off
Europa, Politica internacional — 24 Marzo, 2016 at 9:19 a.m.

Escapismo e devalo da razón

by
passport control Eurostar station Bruxelles-Midi_Brussel-Zuid (Belgium), June 4, 2015
Control de pasaportes na estación Eurostar de Bruxelas-Midi- Brussel-Zuid (Belxica), 4 de xuño de 2015

O estado de dereito está a ser corroído sen moito aviso previo. A máis das crises financieiras que se teñen utilizado de alavanca de asalto ao ben común, tamén están as menos evidentes pretensións simbólicas, mas altamente corrosivas, interesadas na cooptación de competencias xudiciais e na contravención da regra de lei. Se por unha banda o terrorismo trata de amosar que non nos sentimos seguros -eís a modalidade jihadista de terrorismo simultáneo en zonas de uso ou de tránsito multitudinario, xa que non é outro o sentido do terrorismo mais que sementar o terror matando a quen tivo a desgraza de pasar por alí- por outra, albíscanse reaccións á contra moi do gosto dos predicadores do odio, cegados por unha ollada neocolonial que xa non disimula o seu supremacismo. Con certeza, a pior resposta ao jihadismo é a do crente ou a de George W. Bush.

A capital dunha Unión Europea en fonda crise moral e política e arrastrada pola axenda politica da extrema dereita, sofre os devastadores efectos dun discurso apocalíptico que está a tornarse hexemónico de repararmos na súa multifacetada redistribución cultural, quer como relixión, quer como ficción televisiva ou cinematográfica.

Imaxinarios presentes e hexemónicos que fan esquecer a primavera árabe que desafiou o autoritarismo político e o subdesenvolvimento estructural. Segundo o International Centre for the Study of Radicalisation (ICSR), Bélxica enviou o doble de mozos que Francia e catro veces máis que o Reino Unido a loitar ás guerras de Siria e do Iraque (2.000 cidadáns da UE, entre un total de entre 5.000 e 17.000 ‘combatentes estranxeiros’).Tamén foi o primeiro estado da UE que xulgou unha rede de reclutamento de combatentes e o pioneiro en desenvolver programas de apoio ás familias de mozos radicalizados. No entanto, a Rede Europea contra o Racismo sinala que o racismo apañou a feitura de islamofobia en moitos eidos da Europa. Porén, a pròpria UE ataca a liberdade de movemento, precisamente a que non teñen os refuxiados nas fronteiras de Europa, onde o destino de menores é incerto e desde que entrou en vigor o acordo da UE e Turquia para conter os refuxiados e migrantes en territorio turco escachou o traballo das ONGs e cooperantes da illa de Lesbos, a principal porta de entrada. No campo de Moria, onde antes as pequenas ONGs rexistraban refuxiados, están agora en mans da policía e o exército. Médicos sen fronteiras (que xa declarou que non quer ser cómplice) e o Alto Comisionado da ONU para os Refuxiados (ACNUR) decidiran non continuar transportando refuxiados ao campo, porque din que se convertiu nun “centro de detención”.

A Molenbeek “non todos son terroristas”, dicía o 31 de xaneiro de 2015 a faixa tras a que se mobilizaran os fillos de emigrantes magrebís, portugueses e italianos que sentiran o dedo acusador logo do atentado ao Charlie Hebdo. Porén, este barrio da capital europea foi declarado territorio comanche pola policía e a imprensa. Molenbeek tén unha taxa de desemprego superior ao 60%, unha marxinación que ten derivado en problemas sociais de todo tipo. Últimamente pasou a ser considerado tamén centro de venda de armas de contrabando e refuxio da célula que atentou contra o estadio da Francia e sala Bataclan de París.

A dilatada relación de Bélxica -un dos paises mais ricos do mundo- coa versión máis radical do islam vén de brazo dado dos crematísticos acordos coa Arabia Saudita. O que ten permitido que o wahhabismo financiara a gran mezquita do centro de Bruxelas. O experto en migracións Jaafar Alloul ten alertado que os gobernos da Arabia Saudita e Emiratos Árabes tiveran capacidade para amoldar o cenario relixioso e que a “diplomacia cultural” do Golfo adicaráse a investir millóns na Europa posindustrial das banlieue e das bolsas de poboación desarraigada, nomeadamente xente moza perdida nunha sociedade na que non se sinten representados. Segundo este experto en migracións e estudos do Oriente Medio da Universidade de Gante “apesar dos seus slogans provocativos e grotescas aparicións militarizantes, a fasquía destes supostos combatentes (embora sexa dominado por homes, as mulleres están envolvidas tamén) parece menos ideolóxica e politicamente fundamentada do que se pensa. Isto é evidente a partir das suas discusións e accións cando se expresan através dos media, onde é doado ver a sua alienación da sociedade, permeadas por complexas emocións individuais e/ou ou frustracións sociais”. Podemos agora preguntar se a mobilidade física para unha Síria destruída pola guerra representa, neses casos, un sinal de derrotismo en relación á opresión sutil mas estrutural de partida.

