O goberno de Cedeira coñecerá o venres que opinión teñen os veciños sobre a construción da planta de gas na parroquia de Esteiro é informará sobre o que leva feito para evitar a súa instalación
Medicións incorrectas, imprecisións, falta de documentación e razóns medioambientais, paisaxísticas e patrimoniais son só algunhas dos moitos argumentos que levan ao Concello de Cedeira a opoñerse á construción dunha planta de almacenamento e regasificación de gas licuado (GNL) no lugar de Saá, na parroquia de Esteiro.
O equipo de goberno presentou hai días as súas alegacións ao proxecto ante o organismo competente, mentres que agora, e coa intención de informar e consultar aos afectados máis directos, os responsables locais convocan aos veciños da zona a unha reunión que terá lugar o venres, a partir das doce do mediodía, no Concello. A finalidade, segundo apuntou o alcalde, Pablo Moreda Gil, é dar a coñecer o que o Concello leva feito para evitar a instalación da planta, cuxa ubicación prevista está xunto a espazos de Rede Natura, zonas de Especial Protección dos Valores Naturais (Zepvn) e a lugares de Interese Comunitario (LIC), entre outras posibles afeccións. Os servizos de auga, saneamento e electricidade, así como alo menos dúas concas hidrográficas tamén veríanse afectadas pola actuación promovida pola empresa Gas Galicia.
Nun principio o Concello tampouco descarta que o proxecto poida ser trasladado a área industrial da Trabe.
Os responsables municipais tamén informarán aos asistentes á reunión da posibilidade de formular alegacións a título individual, trámite para o que os interesados poderían contar coa axuda de expertos do colectivo ecoloxista Adega.
Segundo fontes consultadas non se descarta nun futuro ampliar a convocatoria do venres para coñecer a opinión da maioría dos veciños con respecto a planta que Gas Galicia prevé construír na zona de Esteiro.
Nota de imprensa: Pingota Comunicación