off
Normalización lingüística, Ollo ao gato, ollo ao prato — 19 Marzo, 2016 at 11:21 a.m.

A Real Academia Galega leva o Decreto 79/2010 ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos

by

europeancourthumanrightsEn nome das familias afectadas, a Real Academia Galega presenta unha demanda ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos do Consello de Europa en relación co Decreto 79/2010 para o plurilingüismo na ensinanza non universitaria. O Plenario da Academia acordou adoptar esta medida na súa última xuntanza ante vulneración dos dereitos fundamentais recollidos no Convenio Europeo para a protección dos Dereitos Humanos e nos seus Protocolos que implican tanto algunhas disposicións do devandito Decreto como varias das decisións tomadas ao longo dos procedementos xudiciais seguidos contra esta norma ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o Tribunal Supremo e o Tribunal Constitucional.

A RAG  ten atribuída estatutariamente a función de defensa e promoción da lingua propia, portanto, ao asumir a solicitude de nais e pais de menores en idade de escolarización de que siga adiante na defensa dos seus dereitos de igualdade e non discriminación por razón de lingua ante o Tribunal de Estrasburgo, a Academia non fai máis do cumprir coas atribucións que lle foran asignadas, actuando así de representante destas familias, que xa pediran o amparo da Academia no ano 2009, cando o R.D. 79/2010 era aínda un proxecto, para que defendese o dereito á educación na lingua propia.

“Hoxe, despois de cinco anos de aplicación [do R. D. 79/2010], comprobamos que a norma vulnera o dereito a ser iguais dos nosos fillos e fillas con independencia da lingua, lingua con estatuto de oficialidade”, advirten as nais e os pais na instancia remitida á Real Academia Galega, na que a apoderan para que defenda no seu nome os dereitos dos menores ante o Tribunal de Estrasburgo. “A norma afonda na desigualdade histórica e conduce a enormes dificultades para exercer o dereito a falar galego, e a levar unha vida en galego como persoas adultas. Estas dificultades son imposíbeis de superar para nenos e nenas en idade escolar, aos que se lles transmitiu a idea de que a súa lingua non é útil, se lles dificulta a comunicación cos seus compañeiros, xa que moitos destes non adquiren habilidades suficientes para manexarse comodamente en galego, e sobre todo conduce os nosos fillos e fillas pequenos a deixar a súa lingua para evitar resultar marcados”, afirmase.

O Decreto 79/2010 reduciu a utilización da lingua galega no ensino tanto cuantitativa como cualitativamente. No plano cuantitativo, o ensino en lingua galega pasou da metade a un terzo no currículo escolar e nalgunhas liñas educativas o seu uso mesmo se limita só á propia materia de lingua galega, sendo na práctica ensinada como un idioma estranxeiro. En termos cualitativos, elimina o galego das materias científicas, colocándoo nunha situación de anormalidade como lingua ao non considerala apta para o uso científico.

Desde a súa aprobación, a Academia decidiu esgotar todas as vías xudiciais contra unha norma que infrinxe a legalidade, lesiona os dereitos das persoas galegofalantes e está en flagrante contradición co compromiso que o Reino de España subscribiu ao asinar a Carta Europa de Linguas Rexionais e Minoritarias. O propio Consello de Europa manifestou o pasado mes de xaneiro a súa preocupación polo efecto negativo da “redución gradual” do galego no ensino en Galicia. No seu último informe sobre a aplicación da Carta, identifica “problemas importantes”, entre os que sinala expresamente a diminución do ensino en galego.

A demanda ante o Tribuna Europeo de Dereitos Humanos lembra as advertencias do Consello de Europa e recorda que o devandito informe recolle o impacto “moi negativo” da aplicación do Decreto 79/2010, que no ensino infantil supón que o galego só estea presente no nivel do 6,57% nas poboacións de máis de 50.000 habitantes, e insta encarecidamente as autoridades a ofertar educación en galego en todos os niveis apropiados.

 

A Policía négase a atender a quen utilice o “dialecto” galego

Na quinta-feira A Mesa pola Normalización Lingüística denunciaba un caso grave de vulneración de dereitos lingüísticos por parte da Policía Nacional. Unha cidadá solicitou información de maneira telemática á Policía sobre o documento de identidade electrónico e esta é a resposta que recibiu: “Perdone la indiscrecion pero si es posible que me exponga su problema en castellano para poder darle una solución a su incidencia, ya que no entendemos su dialecto”. A Mesa pola Normalización Lingüística acrescentaba que enviaría unha queixa á Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), á valedora do Pobo, ao Ministerio do Interior e á propia Policía española. A Mesa pedirá o cesamento do ministro e dos responsábeis pois é moi grave que non se lle dea a atención debida ás cidadás e cidadáns que falan en galego. Esta situación demostra un desprezo cara ao galego que é unha lingua oficial.

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off