off
Cedeira, Enerxías, Medio ambiente — 4 Abril, 2016 at 17:30

Cos ollos ben abertos e o gas pechado

por

A loita polo medio ambiente debe vir de abaixo

Naomi Klein.

Logo de comprobarmos a intención de Gas Galicia (do grupo Gas Natural-Fenosa, investigada aquí por prácticas abusivas e ilegais e en Italia polas súas ligazóns á mafia) de localizar unha planta satélite de almacenaxe, regasificación e rede de distribución de gas natural licuado nunha zona de uso agrario nas imediacións de Cedeira e a escasos metros do adro de San Fiz de Esteiro – disque para fornecer de gas os polígonos de A Trave e  A Xunqueira – chegamos a un momento clarificador porque non é a única nen a última. A pretensión gasística atinxe tamén os concellos de Cariño e de Ortigueira, por citarmos dous casos próximos agás, claro é, a planta de Reganosa na ria de Ferrol, nai de todos os desatinos. Non deixa de ser un paradoxo que para fornecer de gas a  un polígono industrial, a industria do gas precise instalarse en corredores biolóxicos e leiras de uso agrario próximos aos núcleos habitados e non nos polígonos industriais que quer fornecer de combustible (se ben non todo solo industrial é apto para hidrocarburos). Infelizmente, o sistema neurótico no que vivimos considera bó calquer tipo de crecemento: recompensa o gaño a curto prazo e  rápido. Daí que priorice a proximidade á sustentabilidade, pois o seu é a rendabilidade e non o interese xeral. Malia o relato do “desenvolvemento sustentable”, a lóxica da urbanización avanza absorverndo excedente na procura do plusvalor. A crise ambiental e o derradeiro axuste financieiro-hipotecario amósanos a súa fasquía implosiva.

Queremos vivir en vilas e cidades  decididas polos seus habitantes ou polos señores do boom inmobiliario ou  do gas? Queremos vivir da expansión immobiliària, o esgotamento do solo e dos recursos?

Vilas  e cidades lucrativas para uns e hostís para a maioría. Privatizándoo todo o territorio até crear espacios onde a calidade de vida é para quen a pode pagar. Podemos ignorar o que significa pobreza enerxética? O espolio das clases populares non só vén dun traballo precario ou da súa falta, mas de transferencias masivas de riqueza e recursos (a drenaxe perpétua chámalle David Harvey) cara as clases rendistas ou extractivas, privilexiando o consumismo e o individualismo e relegando o ben común e a axuda mútua.

Non escribimos isto para pregarlle ao actual goberno de Cedeira que salven o que queda da vila e terra de Cedeira, porque temos os ollos abertos e sabemos  que o goberno tripartito PSOE-BNG-ANOVA rexeitou preventivamente esa lozalización co aval negativo do informe do arquitecto municipal por non contar a empresa Gas Galicia coas autorizacións sectoriais que se precisan e non adecuarse a instalación á ordenación urbanística e de protección medioambiental.

Porque temos os ollos ben abertos e sabemos que foi a a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas quen concedeu autorización administrativa para este fin o 4 de novembro de 2011.  Velaí a laxitude de goberno do aforado Feixoó, e no pior momento posible. Nula defensa dos intereses nacionais frente as transnacionais e os ditados de Madrid. Unha falta de límites e contención que aboca ás pequenas administracións locais a lidar con transnacionais enerxéticas que operan con absoluta liberdade para facer e desfacer. Que clase de equilibrio é ese? Como pode ser que se favoreza a importación de gas e que aumente o consumo de carbón  mentres frean o desenvolvemento das  enerxías verdes e das renovables? A distribución de gas natural vai atallar a pobreza enerxética e favorecer per se a localización de empresas no polígono de A Trave? E de ser así, que caste de empresas? Van xerar emprego sustentable e de calidade?

O modelo enerxético que defenden os partidos hexemónicos está orientado- se alguén ainda tiña dúbidas- ao oligopolio eléctrico e aos seus corifeos e sicarios do Ministerio de Industria, Energía y Turismo. Por iso non causa pasmo que as instalacións de autoconsumo eléctrico -nomeadamente os paneis fotovoltaicos-  estan a piques  de tornarse ilegais de cumprirse o vindeiro sábado 9 de abril o remate do prazo de aplicación Real Decreto sobre Autoconsumo –coñecido como ‘imposto ao sol’- aprobado polo Goberno do PP a finais do ano pasado. Con multas entre 6.000.001 € e 60.000.00 € para centos de instalacións que xa o eran! Un desatino monumental para quen teña un kit de autoconsumo de 250w sen rexistrar na casa. Mais unha proba dos atrancos que a propia administración pón ao desenvolvemento autosustentable das enerxías renovables.

É evidente que polo lado da política e do sector financieiro existe resistencia a mudar o perfil enerxético da economía mundial. Existen forzas e componendas político-financieiras que tenden a mantenernos atrapados nun bucle que leva a un escenario de sorpresas desagradables en materia de   modelo exerxético ainda que vaia á contra dos recursos e intereses da xente e do país. As principais industrias ligadas á industria dos combustibles fósiles teñen un valor de mercado por volta dos  4 billóns de dólares (grande parte correspondente ao valor das súas reservas). De reducirense as emisións, o valor das reservas devalaría até o 60% (en EUA, os fondos de pensión posuen case o 50% das accións das compañías de petróleo e gas natural dese país). O panorama fai arrepiar.

Semella un meigallo que as comarcas do Ortegal e Ferrolterra, que teñen sucumbido últimamente á especulación inmobiliaria, ao monocultivo indiscriminado de eucalipto ao servizo da pasteira ENCE e que xa pagan o impacto e pegada dos aeroxeneradores e da queima de carbón nas Pontes, teñan tamén que defrontar a ubicación e distribución do gas natural, un combustibel que non ten nin Galiza nin o estado español.  Nada parecido á responsabilidade social e  a acción colectiva, cando todo fica nas mans do mercado e das privatizacións. Un crecimiento indiscriminado que leva  inevitablemente a un maior consumo , unha maior dependencia e a maiores emisións de CO2.

Existe unha gran distancia entre o que sabemos que hai que facer para frear a degradación do territorio galego  – por non falarmos de rebaixar as emisións e manter as temperaturas por debaixo de un grao e medio – e o que entre todos estamos efectivamente dispostos a facer. Ten callado, sendo moi aceptado pola cidadanía e os partidos políticos, que producirmos electricidade ou enerxía é bó de seu ainda que logo se desbalde ou tire con ela seguindo  o mantra do crecemento ilimitado, canto máis mellor.  Galiza exporta o 70% da produción eléctrica porén continuan  os medios continuan a dar azos ao “liderado”, silenciando o alto custo en termos medioambientais e socias, moi alto risco para o pouco que o sector achega á nosa economía. Por exemplo, Madrid non ten ninguna fonte de xeneración enerxética e resulta ser o maior consumidor e a comunidade mais rica.

As organizacións ecoloxistas e os consistorios máis receptivos precisan dispor de indicadores que sirvan para valorar económicamente unha zona sen explotar, nomeadamente en relación aos estudos de impacto ambiental, mas tamén para calcular a perda derivada da execución dunha obra ou infraestructura que ocupe unha zona de interese e a súa máis que posible revalorización andado o tempo.

Ainda que resulte desalentador, precisamente por iso cómpre traballarmos com mais azos e na dirección certa. E como di, Naomi Klein temos que ser os cidadáns quen faga o que os políticos non queren facer. Para empurrar a quen goberna até onde teñen que chegar,  a veciñanza ten que unirse e afortalarse cooperando sen falsos neutralismos. Porque fronte aos poucos que teñen moito que gañar están os moitos que teñen moito que perder. Xógase non só se Gas Galicia se instala rente o regato de Saá, senón se somos quen de decidir colectivamente como vivimos, exercendo de cidadáns e impulsando modelos sustentables de economía que non maximice os gaños das grandes empresas mas a renda e dereitos para todos o habitantes do territorio, da aldea á cidade. Dicíndolle claramente a Gas Natural que vai ter que ceder.


Ao mellor tamén che interesa:

Un modelado científico prevé unha Cedeira sulagada no ano 2050

Fondo de Compensación Discrecional

Os muiños da Capelada

Por unha tarifa eléctrica galega

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: