off
Cedeira, Meio ambiente — 20 Abril, 2016 at 8:58 a.m.

O Concello impulsará a creación dunha plataforma en defensa da ría

by

O Concello de Cedeira está a dar os primeiros pasos de cara á creación dunha plataforma en defensa da ría. Como punto de partida, o goberno local convoca para o próximo venres, día 22, unha mesa redonda, aberta e participativa que dará comenzo ás oito da tarde no auditorio municipal e na que se tratarán temas como a problemática que vén afectando á praia da Madalena cando se producen temporais ou os vertidos á ría. Ademais dos responsables municipais tomarán parte na cita representantes de Adega e de Somos Cedeira. Esta será unha primeira toma de contacto que as partes implicadas esperan converter no xerme do que do aquí ao medio prazo podería transformarse nunha tribuna participativa na que expertos e poboación local acorden e leven adiante aquelas accións que garanticen a conservación da ría e dos seus recursos.

A convocatoria é unha iniciativa máis do goberno local para avanzar na conservación do medioambiente. Así, non hai moitas datas, os representantes municipais mantiñan un encontro de traballo con responsables da Demarcación de Costas en Galicia para atopar, un ano máis, unha solución aos efectos que os temporais do inverno provocan no areal da Madalena, cando a area arrastrada levanta un ribazo na praia.

O Concello tamén vén cumprindo coas medidas de prevención impostas pola Xunta para tratar de controlar posibles vertidos á ría, ademais de buscar financiamento para mellorar o funcionamento da depuradora. Dende Augas de Galicia xa existe o compromiso de destinar este mesmo ano cartos para construír un tanque de tormentas co que controlar os niveis da estación de tratamento.

 

Nota de imprensa: Pingota de Comunicación.Concello de Cedeira

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off