off
Cedeira, Meio ambiente, Natureza — 10 Marzo, 2016 at 1:18 p.m.

A praia da Madalena e a centrifugación da esquerda

by

En Cedeira  a centrifugación da praia semella levar aparellada a centrifugación da esquerda. Chega a Semana Santa e coas primeiras raiolas de sol úsmese  perigo inmimente e a  lóxica do pior. Logo dun inverno a velas vir, vén agora a urxencia de engolir calquera intervención por mor da sempiterna evasiva: a proximidade do verán e con el o turismo estacional. A grande escusa para deixar de facer o prometido, no fondo e nas formas. Por outras palabras: contemplar como posibel un novo deitado de area, quer das dunas, quer da ría.  Prometeran nos programas electorais que ian entullar como o goberno do PP? Non foi o tratamento a darlle ao problema da praia da Madalena un dos puntos chave do pacto de goberno PSOE-ANOVA-BNG?

Parece que o cidadanismo a favor do ben común de Somos Cedeira, Ollaparo e ADEGA non conta na vila e terra de Cedeira, nen para o goberno do PP nen para o “goberno galeguista de progreso”. En xullo cumprirá dous anos o artigo “Remataron as obras na praia da Madalena. Seguro?, publicado pola plataforma cívica Somos Cedeira:

“O tempo o dirá e poderemos reler este post: No inverno asomarán de novo os paus, o noiro será baixo ao faltarlle a area que irresponsablemente se quitaron á duna e puxeron nos niveis baixos a disposición do mar. Xa que logo, cómpre preguntarse que farán nos vindeiros anos, pois xa non poden seguir rabuñando area do noiro ao haber menos, ¿de onde a van a quitar?” 

Produce pasmo- porque nos preocupa- que da lectura dos comunicados sobre a praia  do Concello de Cedeira aparecidos en diferentes medios, o lector adoito deduza que os membros da actual  corporación non deberan ler nada do traballo de documentación e reflexión desenvolvido por  Somos Cedeira e ADEGA (noutra xeira, tentaremos explicarlles aos lectores de porque sae a información en La Voz ou no Portal da Marina e non no Ollaparo, porque o ignoramos).  Preocupante é que se afirme que “o uso da area da praia ou das dunas para renovar os áridos levados polo mar é unha solución que o goberno local non contempla, polo menos, non sen antes coñecer as súas posibles consecuencias medioambientais”. Quer dicer isto que serán coherentes en caso que se tiren consecuencias nocivas para o medio ambiente, incluida a Reserva?

Se o concelleiro de medioambiente Camilo Casal (Anova) afirma en La Voz que consultará a unha bióloga experta en dunas, sería interesante coñecermos quen é e se temos sorte de que informe públicamente nunha charla, asistirmos e aprendermos. Non coñecemos ningunha “experta” en dunas, será interesante saber quen é e poder consultarlle se a proposta experimental dos sacos que non se aplicou aquí  é unha ocurrencia e  talvez un método técnico contrastado e válido para outros areais atlánticos pero non para o de Cedeira. Por seren, disque, paliativos e preventivos até pasar o inverno e as vagas de mar estacionais ( ver: A guide to managing coastal erosion in beach/dune systems. Scottish Natural Heritage).  Tampouco se lembran de que Anova, BNG e EU asinaran con  Adega un manifesto nesa liña?

As circunstancias obxectivas non mudaran. Agás, con certeza, a posición de quen antes opositou sen remorsos tirando proveito do argumentario de Somos Cedeira e Adega fronte as medidas defendidas na altura polo PSOE e o PP. A mínima consistencia, proba e erro, o seu sería dubidar e por tanto, obrando en consecuencia, deberían teren presentes os compromisos e as promesas electorais. De non ser así, non hai nada que sinale que o que hoxe prognostican e onte incumpriran non vaia a ser mais unha vez ignorado.

Seica  agora o goberno cedeirés procurará unha  segunda opinión, “unha opinión autorizada antes de dar a súa conformidade ás actuacións plantexadas pola Demarcación de Costas para repor a area que o mar arrastrou durante o inverno no areal da Madalena” e “de maneira casi inmediata” aplicar  “melloras no entorno da praia, unhas actuacións”. Do que se deduce que a primeira,  elaborada por enxeñeiros mas non por un equipo multidisciplinar, é a de Costas e só esa. Obviando non só as propostas de  Somos Cedeira e Adega, que conta con biólogos e documentalistas altamente cualificados para a lectura crítica da investigación disponibel. Cosas vereis Sancho….

