off
Cedeira, Ecoloxía, Meio ambiente, Natureza — 31 Marzo, 2016 at 9:34 a.m.

Para onde vais, Gas Galicia?

by

Ainda que todo semella indicar que a licenza se outorgou para o polígono industrial de A Trabe, resulta inaudita por agresiva e inadecuada a pretensión de Gas Galicia (do grupo Gas Natural-Fenosa) de ubicar unha planta satélite de almacenaxe, regasificación de gas natural licuado e a rede de distribución no lugar de Saá en Esteiro (no círculo amarelo da foto) fora de zona industrial,  a 300 metros da beiramar e nunha zona de alto valor agrario, ecolóxico e paisaxístico (en primeiro plano do miradoiro do adro de San Fiz no que o goberno do PP espetou na anterior lexislatura 50000 euros). A proximidade ao núcleo urbano de Cedeira semella ser a razón de explotación dun operador que procura o menor investimento  e a maior rendabilidade posible a partires das normas establecidas polos gobernos de España, quer dicer, non necesariamente acaídas para o territorio galego nen para Galiza .

Insustentabilidade. Seguimos queimando, aumentando a nosa dependencia enerxética sendo produtores excedentarios de enerxía. O lóxico sería transformar a enerxía renovable en electricidade e ir polo de vieiro de erradicar o gas das casas , establecementos e empresas, incluso por seguridade. Temos vento, térmicas (aínda…), hidroeléctricas, e apuntan a xeotérmica, mariña etc… Non temos gas nin petróleo. Que sentido ten semellante ausencia de estratexia enerxética de país? Iso si, todos saen na foto o pasado 19 de marzo, apagando as luces por mor do “Hora do Planeta” contra a mudanza do clima para ao día seguinte ver a Fernando Alonso e compañía nese outro circo-oda á incoherencia enerxética, queimando roda a todo ghas… Hipocresía e traxedia, como dí Manu Chao. E no caso que nos ocupa, un pelotaziño máis para algúns espabilados, porque non é só Cedeira, tamén Cariño e suma e segue, Ortegal e Ferrolterra e o país todo. Cadrando contas.

Ten sentido dende o punto de vista da xestión ecolóxica da enerxía acrescentear o uso dun recurso que non existe no país?Xa existen 2 centrais térmicas grandes, e moitas hidroeléctricas, eólicos, etc, e non parece que sexa necesario dende o punto de vista do requerimento enerxético que esixe o país.

Hogano o Estatuto de Galiza recoñece moi poucas competencias á Xunta no ámbito da enerxía. A consecuencia é  que o sistema enerxético de Galiza está adaptado e ormado segundo as políticas dos gobernos do estado español e non alicerzadas nas necesidades das persoas no territorio (algúns aspectos non tan obvios: por exemplo, cal é o estado xeral do feche e aillamento das vivendas que permita maximizar a eficiencia desta enerxia, seica a máis económica para a calefacción?Mais un: que investimento necesitarian facer as familias para adaptar as súas vivendas á oferta gasística?).

O óbvio sería que un productor neto de enerxía eléctrica desenvolvera políticas e decisións tomadas considerando as necesidades e intereses de Galiza no marco das directrices da UE e non en nome das necesidades e intereses de Madrid, de 17 autonomías e 2 cidades autónomas, onde os intereses estratéxicos de Galiza fican subordinados. O sistema enerxético de España é máis complexo que o de Galiza por diversos motivos: ten diferentes territorios (península, illas Balears, illas Canarias, e as cidades de Ceuta e Melilla) , emprega máis diversidade de combustibel, ten connexións submariñas eléctricas (Marrocos, Balears) e de gas (Marrocos, Alxeria e Balears) e unha distribución da xeración eléctrica espallada e decote alonxada dos principais centros de consumo. Galiza é excedentaria en xeneración eléctrica e podería exportar tecnoloxía enerxética innovadora no canto de profesionais cualificados. Porén, no canto de falicitaren a autoprodución eléctrica e a recuperación do biogás producido polos dixestores de residuos urbanos ou agropecuarios con inxección na rede (que reduciría custos) adicámonos a importar, distribuir e consumir gas natural que non temos. Por certo, a peaxe de transporte do gas aplícase por igual a toda a España peninsular, independentemente da distancia ao punto inicial do transporte.