Dado que moitos activistas belgas ventilan localmente sentimentos que parecen relacionadas coas razóns da sua partida, segundo Jaafar Alloul debéramos asisar sobre termos como “Síria fighter ‘,’ combatente estranxeiro”, ou “jihadista”, que se referen a topografias extra-nacionais combinadas o coa promulgación da violencia ou unha ideoloxia “estranxeira”.

A maneira como as sociedades tentaran categorizar estes cidadáns disocia deliberadamente a súa pertenza á sociedade doméstica que é supostamente pacífica e democrática, e que non poderia ser responsábel da criazón de tal “comportamento bárbaro”.

O potencial para unha loita anti-racista entre grupos minoritários na UE semella ter derivado en conservadorismo reacionário. Porén, a identidade legal destes axentes é moitas veces deliberadamente ignorada, sen dúbida, de volta ao contexto malia unha grande cantidade atributos do seu próprio discurso se refiran ao contexto de partida en vez ao que acontece na Siria. En xeral é moi dificil falar de grupos homoxéneos, xa que hai mais en xogo do que o conflicto do Médio Oriente, a ideoloxia “estranxeira” e a relixión “exóxena”. Para moitos, o “exílio” na Síria parece representar unha busca de identidade, respeito, parceria, fama e significación persoal. Outros esperan claramente dixerir traumas persoais ou mudar unha historia de crime (moitas veces insignificante) através dunha deslocación tan fóra do común. No entanto, outros aparecen claramente motivados por unha espécie banal de aventureirismo como unha saída conveniente para unha existencia sen alternativa no seu país de orixe.

Cando a capacidade de expansión do terror e da desestabilización deriva nunha acción que tén como único alvo a realización persoal definitiva, dificil é debullarmos razóns políticas comprensibeis en termos tácticos ou estratéxicos, que son o intre dialóxico en que as desavinzas e discusións deberan tornarse proposta e, as negociacións, operativa política.

Cómpre repararmos, porén, que a fasquía apocalíptica tirou raices en discursos políticos que fan do medo o seu leitmotiv e até o sentido primeiro da súa existencia, o que alimenta o devalo europeo multiplicando as contradiccións e a posibilidade de enfrontamentos internos na UE. Velaí a Nova Alianza Flamenca capitalizando ‘combatentes da Siria’ para inocular o medo pedindo tirarlles a cidadanía e – en pleno festival de austeridade e recortes en políticas sociais-  máis videvixilancia e máis recursos públicos para as forzas policiais.

Como acubillar esperanza de solución nuns gobernantes que teñen adoptado cos refuxiados estratexias necropolíticas sen dar outra sensación que o ter renunciado aos valores que din defender? Como superar entón o andazo de resentimento que nos vén de riba?

Á euforia parabélica amosada por non poucos medios belgas tras a detención de Salah Abdeslam, seguiu o relato de que estaba agochado nas redes familiares. Porén, mália semellaren unha reacción á detención, as explosións no aeroporto e metro de Bruxelas non parecen ser froito da improvisación xa que precisan de tempo e de preparación. Porque trátase dun problema que Bélxica tenta atallar en solitario dende hai anos malia traspasar fronteiras e que contrasta vivamente coa distorsión diagnóstica dos gobernos europeos que optaran por frear a troca de información obsesionados e aumentar o control da seguranza. O grande campo de batalla agora é a aplicación do rexistro europeo de dados de pasaxeiros ( PNR,  en inglés) para partillar informacion persoal dos viaxeiros en avión dentro e fora da UE, blocado no Parlamento Europeo por ter dúbidas de que vulnerara o dereito á privacidade.  Após os atentados de París e Bruxelas todo acelerou. Porén, Europa négase a aceptar que a  o jihadismo, sendo un problema complexo e global, tamén precisa unha resposta global e multifacetada. O mes que vén agárdase votalo en sesión da Eurocámara. No entanto, hai paises que xa teñen o seu pròprio  PNR. Bélxica quer aplicalo esta primavera en avións, trens e barcos. .

As axencias de seguridade nacional acadan poderes extraordinarios para poder cancelar a cidadanía cando o consideren axeitado, espallándose prácticas orwelianas que simbolizan a erosión gradual das liberdades civís e un asalto á lóxica xudicial da presunción de inocencia até que se demostre o contrario.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off