off
Cedeira, Meio ambiente, Movementos sociais, Política local — 26 Abril, 2016 at 5:49 p.m.

O PP cuestiona a oposición veciñal á Planta de Gas e o espíritu de solidaridade que o alenta

by

En declaracións feitas por Luis Rubido (PP) nas que nega a existencia  do proxecto técnico sobre a instalación dunha Planta de Gas Licuado en Esteiro e desmentidas polo alcalde Moreda alegando que hai un proxecto presentado no Concello, que xa tén feitas alegacións e ao que pode acceder calquer cidadá.


O proxecto para construir unha “Planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e rede de distribución en MOP  0,4 BAR para fornecimento  a Cedeira”  a pouco máis de dous quilómetros do nucleo urbano  xerou a oposición entre os veciños da zona. Ao cabo, a estratexia espansionista de Gas Galicia está a topar coa oposición veciñal en todos os concellos afectados no territorio. O que non debe ser casualidade. Porén, o Partido Popular vén de dicir que o proxecto non existe, que non entrou por rexistro ningún.plantaGas_Saá

Segundo fontes consultadas o proxecto, a planta tractará o gas, que almacenará nun grande depósito na parroquia de Esteiro, en leiras situadas entre os lugares de Saá e Loureiros,  rente a confluencia do regato de Saá e Redemuiños, xusto por baixo do antigo Escolar de Indianos e da igrexa parroquial de San Fiz. Os promotores da plataforma veciñal temen a perigosidade e contaminación da planta, sumado ao tránsito de camións cisterna e a imposición de servidume permanente de paso dos tubos de gas e ás repercusións negativas que tería sobre o medio ambiente nunha zona eminentemente agrícola,  a imaxe e o turismo da vila e terra de Cedeira. Tamén o Concello de Cedeira se manifestou en contra presentando alegacións  no ámbito das súas competencias urbanísticas. Menos o PP, que seica vé “unha estafa emocional”(sic) na mobilización da cidadanía co apoio da cámara municipal, mesmo afirmando no xornal La Voz de Galicia “que non entrou por rexistro ningún proxecto técnico sobre a instalación, nen hai disponibilidade de leiras nas zona por parte da empresa promotora”. Moreda declarou que hai un proxecto e que xa tén presentadas alegacións.“Que o PP faga o seu traballo de seguimento da actividade municipal para sabelo”, afirmou o alcalde do goberno tripartito. 

Se apoia o traslado á Trabe, a que vén tanta teatralidade dicindo que non lle consta proxecto ningún cando só ten que consultalo no Concello ou chamar á Direción de Enerxía e Minas da Conselleria de Industria da Xunta de Galicia en Compostela e solicitar como calquer cidadá copia do proxecto?

As declaracións causan pasmo e a cuestión que se deduce delas é como é que sabe Luis Rubido(PP) que non hai disponibilidade de leiras na zona se segundo as súas próprias afirmacións disque non entrou por rexistro  ningún proxecto técnico?  Cóstanos imaxinar até que punto esta pose coacciona sen aparentalo á persoa que dá a súa opinión con toda inocencia. Como é o caso de negar a existencia do proxecto, afirma coa rotudidade de quen tén coñecimento de causa que non hai leiras dispoñibles onde o “proxecto inexistente” di que se quer ubicar e logo manifestarse a favor da súa ubicación no polígono industrial. Conmovedor.

Detrás desta sofisteria útil para encher as columnas dos xornais e convencer incautos disimúlanse a implicación amplia e decisiva do Partido Popular no presente modelo enerxético.

Enténdese que Rubido atopara aquí un frente no que erosionar a acción de goberno do tripartito, mas non hai na impostura do exalcalde unha  arrogante inconsistencia que o leva a contradicirse a forza de pasar por indocumentado? As declaracións gratuitas a La Voz encerran unha grande falta de respecto á cidadanía que o leva a supor que é a administración local a sospeitosa e non a autonómica, cuxa Conselleria de Industria está xestionada polo seu partido o PP,  por non falarmos do preceptivo informe emitido polo técnico municipal con alegados argumentos en contra do proxecto presentado por Gas Galicia? Sendo o Plan Xeral de Ordenación Urbana a máis forte  ferramenta da administración local, a decisión final é da Xunta no relativo á enerxía e á minaria . “Estafa emocional”, u-la? Se a xente se desentendera da política, Rubido seria feliz como é feliz Rajoy, non tería que facer aquilo do que gosta tan pouco: dar explicacións ou ter que pensar nun proxecto político (ao cabo, a dereita sempre gostou de que só vaian votar quen o fai con resignación e sen preguntar, que é como aos seus ollos, desde a pirámida da arrogancia na que está instalada, con máis vaidade que fachenda). Quen estafa a quen?

Porén, está ben que por vez primeira na traxectoria política Rubido este se manifeste en contra do que o PP apoia desde a Xunta ou  Madrid e que nun futuro inmediato o vexamos solidarizándose cos veciños a pé de rúa no caso de que o “proxecto inexistente” acabe querendo ser instalado en Esteiro por imperativo competencial.

O Concello faria ben, para rematar cos dixome-dixome, en expor públicamente no web as sús alegacións e toda a documentación oficial

Incluindo a exposición pública do proxecto de ubicar a GNL  no polígono de A Trabe en 2011. O 4 de novembro de 2011 Gas Galicia recebiu licenza para  instalacións no Parque Empresarial A Trabe (expediente IN627A2008/9-0), acto administrativo que Rubido debería coñecer ben xa que o PP tiña recuperada a maioria absoluta nas eleccións de maio. E que empresa estrañamente deixou caducar malia dispor da licenza administrativa de Industria para reaparecer con outro proxecto en febreiro de 2016 coa intención de ubicalo  fora de zona industrial e nas leiras de Esteiro. Luz e taquígrafos fronte o escurantismo.

Outras servidumes: as consecuencias de paso

Porque non se trata só de ubicar a PGL nunha zona inapropriada -sen entrarmos agora nas consecuencias da aposta da Xunta e do goberno central,ambos e dous do Partido Popular, polas enerxías non renovables- porque da planta de almacenaxe e tratamento de gas licuado irradia a tubaxe de distribución que precisará que a  conexión do fogar á redes  precise que a canalización por medio de tubo pase, quer por  propiedade privada, quer por unha comunidade de veciños ou en rexime de copropiedade (comunidade de bens), o que implica problemas non mencionados pola empresa Gas Galicia no seu proxecto que, coñecéndoos, tenta minimizalos.

Velaí que o paso da tubaxe de gas por unha zona común pertencente a varios veciños implica, ao tratarse dunha zona de servidume de paso permanente, que a empresa Gas Galicia poderá prestar o servizo indefinidamente. Se ben podería acordarse a suspensión, mas abonando indemnización. Para despois ampliar os tubos, a empresa precisaría nova autorización,  mas non para entrar a facer labor de mantenimento que considere necesarias ou esté obrigada por lei. Quer dicer, que estando autorizando unha só tuberia no ano 2016 pode darse que no 2017 accedan operarios dunha contrata de Gas Galicia a cambiar tubos  por outros e a ampliar a rede. Alén diso, a servidumbe de paso con Gas Galicia  leva aparellada alguns condicións como  non facer sumidoiros, non cavar, non edificar e non plantar (ver:outorgamento de servidume de paso)

Abonda dicir que Gas Galicia ten todo isto de balde, xa que tentase convencer aos veciños de que  serán eles os beneficiados polo fornecimento que a empresa lles dá maneira altruista, esquecendo citar porén as consecuencias legais que tén a autorización.
En que condicións poden as empresas gasísticas pasar por  leira allea?  Primeiro, convén fitar os artigos 112 e 113 do Real Decreto 1434/2002, de 27 de decembro. A empresa tén que evitar pasar por propiedade privada se concorren as condicións citadas, que son a existencia de vía pública perto, a posibilidade técnica e que o desvío non sexa superior ao 10% da lonxitude do  trazado sobre chan privado.
Segundo, dado que se trata de propriedade privada, precísase da aprobación por parte dos seus propietarios.  En rexime de comunidade de veciños -oficialmente propiedade horizontal- precísase dun terzo dos votos a favor. Pola contra, onde hai copropiedade ou comunidade de bens precísase a totalidade ou unanimidade de votos a favor, por mor do artigo  597.1 do Código civil.

One Comment

  1. Cando fala de chantaxe , a que se refire: ao catastrazo e recalificacion, ou a intentar remendar o que ben dende Santiago por que xa había unha porta xiratoria virando.
    Non será que ten medo a que a xente se organize?

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off