off
Normalización lingüística — 11 Marzo, 2016 at 12:48

Queremos Galego convoca unha concentración contra a sentenza do TSXG contra o galego en Lugo

por Redacción

O primeiro acto contra a sentenza que limita o uso do galego polo concello de Lugo terá lugar o mércores 16 ás 11.30 diante do Concello A plataforma cidadá advirte dos intentos de suprimir por vía xudicial os acordos comúns e unánimes conquistados pola sociedade galega

A comisión xestora da Plataforma cidadá Queremos Galego reuniuse onte para avaliar o contido da sentenza ditada polo TSXG contra a ordenanza de uso do galego polo concello de Lugo, que restrinxe o seu uso á subordinación ao castelán e impide unha acción pública real e práctica a favor do galego por parte da administración municipal.

A sentenza feita pública o pasado 4 de marzo elimina os artigos que sinalan que “o galego é a lingua propia de Galiza, e oficial do Concello de Lugo” o que se traduce nas limitacións para utilizalo na rotulación, sinalización das vías públicas, as empresas mentres realizan traballo para o concellos, actividades subvencionadas, formación do funcionariado ou como lingua de atención preferente á cidadanía.

Segundo sinalou o portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, estase buscando romper por vía xudicial todos os acordos a favor da lingua galega conseguidos grazas á presión da sociedade”. Para Maceira, mostra destes acordos é a unanimidade de todos os partidos da corporación municipal de Lugo a favor da ordenanza, ou a ratificación impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística do acordado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega por todos os partidos o pasado 15 de xullo.

O portavoz de Queremos Galego chamou a participar “a todas as persoas que falan galego ou non mais que queren espazos públicos para a lingua, igualdade real e práctica a todos os niveis, e a reposición e rehabilitación para que todas e todos a poidamos usar con normalidade sen limites, sen subordinacións e sen exclusións”.

Con esta concentración a favor da ordenanza de uso do galego, queremos galego comezará unha serie de actos de mobilización social “en defensa das conquistas do pobo galego en relación á súa lingua, a súa maior creación colectiva”, da que darán conta o vindeiro luns 14 de marzo nunha rolda de imprensa que convocan ás 11.30 na libraría Couceiro de Santiago.


 

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: