off
Movementos sociais, Política — 11 Abril, 2016 at 8:10 a.m.

Sindicalismo de amiguiños

by

pratoquebradoCon 15-M ou sen el, o certo é que o movemento de protesta social que arraizou espontaneamente en moitas rúas e prazas do país contra o austericidio tivo cumprido reflexo no panorama político. A réstea de eleccións que houbo  de 2014 e 2015 (europeas, locais, autonómicas e nacionais) deu como resultado a fractura e descrédito do bastión partidocrático. O vendaval dos indignados, as plataformas e as marés puxeron data de caducidade ao bipartidismo, o preceito da vergoña con que o sistema de explotación e dominación deveu hexemónico. Unhas veces usando a súa faciana A conservadora e outras utilizando a faciana B socialliberal.
E ese é un éxito evidente. Valeu a pena. Á marxe do que fagan ou vaian facer as formacións emerxentes, ao carón e ao outro do eido político, arestora teñen xustificada a súa aposta ante os seus respectivos públicos. Souberon galvanizar a resistencia cidadá en favor das súas alternativas. Poden mesmo falar de ti a ti ás forzas políticas que ostentaron o poder con fartura nestes 38 anos de democracia coroada. E agora, da súa habelencia e da súa coherencia dependerá que ese sinal se consolide para configurar algo realmente diferente, distinto e distante.

Ocorreu o mesmo no plano sindical? A expensas de que observadores máis sabios digan a derradeira palabra, non semella que o terremoto que se viviu no plano político se trasladara ao mundo sindical. Nese ámbito non se albiscan n tanto as consecuencias do malestar cidadán derivado das políticas antisociais aplicadas desde os gobernos do duopolio dinástico vixente. É certo que existe unha crecente desafección entre os traballadores respecto das centrais autodenominadas máis representativas, porén nada que implique un impacto semellante ao producido no eido dos partidos. Tanto a Unión Xeral de Traballadores (UGT) como Comisións Obreiras (CCOO), ás veces ás apalpadelas, seguen ostentando os primeiros postos do podio e os posibles “emerxentes” no plano sindical seguen indo á zaga.

Mais iso torna a cuestión ben obtusa. Como é posibel que sendo a orixe das mobilizacións esencialmente de orde social, contra os recortes e axustes decretados pola Troika, esa dinámica non se trasladou contundentemente ao ámbito laboral? Por que segue sen rival real o bipartidismo sindical que, por acción ou omisión, tanto tivo que ver coa consolidación das medidas austericidas? Eís, como en case todas as cousas da vida, hai opinións para todos os gustos e cores. Mas polo menos  habería que sinalar nunha posible dobre dirección como explicación dese  inmobilismo doentio. Ou eles non o fixeron tan mal, na percepción e/ou na realidade contante e sonante, ou os alternativos non o fixeron tan ben, na percepción e/ou na execución. Ou ambas as duas cousas á vez.

Con certeza, nen CCOO nen UXT deberan irse impunes. Tanto os resultados das eleccións sindicais como as avultadas baixas de afiliación indican que a crise tamén lles pasou factura. Mas nada a ver co que lle ocorreu ao tándem PSOE e PP, que cultivou un severo rexeitamento dos eleitores polas súas funestas políticas antipersonas. De feito, pola contra, existe unha especie de eximente á hora de xulgarmos a responsabilidade dos sindicatos maioritarios en canto á súa cota de complicidade nos desastrosos efectos da crise. Coma se no imaxinario social todo fose carregado no pasivo dos gobernos, deixando ás centrais nun limbo de pureza que se compadece mal coa triste realidade dos feitos.

Convén lembrar que en España non existe un sindicalismo independente na primeira división, e que con problemas tanto CCOO como UXT funcionan como peóns de brega na contorna laboral do PSOE, tornado este partido en reclamo fáctico da esquerda nominal. Igual que ás reunións da FAES asisten como convidados de pompa os máximos representantes do PP, nos congresos de CCOO e de UXT comparecen en primeira fila os dirixentes do PSOE e, en menor medida, de EU sen que, a consecuencia das súas lesivas actuacións contra os traballadores, decláreas persoas non gratas. Alén diso, persiste unha vella e serodia tradición de cruzamento de cargos entre ambos os dous sindicatos e o partido que máis tempo ocupou o poder en España. Ben incorporándose aos seus gobernos ou como deputados na súa bancada, amancebameento que debería levar a unha responsabilidade partillada. Aí está o caso do uxetista José Luís Corcuera e de Matilde Fernández no gabinete socialista, ou o dos líderes de Comisións Obreiras, Julián Ariza e Antonio Gutiérrez, veteranos nas listas ao Congreso de Ferraz. Por non falarmos de José María Fidalgo, o ex secretario xeral de CCOO que fichou pola Marca España con total impunidade.

Na práctica existe unha dobre militancia tóxica partido-sindicato e por tanto unha responsabilidade bípeda que chega até límites obscenos.

O exemplo de Joaquín Almunia é máis que elocuente. Foi sucesivamente responsabel de economía en UXT; ministro de Traballo co felipismo; secretario xeral do PSOE; e até xefe dos “homes de negro2 da Troika, en tanto comisario europeo para Asuntos Económicos e Monetarios e vicepresidente e comisario de Competencia sucesivamente. Sen esquecer ao moi endogámico Valeriano Gómez, que pasou de pertencer á Executiva uxetista, e como tal encabezou a manifestación da folga xeral de 2010 contra a reforma laboral de Rodríguez Zapatero, a ocupar a carteira de Traballo nese mesmo goberno. Periplo que non foi atranco para que, unha vez na oposición, tornara portavoz socialista de Economía con Pedro Sánchez coma se nunca escachara un prato. Por tanto, e en boa lóxica, o desgaste do bipartidismo debería levar un notabel descrédito do bisindicalismo clónico.

