitarias sólidas e activas? Témolas? Pode acadar iso a administración local desde o isolamento, non precisa talvez da complicidade do seu tecido social, dos veciños e veciñas?. Ao cabo, non sirve de nada, nen a ninguén, dispor de moitas entidades que fagan por facer, que non teñan estímulo ningún para organizar novas iniciativas. Acho que todos e todas somos merecedores de tracto intelixente, non si?.

  4. Este é o comunicado de PODEMOS sobre este tema. Gustariáme saber onde está a manipulación da que fala María Xosé Rodríguez López.
    SUBVENCIÓNS POR ACTUACIÓNS DESINTERESADAS
    O pasado 11/3/16 sae publicado no BOP a convocatoria para a concesión de subvencións a asociacións da área socio-cultural para actividades e investimentos, que poden chegar a 2000 euros por asociación.
    Este feito, que poderiamos consideralo coma positivo, supón un claro pago de favores ao ver o baremo de puntuación para poder optar a elas, xa que ao ler o mesmo,observamos con incredulidade o seguinte:
    .-Colaboración da asociación coas actividades a desenvolver polo Concello a través de actuacións desinteresadas ( 10 PUNTOS).
    Pola contra, o autodenominado “goberno galeguista e de progreso”, puntúa o emprego da lingua galega e a promoción da igualdade con 5 puntos.
    Desde Podemos Cedeira entendemos que este tipo de subvencións deberían ter outro tipo de baremo, moito máis obxectivo, e que non responda ao amiguismo e implicación directa de determinados concelleir@s nas asociacións.

    • Pablo César Galdo Regueiro

      Então, por que não concretar um pouco mais? Por ver de que se trata.
      Que concelheiros? Que associações? Quais favores?

  5. Pablo César Galdo Regueiro

    Para mim, o problema das subvenções parte do feito de dependermos delas. Erro sistêmico que morrerá canda o sistema e que, por tanto, não vai ser arranjado por nenhum partido do atual circo eleitoral e parlamentar, por serem instrumentos do próprio sistema.

    Generalmente não dispomos de dinheiro para atuar com independência porque esse dinheiro vai cair em mãos doutros, que se ocupam de “orientar-nos” no que mais nos convêm à hora de realizar o gasto.

    De entre toda a riqueza que nos usurpam, uma pequena parte destina-se a que os órgãos do Estado administrem aonde podem ir os quartos que necessitamos para as nossas atividades culturais. Aí é onde os políticos que andam a governar repartem por aqui e acolá, até que alguma migalha chega para que o governo municipal disponha o que quiser.

    O Pleno aprova as convocatórias, onde se determinam uns critérios, que podem ser mais ou menos objectivos, parciais ou imparciais, e todo o que se queira. A verdade é que, por muito que se esforcem os legisladores, umas bases deste tipo nunca vão agradar a todo o mundo.

    Neste caso parece que os de Podemos não concordam com as bases, porque seica estão feitas para benefício de alguém. Fiquei com o mel nos beiços. Sabendo tanto, podiam dizer para quem estão confeccionadas.

    Este tipo de acusações, nas que se atira a pedra e se esconde a mão, são cousas de fala-baratos. A léria de todos os dias à que nos querem acostumar os partidos políticos. Podemos entra com força no jogo da caverna midiática.

    O ajeitado, tratando-se dum partido com aspirações eleitorais, seria fazer uma retrospectiva, ver se estas bases são melhores que outras anteriores e explicar os aspectos a melhorar, com propostas concretas.

    Vê-se que é melhor botar sapos e criar confusão. Está mais na moda.

Grazas por leres e colaborares co Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off
A %d blogueros les gusta esto: