off
Poesía, Recanto — 1 Abril, 2016 at 6:23 a.m.

Terra Prometida

by

No valado de arameterraprometida_1

arrexúntanse inquedos

moitos son, non os contei

se cadra centos.

Canto lles custou chegar

a esta beiriña do valo

e canto lles há custar

pasar para o outro lado.

Veñen do fondo da Historia

cara a Terra Prometida

de alén do tempo, entre soños

que recenden a utopías.

Atrás quedan outros mares

escumas de sal e pranto

outras montañas e vales

outras lúas, outros soles

ríos e fontes chorando.

Sorben aromas que o vento

deixou pairando

fragrancias que son quimeras

e voces que polos campos

chegan rulando.

Ao lonxe a locomotora

vai asubiando

e ao solpor unha cativa

de mans dadas con a nai

pola vía camiñando

lembra unha vella cantiga

imaxinando

novas amigas que veñen

todas, cantando.

Ao máis alto dunha árbore

onde as sombras non alcanzan

quere subir.

– Arriba! non te deteñas

que estou aquí.

Que a terra e o ceo te esperan

canto é preciso

que aquela canción de escola

tamén é a nosa canción

noso sorriso.

“Nunha pola verdepardal_labranha
chiaba o Pardal
que fuxiu do berce
pra un bico lle dar.

Do alto do niño
ouvíuna chorar
e daba brinquiños
para a consolar.

Nunha póla verde
chiaba o Pardal
por lle dar un bico
botouse a voar.”

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off