off
Cedeira, Estado, Historia — 13 Abril, 2016 at 06:31

Homenaxe aos cedeireses e cedeiresas que sofriran persecución no 36

por

A Asociación Memoria Histórica Democrática organizará entre abril e maio un programa de actos de homenaxe ás victimas cedeiresas do golpe de estado fascista


Ollaparo_memorial_loureirosCoñecer a represión franquista durante a guerra civil e a ditadura desde o a perspectiva da investigación histórica e ofrecer datos sobre as persoas que sofriron algún tipo de persecución por mor da súa ideoloxía ou o seu apoio á República é o obxecto dunhas xornadas que se desenvolverán en Cedeira nos meses de abril e maio.

A organización corre a cargo da asociación cultural Memoria Histórica Democrática de Ferrol, que conta coa colaboración do Concello de Cedeira (Concellería de Educación) e dos grupos Anova, BNG, Esquerda Unida, Podemos e PSOE.

O programa de actos comezará este venres, 15 de abril. Ás 19.30 horas no Auditorio Municipal lerase un manifesto pola recuperación de memoria histórica, haberá unha intervención de familiares directos dos represaliados e proxectarase o documental “O segredo da Frouxeira”.

A continuación haberá unha charla-coloquio na que participarán Enrique Barrera –escritor, historiador e membro da asociación Memoria Histórica-, Paulino Gasalla -descendente do derradeiro alcalde republicano de Serantes, Alejandro Porto Leis, e que foi quen empezou a investigación narrada en “O segredo da Frouxeira”- e Xosé Abad, director do documental.

A seguinte xornada será o 17 de abril na praza da Constitución (praza da Revolta) e consistirá nunha ofrenda floral. Servirá como homenaxe aos cedeireses que sufriron a persecución do franquismo e aos antifranquistas presos no campo de concentración que se atopaba nas antigas fábricas de conservas de Cedeira.

O 28 de abril, no IES Punta Candieira proxectarase o documental “A pegada dos avós”, outra película de Xosé Abad que narra a investigación emprendida por un grupo de rapaces adolescentes para coñecer a historia do golpe franquista e as súas consecuencias. O propio Xosé Abad, xunto con Enrique Barrera, Aitana Tubío (alumna do IES Adormideras da Coruña) e Amada Toimil (neta de represaliada) participarán a continuación nunha charla coloquio.

O mesmo documental poderá verse na sala Áncora ás 19.30 en sesión aberta para todo o público. Do 22 de maio ao 5 de xuño estará aberta na sala de exposicións do Palacete da Vila unha mostra de paneis con documentos en distintos formatos sobre o tema “Galegos en Mathaussen”.

Xa para rematar o ciclo, no mesmo escenario, o 28 de maio ás 19.30 horas proxectarase e escenificarase “Ao solpor na praza do Peixe”, de Antón Labraña. A continuación, ás 20.00 horas, Enrique Barrera pechará os actos cunha conferencia en torno ao tema da exposición, sobre o que ten un libro do mesmo nome.

 

Nota de imprensa: Pingota Comunicación

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: