off
Economía, Opinião — 16 Abril, 2016 at 10:04 a.m.

La Voz de Galicia e Ausbanc

by

Executivos de La Voz de Galicia mantiveran contactos profesionais con Luís Pineda, presidente de Ausbanc, a organización de extorsión agora desmantelada pola UDEF (Unidade de Delitos Económicos e Financeiros).


O presidente de Ausbanc, Luis Pineda (Málaga, 1962), detido onte, era coñecido na mocidade polos tribunais

Na súa etapa final, o Diario 16 do Grupo Voz, fichou como columnista a Luís Pineda, un antigo dirixente ultradereitista na actualidade presidente da Asociación de Usuarios de Servizos Bancarios (Ausbanc), entidade privada imputada pola fiscalía como unha organización criminal dedicada á extorsión.
Executivos de La Voz de Galicia mantiveron contactos profesionais con Luís Pineda, máximo responsable de Ausbanc, a asociación agora desmantelada pola UDEF (Unidade de Delitos Económicos e Financeiros). Ocorreu cando o holding mediático de Santiago Rey Fernández-Latorre mercou o histórico cabezallo de Diario 16 nunha poxa xudicial para relanzala desde Madrid. A operación abarcou desde 1998 a 2001, data na que o rotativo fechou definitivamente acosado polas débedas e sen apenas lograr facerse un oco no competitivo mercado xornalístico.

Diario 16, como cabeceira do Grupo Voz, contou como editor directo a Emlio Rey Berguer, fillo do patrón galego, e tivo varios directores no seu escasos catro anos de vida. Malia saír aos quioscos durante os gobernos do Partido Popular, o xornal nunca chegou a ser contrapeso informativo de El País. Os seus propietarios pretendían desbancar ao tradicionalista ABC nas preferencias dos novos inquilinos de Moncloa cun modelo de comunicación de rumbo máis liberal. Algo que ocorrería a título particular na etapa Rajoy por algunhas persoas de segundo nivel useiras e veceiras  desa estratexia.

Precisamente Bieito Rubido, na altura director de La Voz de Galicia, e Luís Ventoso, a súa man dereita á fronte de Diario 16 naquel momento, son quen na actualidade controlan o día a día do buque insignia monárquico.

“Diario 16, un xornal aberto para unha sociedade aberta”, era o titular do texto con que o tándem Rey e Ventoso anunciábase como salvador da clásica cabeceira da transición cargando temerariamente contra os seus anteriores equipos: “Unha pésima xestión empresarial e xornalística conduciu ao xornal a unha grave crise na segunda metade da década do noventa. Editores afeccionados, irresponsables e ás veces sen escrúpulos cavaron unha fosa económica que parece inexplicable. Xornalistas afectos a estridencias estériles incorreron no ton amarelo (…) É en xaneiro de 1998 cando Diario 16 volve contar co respaldo dunha empresa profesional do sector da comunicación”.

A conexión entre La Voz de Galicia e Ausbanc produciuse no último tramo de existencia de Diario16, cando casa nai nomeou director do rotativo madrileño a Angel García, que tiña traballado na revista “Muy interesante” e o programa de Telecinco ·Esta noche cruzamos el Mississipi”, entre outros medios. Na altura, caracterizada por constantes dificultades económicas e bandazos na súa liña editorial, cando a firma do agora detido Luís Pineda asomou como comentarista económico nas páxinas da publicación patrocinada polo Grupo Voz.

Poucos despois, en novembro de 2001, Diario 16 era clausurado deixando na rúa a 118 traballadores só poucos días antes de que o seu enterrador, Santiago Rey, recibise de mans do alcalde da Coruña, o socialista Francisco Vázquez, o título de Fillo Predilecto da cidade. Pola súa banda, o seu home de confianza na agonía de Diario 16, Angel García, pasaría despois a dirixir a revista de Ausbanc, asociación controlada polo polémico Luís Pineda. Nesa altura, a entidade monopolizaba o sector de “defensa dos consumidores” e os seus actos adoitaban publicitarse regularmente nos principais diarios nacionais, chegando mesmo a impartir seminarios “da súa especialidade” nos Cursos de Verán grazas ao apoio financeiro do presidente do Banco de Santander Emilio Botín.

Na súa mocidade Luís Pineda, “Luispi”, foi o máximo dirixente da Frente de la Juventud (FJ), organización de extrema dereita caracterizada pola violencia e o fanatismo das súas actuacións contra grupos da esquerda política e sindical, movéndose na contorna das tramas negras parapoliciais e do terrorismo ultra. Pineda foi detido en varias ocasións por altercados públicos, nunha delas acusado de lanzar artefactos explosivos na rúa de Fuencarral da capital para conmemorar o primeiro aniversario do golpe de estado do 23-F. Tamén cumpriu condena por asaltar a unha vivenda a man armada, secuestrando a unha anciá propietaria dunha xoiaría co fin obter diñeiro para sufragar as súas actividades fascistas.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off