off
Cedeira, Historia, Movementos sociais, Opinião — 13 Abril, 2016 at 10:26 a.m.

Non lavarse as maos

by
Composición. Memorial Campo de Presentados e Prisioneiros de Cedeira
Composición. Memorial Campo de Presentados e Prisioneiros de Cedeira

O “goberno galeguista de progreso” (sic) fainos un triste favor como pobo se aceptamos como argumento que os problemas importantes non se poden afrontar sen tirar de parceiros que, en calquera caso, achegan o seu coñecemento ou actividade de balde e con caracter subalterno. Algo así a esperar a que mañá muden as condicións meteoreolóxicas para solucionar asuntos pendentes e problemas existentes arestora. Non é raro, porén, atopar motivos transitorios e extrínsecos para non asumir responsabilidades inmediatas. Dos problemas de bombaxe da EDAR, pasando pola desfeita da ria e da praia da Madalena  ou a “homenaxe aos cedeireses que sufriron persecución”(sic). E algúns algo máis que persecución: asasináronos e permanecen nas foxas. Vítimas vilvemente silenciadas, perseguidas, represaliadas, estigmatizadas e asasinadas entre os anos 1936 e 1975. Xenocidio contra a humanidade provocado polo golpe de estado militar do criminal de guerra  Franco, e de tantos outros, co apoio incondicional da Igrexa Católica, contra o Estatuto de Autonomia de Galicia e contra a Segunda República Española o  18 de xullo de 1936, que ordenou a persecución e o  exterminio das persoas que non fosen  adictas ao novo rexime ou tiveran a aciaga sorte de pasar por alí ou de “significarse”. Xa o dicía o ditador, “usted haga como yo y no se meta en política”. Non facía falta. Cómpre repararmos, aliás, que todo o que se presenta ao fio da “memória histórica” do  franquismo está centrado en exclusiva na represión fascista exercida durante a guerra e os anos inmediamente posteriores (en Galiza a represión interior comezou antes por non ter fronte de guerra). Alén diso, no caso de Cedeira nen sequer foi exhumada  foxa ningunha  malia haber constancia de unha con fusilados cedeireses nas grañas do Sor . Malia contarmos co inxente e valioso traballo de Xosé Manuel Suárez, historiador que apostou pola historia local da represión como primeira acción de reparación das vítimas da violencia e represión franquista. Porén, esta será a primeira homenaxe aos represalidados locais durante a guerra e nos anos 40, venerables avós e avoas que, no que vai de democracia, nunca  tiveran oportunidade de explicar en público a súa experiencia.

Que facemos para reparar ás vítimas, facer xustiza, acabar coa impunidade e pola construción da memoria histórica?. Na maioría de países democráticos o coñecemento do pasado, así como a reparación e xustiza para as vítimas de períodos represivos, son parte dos alicerces  do pròprio sistema. Pola contra, no caso de Galiza e de España, a debilidade da democracia ten a súa raíz na impunidade da ditadura, o abandono das vítimas e a ausencia de políticas de memoria. E que se pretenda fechar en falso, como é o caso da Lei 52/07  da Memoria Histórica, que non recolleu os puntos fulcrais que tiñan proposto moitas entidades memorialistas desde o punto de vista das normas internacionais , os dereitos humanos e a própria lexislación española, a condena do alzamento militar contra a República legalmente constituida, a ilegalización da ditatura fascista do Xeneral Franco, a nulidade das  sentenzas xudiciais polos tribunais represivos, a reparación axeitada a todas as vítimas da represión,etc.

Abrir feridas? Quen iso pense, que sentiran cando durante os corenta anos de ditadura ou os trinta anos de democracia se homenaxearan e beatificaran aos caidos dun bando? Arestora, após 8 décadas, debería ficar claro que non se trata de perseguir a ninguén, falamos de reparar as vítimas en sentido moral, político, cultural e económico. O franquismo non só tentou eliminar fisicamente a quen consideraba os seus inimigos mas tamén a memoria. O que é tan fodido  en termos colectivos como a própria eliminación física. Para iso a propaganda franquista  alicerzou dous equívocos no imaxinario colectivo: que  a República tiña sido unha experiencia traumática para o país (e que era a causa da guerra civil) e que o país dividíase entre vencidos e vencedores (que tiñan os dereitos). E o que é pior, aos “vencidos” non se lles permiteu facer o dó.  Até hoxe. Esta visión do pasado fixo moito mal, até o punto que o rexime democrático actual non recoñece a República como o seu antecedente máis inmediato, o que reforza as ligazóns do sistema democrático co franquismo.