Esa situación de “portas xiratorias” entre partidos-sindicatos é unha das razóns que permite facer unha leitura maniquea e torticeira da “cuestión social”, branquando as responsabilidades do austericidio nun bando e cargándoas no contrario. Co que, de resultas, ao final non se sacan as debidas experiencias do proceso e facémonos reos de volver repetir os mesmos erros. Un condicionamento que se reflicte milimétricamente na obsesión da falsária esquerda por cargar toda a artillaría dos axustes e recortes no pasivo da dereita do PP. O que fai que á hora de plasmar programas para ?gobernos de cambio?, investiduras de corte “reformista e progresista” ou simples pactos “da maioría de esquerda”, todo o mundo esqueza a ofensiva antisocial do executivo socialista durante a crise. A contrarreforma laboral, a das pensións, e outras accións de semellante calado reaccionario hanse esfumado da súa axenda, e por tanto teñen asegurada a súa letal permanencia no marco legal polo *abstencionismo desa suposta esquerda político-social.
Coma se o feito que algunhas delas fosen pactadas “cos axentes sociais” as tornara menos rexeitabeis. Por exemplo, a reforma laboral do 2006, froito dun acordo entre o goberno socialista, CEOE, CEPYME, CCOO e UXT, que levaba o bonito rótulo de “mellorar a calidade do emprego”, e serviu en última instancia para alimentar as arcas das organizacións asinantes. Como ” Introducindo unha cláusula na súa Disposición Adicional Quinta, Real Decreto 5/2006, que eximia aos contratos de formación da obriga de cumprir a Lei Xeral de Subvencións. Evidentemente a temporalidade do emprego levou a súa adiante, mentres que, como xa sabemos polos moitos ateigados xudiciais abertos, a corrupción no sindicalismo partidista fíxose crónica. Ainda que case ninguén se atreve a dicir nestes momentos de recambio de elites que esa colusión de intereses permite utilizar a representación sindical como botín para as burocracias dos “axentes sociais”. Como fixeron coas Caixas de Aforro, ás que primeiro abordaron, logo saquearon e finalmente liquidaron.
Con esas antollos asistimos abraiados a espectáculos como o visto e ouvido no derradeiro congreso da UXT. Unha asemblea obreira que, coa que está a caer, permítese cenificar un acto de adhesión inquebrantable ao xefe proprio das Cortes franquistas.

Que se pode esperar dun “sindicalismo de clase” no que os delegados aproban a xestión da executiva saínte por un 97,5% dos votos; o seu novo secretario xeral, José María Álvarez, con 26 anos á fronte da federación catalá de procedencia, substitúe ao saínte, Cándido Méndez, após 22 anos no cargo; e deféndese o continuísmo denunciando que a UXT foi vítima dunha criminalización! Ese é o tipo de código ético que exhibe na práctica a renovada UXT. Un modelo que supedita a transparencia e a democracia interna ao culto ao xefe, a concepción do sindicalista como funcionario perpetuo da organización e o uso do victimismo para espantar sospeitas de fraude masiva con cartos públicos.

En un tal cadro de “obediencia debida” perpetráronse as estafas dos ERE e os Cursos de Formación, sumarios que  levaron por diante a dous presidentes da Junta de Andalucía e a outros tantos secretarios xerais do sindicato irmán naquela autonomía. Caldo de cultivo onde mesmo prosperan aguerridos sindicalistas full, como o líder histórico do socialismo asturiano, Fernández Vila, trincón dos fondos mineiros cun pasado de sospeita como confidente da policía franquista teimudamente silenciado (http://www.asturias24.es/secciones/politica/noticias/villa-paso-informacion-de-anarquistas-y-comunistas-a-la-policia-franquista/1413564848). É o “se fuerte, Luís”, de Mariano Rajoy a Bárcenas, mas elevado á sétima potencia e sen detractores que o enverguen. Ainda que puño no alto e aos acordes da Internacional.

Aínda que o réxime exprimia desconfianza cando o home forte do Grupo Prisa, Juan Luís Cebrián, ten que producir un artigo (Riesgos del populismo sindical. El País. 13/03/2016) para animar a CCOO e UXT a asinar un novo “contrato social” que enxergue a nova realidade da Europa desenvolvida, seguramente tendo na mente aqueles Pactos da Moncloa tan caros do statu quo. Afirma o directivo mellor pagado do IBEX 35 e gran mordomo de multinacionais, grandes financeiras e fondos voitre que “a prolongación da idade de xubilación, unha flexibilidade das leis laborais que non ameace a seguridade no emprego, e o establecemento dun sistema dual de pensións públicas e privadas responden non tanto á loita a curto prazo contra o déficit público como á procura dun novo paradigma que faga sustentabel a moldaxe tradicional á vez que impulse políticas de crecemento”.
Quer dicer, traballo precario mentres exista beneficio empresarial e despedimento barato cando devale. Que é o que veñen facendo o predicador e os seus interpelados ao aplicaren a perniciosa reforma laboral do PP que critican de boca para fóra para nun pulo chimpar á rúa sen contemplacións aos traballadores excedentes no País, UXT e CCOO. Empresas-andrómena as tres altamente ineficientes polo abuso de posición dominante das súas corruptas cúpulas e a mesta rede clientelar coa que protexen os seus desaforamentos e miserias persoais.

Non hai capitalismo de amiguiños sen sindicalismo de amiguiños.

(Nota. Este artigo publicouse no número de abril de Rojo y  Negro)

Grazas por leres e colaborares co Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off
A %d blogueros les gusta esto: