off
Cedeira, Meio ambiente, Política — 8 Abril, 2016 at 4:34 p.m.

Unanimidade de veciños e Concello para presentar alegacions contra o depósito de gas

by
Veciños e veciñas de Esteiro nun momento da reunión na sala de plenos do Concello de Cedeira
Veciños e veciñas de Esteiro nun momento da reunión na sala de plenos do Concello de Cedeira.Foto: Pingota Comunicación

Celebrada reunión extraordinaria, os veciños rexeitan a ubicación e tamén pensan personarse nas alegacións contra o proxecto de Gas Galicia (Gas Natural-Fenosa) de contrucción dunha planta de almacenaxe, regasificación e distribución de gas licuado na Leira do Camiño, paralelo ao camiño real de Esteiro, entre os lugares de Saá e Loureiros, na parroquia de San Fiz. O goberno do Concello de Cedeira pensa que é parte afectada porque a planta pretendíase construir nunha zona habitada, rente o regato de Saá, un corredor biolóxico natural, e a escasos tres quilómetros do núcleo urbano.

Segundo posicionamento formal do Concello  -as alegacións  seguen sen estar dispoñibles no web- a  ubicación prevista está xunto a espazos de Rede Natura, zonas de Especial Protección dos Valores Naturais (Zepvn) e a lugares de Interese Comunitario (LIC), entre outras posibles afeccións. Os servizos de auga, saneamento e electricidade, así como alo menos dúas concas hidrográficas tamén estarían afectadas pola actuación promovida pola empresa Gas Galicia.
Veciños e Concello coincidiron en que o proxecto terá repercusións negativas no desenvolvemento turístico do concello polo seu  impacto paisaxístico, agrario e medioambiental: posibles efectos económicos, paisaxísticos e medioambientais que poden supor para a vila e terra de Cedeira e, nomeadamente, para San Fiz de Esteiro, de executarse o proxecto. Alén diso, cuestionouse tamén a distancia ás vivendas dos lugares de Saá, Loureiros e Barral e a distancia ao núcleo urbano de Cedeira, e expresaron dúbidas de que se cumpran as distancias de seguridade mínima. Moreda abondou en que o polígono da Trabe podería ser unha alternativa viable. De feito, as plantas satélites de GNL (gas natural licuado) proxectadas para Ribeira e outorgadas a Gas Galicia pola  Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas están situadas, ambas e dúas, nunha parcela municipal do polígono industrial de Xarás. Porén, Gas Galicia pretende ubicar en Cedeira unha planta satélite de GNL fóra do polígono industrial e en zonas de interese e especial protección e sen referencia ningunha aos riscos derivados do transporte pola estrada Ferrol-Cedeira desde Mugardos e os derivados da própria planta de GNL.
O Concello informará ao resto da cidadanía cedeirense e apoiará as accións veciñais, entre as que non se descartan mobilizacións e unha campaña de recollidas de firmas.
 O Concello de Cedeira alegou através do arquitecto municipal (permisos vencellados ao solo rústico de especial protección,  Plan de Ordenación do Litoral, Augas, patrimonio cultural, protección da paisaxe e da natureza, e servizos de agua, saneamento ou electricidade) que o proxecto presentado por Gas Galicia diante da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas (Consellería de Economía, Emprego e Industria) non achega toda a información necesaria e, en última instancia, pon de manifesto o malestar do consistorio e da cidadanía por non non teren  sidos informados (deficiente exposición pública), como partes interesadas, do proxecto.
Fonte:Google Earth
Fonte:Google Earth

 

 

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off