Infelizmente, callou a presunta evidencia segundo a cal a ditadura é unha etapa remota da historia, superada e deixada definitivamente atrás por un presente democrático para o quen o franquismo é apenas unha triste lembranza. Porén, o uso de eufemismos dá mostra da insuficiencia da  homenaxe programada. De que algunhas cousas, após 80 anos, ainda non se poden enunciar nen chamar polo seu nome, permanecer en wait and see,  e que sexan sempre outros os que asuman esa responsabilidade. Velaí a homenaxe asturiana aos represaliados no Campo de Presentados e Prisioneiros de Cedeira a falta dunha entidade memorialista cedeiresa que procurara desde dentro a reparación.  Acontece demasiado amiúdo: como os comboios que chegan tarde “por causas alleas a Renfe”.

A tendencia a facermos exercizos florais de nostalxia reparadora, necesaria e acaída por render homenaxe á vítimas, non debería obviar tampouco que os responsables politicos, xudiciais e policiais daquela represión continuaron e continuan en moitos casos en activa complicidade de silencio e algúns mesmo  recebindo recoñecemento público polas súa “defensa da democracia”. Implicacións políticas de maior alcance na medida que implican un cuestionamento das condicións nas que se produciu a denominada transición democrática.

Estraña homenaxe cando se obvia dicir que as execucions extraxudiciais, as torturas e os paseados con tiro na caluga eran paisanos e conterráneos.  E todo sobre o transfondo do anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galiza de 1931 (ese gran descoñecido) e a aprobación no 36. Con certeza, o referente histórico máis inmediato para un alegado goberno galeguista de progreso para a vila ou para o país. Seguimos  eludindo o asunto, a que todas as forzas políticas se definan con claridade respecto ao golpe de estado e a distribución territorial do poder. A cuestión nacional, e o seu corolario, a distribución  do poder que na altura defenderan o republicanismo autonomista e o nacionalismo galego. Haberá ainda que lembrar que o Partido Galeguista tivo de ficar na clandestinidade até a súa desaparición e que as forzas galegas de esquerda  non foran legalizadas nas primeiras eleccións do 1977 ?

Hai moitos meses que PSOE, ANOVA e BNG asumiran competencias  e compromisos – coa inestimabel axuda externa de Podemos- para teimar no socorrido lavado de mans sexa por falta de recursos sexa por desconfiaza na cidadanía. Ou é que o goberno do PP non podería ter cumprido cos seus compromisos electorais con máis recursos?  Calquer goberno en calquer momento da historia pode abducir falta de recursos para non cumprir as súas responsabilidades.

Acaso mañá seremos máis progresistas e máis galeguistas do que hoxe? É unha lóxica que tén un comprido e cómodo percorrido. Se nos defenimos como tal, todo está feito e non hai que demostralo.  Un periodo especial de transición que dura o que dura unha lexislatura; despois, xa veremos; despois a culpa podería ser do PP; da mudanza climática, da amnesia colectiva ou ou da crise de valores da xuventude…

Pódense defrontar os problemas, e a súa solución non depende só de recursos económicos. Hais vilas  máis pobres que Cedeira con sectores sociais avanzados, con mellor educación e coñecemento da propia historia, medio, idioma e cultura, máis sensibles ao realmente importante ou con taxas de desemprego máis baixas. Hai vilas  lixeramente máis pobres que teñen unha capacidade máis inovadora. Alén diso,  hai responsabilidades de goberno bastante independentes dos recursos dispoñíbeis, como é o caso da praia de Cedeira ou a “homenaxe aos cedeireses que sufriron persecución”(sic). Un goberno tén a obriga de propor solucións a longo prazo, mas tamén o requerimento de defrontar a inmediatez e de xestionar os recursos que tén, que se ben son insufientes, hainos. O alegado goberno galeguista de progreso sería o máis beneficiado se o goberno demostrara saber gobernar o Concello de Cedeira con gran competencia, efectividade mas tamén democratizando o que non foi democratizado en corenta anos de bipartidismo transicional, ainda que aquí nen de faciana mudou. Acrescentaría a súa credibilidade. Máis galeguistas e soberanistas pensariamos que o goberno está en boas maos e máis cedeirenses serian favorables dunha esquerda galega, que dicer, non subalterna.

Falarmos de memoria histórica non é unha volta ao pasado: é unha necesidade do presente, pois non seremos unha democracia plena sen antes reparar e dignificar ás vítimas. Catro décadas despois da morte de Franco, queda moito por facer. A insuficiente lei de memoria histórica, as vías xudiciais abertas, a acción do movemento cidadán; e a responsabilidade dos distintos axentes políticos e sociais e a invisibilización no nomemclator de rúas e prazas, por debullar apenas uns casos, centran as nosas propostas para construír unha memoria democrática. É dicir, para construír democracia.

Malia todo, quen isto escribe, con visión de futuro, esta primeira homenaxe aos asasinados e represaliados cedeirese, é un  punto de partida que deberá ter continuidade en base aos alicerces da reivindicación aquí defendida: a verdade, a xustiza e a reparación.


Ao mellor tamén che interesa:

Nomes e voces teñen as vítimas da represión franquista en Cedeira

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off