off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 18 Abril, 2016 at 5:38 p.m.

Podiamos I+D+i

by

podiamosI+D+IComo adoita acontecer a eito, tamén na consulta de Podemos sobre o pacto de goberno gañou a abstención. Cunha participación do 37,97%, lonxe por tanto do ecuador estatístico do 50% que se considera quorum con lexitimidade, dun total de 393.538 inscritos, só 131.561 avalaron a proposta da cúpula da formación respecto da primeira pregunta e 136.291 sobre a segunda. E lóxicamente, tamén como por costume, o resultado foi valorado como “un rotundo éxito” polos seus dirixentes.

Tanto que desde a dirección do partido emerxente non insistiron na carta que agardaran na manga durante os días de votación. Ese comodín na recámara de catalogar inscritos activos e inscritos dormentes. Escalafón que podería permitirlles, chegado o caos, computar a sondaxe sobre o total con dereito a voto ou, pola contra, só sobre os que demostraron fidelidade á causa (a cifra roldaba os 150.000 activos). Vese que era unha estratexia para usar só como control de danos, en casos de estrita emerxencia. Querían evitar o ridículo dunha ínfima participación, dado que no derradeiro escrutinio do 25 de novembro de 2015, para valorar o Programa Electoral, só concorreu un raquítico 3,17% dos convocados.

Mais ao final salvouse a faciana e esta foi a terceira consulta ás bases con maior apoio, despois da realizada en outubro de 2014 para a aprobación dos Estatutos, referendada por un 54,4% dos seguidores e a de novembro dese mesmo ano, para dirimir a elección do secretario xeral e do Consello Cidadán polo método-rodete dos listos ferros, que alcanzou un 42,6%. A partir dese momento e até agora todos os restantes refrendos saldáranse pola mínima e costa abaixo: 34,6% a elección dos líderes municipais (1/2015); 26%, a dos líderes autonómicos (2/2015): 15,9%, as primarias electorais para as eleccións xerais do 20-D (7/2015); e ese paupérrimo do 3,7% de cinco meses atrás.

O que deita algunhas perplexidades que só teñen explicación polo acusado perfil hierarquizado e personalista da carapaza organizativa de Podemos. Como explicar porén que un asunto tan decisivo como é o apoio  ao programa electoral só concitara o interese dun 3,7% dos inscritos (especie de afiliados 2.0) e pouco tempo despois, algo tanxencial como é a consulta para son os pactos de investidura, acade un apoio de 30 puntos máis. Aparte, por que o pleonasmo político de volver pedir a opinión sobre algo (investidura) que só debería ser a exacta execución do xa votado (o programa)?

E aquí é onde a capacidade de I+D+i de Pablo Iglesias e os seus incondicionais supera todos os estándares. Nen sequer o famoso “OTAN, de entrada Non”, que inventou Felipe González para que nada mudara en canto a pertenza de España ao Pacto Militar, atreveuse a tanto. Porque as bases de Podemos, nun exercicio inédito de intrusismo profesional, votaron por unha opinión que lles era totalmente allea. Emitir opinión sobre a pregunta “queres un goberno baseado na o pacto Sánchez-Rivera?”, é ciscar en poleiro alleo. E ademais, se hai un programa electoral rubricado e selado (mandato á fin e ao cabo) que marca a liña programática e de acción política claramente á esquerda, que sentido ten pronunciarse sobre as propostas do adversario político. É, mal traído, coma se un clube de veganos abrise barra libre para coñecer se os seus membros prefiren a carne no ponto perfeito ou bastante feita. Ou preguntar aos socios do Barcelona se lles parece ben que os do Madrid nomeen como presidente a Florentino Pérez. Surrealista, abofé.

Desde Tsipras sabiamos que se pode gañar amplamente un referendo e interpretar a vitoria en sentido contrario. Agora, con Pablo Iglesias, tamén comprendemos que é posibel votar sobre o que fai o inimigo para decidir a propia estratexia.

Neste mundo traidor, cando vindo da inhóspita rúa ocúpanse as institucións e os partidos énchense de cargos nas distintas administracións do Estado, xa nada é certo nen mentira. Todo depende xa da cor con que se mira.

2 Comments

  1. As votacións en Podemos se plantexan como ratificacións de acordos que previamente xa se tomaron onde as discusións políticas rara vez participan as bases. Más que a una “democracia participativa”, asistimos a unha “democracia ratificativa” na que a cúpula do partido político decide tanto o contido das preguntas como o momento, o cando e cómo se convocan as bases, facendo susceptíbel de converter a consulta nun plebiscito a favor do líder.
    A “Democracia virtual” ademáis de ter unha nula credibilidade garantista demostrada, convértese así nunha democracia ratificativa das decicións das cúpulas fronte á democracia participativa das bases que se da no asemblearismo de esquerda tradicional.

    A “nova política” de Podemos está a resultar unha forma de vella política nada garantista para a democracia interna, dun xacobinismo rancio, reseso e moi vello, ademais de hiperrecentralizadora, onde Madrid e so en Madrid se corta e se coce o bacallao… senón que llo pregunten a Breogán. Sen contar que Podemos a nivel local non está a participar en ningún foro, mesa redonda ou actividade vital para o futuro do noso concello, caso de “Salvemos a Praia da Madalena”, Saneamento, loita veciñal contra a imposición de ubicación de Gas Galicia, solidriedade coa memoria e reparación aos represaliad@s do franquismo… etc… etc… etc. A única preocupación é o aluguer de bicicletas ou a arroutada a golpe de titular chorra de prensa.

    UN POUQUIÑO DE SERIEDADE NON VIÑA MAL

  2. Marta Diaz Painceira

    «Emitir opinión sobre a pregunta “queres un goberno baseado na o pacto Sánchez-Rivera?”, é ciscar en poleiro alleo.»

    Pois penso que non, xa que a proposta de Sánchez a Podemos era exactamente esa: si os veganos querían a carne pouco o moito feita ;-), cando o que non queren é carne.

    Supoño que as preguntas poderíanse facer de moitas maneira, pero tal como se fixeron a mín parécenme ben clariñas.

    Considerar a participación de 150.000 inscritos, ou os que sexan en cada caso, un quorum deslixitimador, ignora a realidade da falta de costume de participar activamente na toma de decisións de abaixo arriba nos partidos políticos. Eu creo que é unha cifra esperanzadora para unha organización de tan corta existencia. Pero eu, supoño que lonxe do autor, considero Podemos un soplo de nordés que veu aliviar e limpar un ambiente moi cargado e porco dabondo.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off