O que si que levará a cabo con “caracter inmediato” o organismo estatal Costas, son medidas cosméticas de  cara o verán, quer dicer, de cara o turismo estacional de verán. Limpeza de accesos, un muro de contención do regato de San Isidro e un carreiro peatonal, deixando seica para “máis adiante o asunto da reposición de area”.  Pódese obviar que pese máis o  turismo estacional que un sector productivo como a pesca? Non está a faltar en todo isto un maior compromiso dos profesionais da pesca e do marisqueo? É posibel planificar unha medida integral sen contar co compromiso e participación de todos os sectores implicados? Para cando transparencia e seguimento transparente por diversos axentes sociais ?

PraiaCedeira03
Fotos: Xosé Cheda

Porén, no pano de fondo do asunto  cómpre debullarmos dous temas urxentes mas diferentes: por unha banda, a contaminación por efecto de verquidos e a necesaria separación de augas e o seu tratamento; e por outra, independente daquela,  medidas para a rexeneración integral da ria e dos areais. Alén diso a Demarcación de Costas teima en antepor traballos de contención no noiro construido o ano pasado, o que dá unha idea da súa eficacia fronte os efectos dos temporais.  Con ese tipo de medidas fuxidias, atállase a causa da desaparición da area ou trátase de algo máis ou menos temporal?

Nun intre de lucidez, parece que o goberno tripartito lembrouse de consultar a “alguén” de Adega. Seica esqueceran que a organización ecoloxista  leva feito mil cousas a prol da praia? Por qué non se consulta o documentado e presentado? Non somos expertos en dunas, alén do coñecemento de anos de observación da praia onde medramos. Ignoramos tamén cales son as descoñecidas motivacións do goberno tripartito para ignorar o traballo desenvolvido por “Somos Cedeira” e as moitas publicacións do asunto nesta revista. Talvez deberian esforzase un chisco e lembrar que ADEGA leva anos axudando nisto.Deberan telo ben presente cando recorden o moito que se agarraban á pancarta (detrás da cal saira fotografados varios concelleir@s actuais do goberno tripartito). Oportunismo? Pois é. Porén, aquí teñen un ofrecimento aberto de colaboración pero tamén o noso compromiso co punto  partida, a liña vermella respeito a plantexamentos que contemplen o deitado de area:

a) a duna alta non debe ser manipulada,

2) os fondos da ria non deben ser remexidos.

3) negativa total a achegar áridos doutros lugares e moito menos de canteira.

Entanto o alcalde Moreda (PSOE) fica parapetado de todo isto, coidandose de agochar que os recheos de plásticos e refugallos das obras foron cousa do seu compañeiro de partido exalcalde Vergara (PSOE), os concelleiros e concelleiras de Anova e BNG fan como se o problema xurdira da nada, ignorando os propios comunicados e accións apoiando as propostas de Somos Cedeira e Adega. Porque ninguén agochou nunca a complexidade do problema, por iso non se entenden os vellos modos da dereita. Mais debe ser dificil dicir adeus a todo iso cando se pacta co PSOE.  E todo apunta que será culminación da “síndrome de Estocolmo”.

O problema da Praia da Madalena é un problema multidisciplinar que atinxe a  químicos, biólogos mariños, ornitólogos, ecólogos, ambientalistas,…. e á sociedade civil toda. Por un motivo evidente: é un ben común e un problema complexo. E o mesmo se pode afirmar con respeito á praia, á ría de Cedeira e a moitas outras cousas. Todos nos equivocamos, ninguén é experto en todo,  mas todos somos cidadáns merecedores de respeito.

 


 

Ao mellor tamén che interesa:

A Madalena despois da primeira vaga de mar

O BNG de Cedeira pide unha intervención de contención na praia da Madalena

Preamar desfacendo a praia

One Comment

  1. Haberá que estar atentos. Coido que isto era xa previsible. Correr agora para tomar medidas cosméticas non vale. Por certo, ¿ non se lembran do exposto anteriormente, ou das concentracións levadas anteriormente donde estaban presentes? Fáganse as cousas ben. Coido que Somos Cedeira, Ollaparo e ADEGA fixeron o suficiente para poñer as cousas claras. A miña conciencia pídeme seguir apoiando a quen fixo todo o posible para informar e por solucións non cosméticas ao problema. Repito: fáganse as cousas ben, non so pensando no verán.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off