A implantación de redes de gas natural licuado pertence a unha lóxica que non permite reducir os custos da enerxía que consumimos. Pagamos a enerxía final que utilizamos segundo o que marcan os contadores do gas, de electricidade, do surtidor do carburante ou da báscula de leña ou carbón. Porén, a enerxía primaria a fornecer é máis elevada. A diferencia entre as dúas enerxías non é de balde, pagámola ainda que non sabemos canta de primaria fixo falta nin cal foi o seu custo. Un quilovatio de orixe hidraulica, eólica ou fotovoltaica terá utilizado (non consumido) pouco máis que un quilovatio de enerxía hidráulica, eólica ou fotovoltaica. Un quilovatio eléctrico xerado por unha central de ciclo combinado, terá consumido máis de dous quilovatios de gas segundo a procedencia, as transformacións que teña sofrido e a forma e distancia do transporte do gas. É función do goberno do país minimizar os custos (e o consumo) da enerxía primaria máis conveniente, que neste contexto é o económico.
Porén, os custos totais para o país ao que pagamos na factura xa que incluen os diferentes impactos derivados do uso da enerxía, como os ambientais (derrames, incendios, emisións tóxicas e de gases efecto invernadoiro), territoriais (ocupación do solo, zonas de exclusión,etc), sociais (formación, probreza enerxética) así como a operación e control do sistema enerxético.

Quen decide as necesidades enerxéticas en función dos recursos e dos cidadáns galegos? Prevalecen as necesidades do país, o territorio e a cidadanía ou as necesidades de 47 millóns de españois e as grandes corporacións enerxéticas? Semella de sentido común decidirmos as infraestructuras enerxéticas (redes de gas, electricidade, parques eólicos,etc) ou outras infraestructuras con grande impacto económico, sobre o consumo e sobre o territorio, segundo as necesidades e recursos de Galiza. Porén, que normativa está a rexer as empresas enerxéticas e, en concreto, a implantación de gaseoductos en Galiza? Temos unha normativa galega, teñen estas empresas a sede en Galicia, pagan aquí a totalidade dos seus impostos? Pódese modernizar o sistema enerxético – coa correspondente redución de custos-, o aproveitamento dos recursos próprios e a criazón de novos postos de traballo cualificados de futuro através da explotación dunha enxerxía que Galicia non ten e que o estado español ten que importar. As tarifas do gas van garantir o cubrimento das necesidades básicas de enerxía a toda a veciñanza, aos servizos e ás empresas locais dunha maneira equitativa no disperso territorio de noso co debido respeito á súa paisaxe e medio ambiente? Vai servir para erradicar a pobreza enerxética?

Con certeza, intuese moita opacidade no negocio enerxético: porque non chega até o Ortegal un gaseoducto dende un pais que sexa productor e temos que traelo en barcos até Ferrol? Porque sendo España demandante de gas Reganosa vendeo e fai negocio con iso?

Non se entende portanto que non se potencien o I+D+I en enerxías renovables diminuindo a enerxía primaria galega importada (por exemplo, o ano 2010 baixou a enerxía importada ata o 79,1% debido á gran dispoñibilidade de enerxías renovables autóctonas) no canto de alentar a aterraxe das operadoras gasísticas. Alén diso,  segundo o Enega, “as centrais que presentan un rendemento máis elevado son as que empregan fontes renovables”.

Porén, en 2012, segundo dados  do último informe do Enega, a “enerxía primaria total de 12.663 ktep, un 83,6% (10.587 ktep) corresponde a enerxía importada (cru de petróleo, gasolinas, gasóleos, fuel óleos, alcois, coque, propano, butano, hulla, hulla subbituminosa, antracita, gas natural, bioetanol e biodiesel) e o resto, un 16,4% (2.076 ktep), a produtos enerxéticos autóctonos (enerxía hidroeléctrica, enerxía eólica, biomasa, residuos da biomasa, biogás, bioetanol, biodiesel, RSU, residuos Marpol, aceites reciclados procedentes de vehículos e barcos, lixo, graxas animais e enerxías residuais dos procesos)”.

Porque  maior problema ecolóxico do gas natural non é a xeneración de CO2 ao ser queimado (o metano ten un efecto 23 vezes mais potente co CO2), senón a extracción, procesado e transporte. O metano (CH4) que é o principal compoñente do gas natural, provoca 4 veces máis efecto invernadoiro que o CO2. Quer dicer, polas características refractarias do gas, considérase cada kg emitido como 4 de CO2. Se ben é certo que é máis limpo que outros combustibles ao queimarse (menos resíduos, mellor combustión, etc).

Non sería contraproducente respeito á potenciación e implantación de empresas do sector das renovables na que Galicia é productora neta? Interésalle estratéxicamente á comarca do Ortegal  alimentar o sistema gasista ou máis ben achar parceiros comarcais para trazar un Plano de Acción pera a Enerxía Sustentable? Acaso non é o gas natural un combustibel fósil do que o estado español é  importador e altamente dependente e  que xera un altisimo custo en equipamento e infraestructura subvencionada con cartos públicos (velaí regasificadora de Ferrol) e que abocados  a potenciar unha enerxía deficitaria acabaremos pagando todos a través das tarifas e dun altísimo custo medioambiental? É este o vieiro para reducir o impacto na reducción de emisións? O diferencial entre a enerxia primaria e o consumo final débese ás perdas na xeneración eléctrica, perdas en refinerias e plantas de olefinas, perdas no transporte e distribución de enerxía, consumos próprios do sector enerxético, e finalmente tamén para usos non enerxético. A porcentaxe de perda de gas natural dende o xacemento até que se emprega anda por volta do 6%. Hai que sumarlle a enerxía consumida polo transporte en camións dende Mugardos, e no enfriamento do gas até os -170ºC.

Non sería un desatino facilitar a implantación de distribuidoras dunha enerxía non renovable, importada e contaminante cando Galiza destaca no liderado de parques eólicos, a xeneración hidráulica e as centrais eléctricas quen xa teñen deixado a pegada dun alto custo medioambiental e social na orografía galega, ao que hai que sumar a deslocación da súa sede fiscal e centros de decisións a Madrid ou Barcelona?

O gas natural ten un potente efecto invernadoiro e está sendo potenciado e sufragado pola Xunta de Galicia ( por todos nós). Transpórtase dende Reganosa en camións a plantas satélites coma a que queren construir en Cedeira. Esto supón un gran risco e un alto custo enerxético, tamén un gran negocio .

Semella fora de toda lóxica transportar o gas a Cedeira e a electricidade dos aeroxeneradores a Madrid. A vila e terra de Cedeira, estando inzada de muiños a Serra da Capelada cunha potencia de 64,5 Mws, ao que habería que sumar a potencia dos aeroxeneradores instalados nas terras orteganas, cun rexime de ventos constantes,  non debería xerar dúbida de cal é a elección máis acaída.  Ainda haberá quen se lembre do concurso eólico do bipartito que Feijoo anulou e agora Galiza deberá indemnizar  500 millóns de euros. A enerxía eólica para Madrid entanto ficamos “gaseados naturalmente”. A memoria é fraca.

2 Comments

  1. Flipo!! Acabo de ler na Voz de Ortigueira que veciños de Luhía andan movilizándose porque Gas Galicia quere plantarse na sua parroquia nunha parcela calificada como solo non urbanizable de protección agropecuaria cando a solicitude de emprazamento que lle aprobaron en 2011 era no polígono industrial de Cuíña que queda noutro sentido pero á mesma distancia da vila de Santa Marta.
    ¿Qué está pasando?
    É unha vergoña que a enerxía esté en maus privadas e sin unha regulación que nos defenda dos especuladores, ainda que sexan galegos 😉

  2. Antom Labranha

    Interesantísma análise da desplanificación enerxética comarcal e galega.

    A distancia á Vila, non semella reducirse moito respecto da Trave. Que explicacións pode haber a esa pretendida mudanza de ubicación?
    O carestía no traxecto de conexión co punto de abastecemento?
    Especulación co chan?

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off