off
Opinião, Politica espanhola — 6 Marzo, 2016 at 9:15 a.m.

Amnesia versus Parrhesia

by
Foto: Canaan (CC SA-BY 3.0).
Meia.Antoni Tàpies. Foto: Canaan (CC SA-BY 3.0).

O esperpento, esa realidade grotesca que aguilloara xenio de Ramón María del Val Inclán, segue tachonando a política estatal. Non hai acontecimento de impacto que non imite os seus excesos. Esperpentos aquén e alén, e a mesma tropa de sempre a celebralos. Esperpento foi que a democracia viñese a lombos dun monarca nomeado por Franco e levantado pola esquerda. Esperpento, un 23-F cometido pola Agrupación de Tráfico da Garda Civil en nome de El Rei. Esperpento, que o maior atentado da historia de España o fixeran confidentes a soldo da policía. Esperpento, ao cabo, que a máis grande estafa de sangue azul fose argallada desde a Casa Real. Un surrealista viático que, ben mirado, leva aos poderes institucionais: Xefatura do Estado; Exército; Corpos e Forzas de Seguridade; Borbonato; etc.

Porén, con tan altos señores mergullados na lameira, eses esperpentos implican necesariamente unha cárrega de profundidade engadida.

Non existe aldraxe que non leve a súa correspondente dose de mentira, engano ou poalla. Ao dano ao ben común que todos eses roubos provocan súmase un reiterado atentado á verdade e unha desfeita da memoria.

Por iso é polo que a Transición oficialmente sexa unha mostraxe de virtudes baixo palio; o golpe de estado, un asunto de catro tolos guiados por un lunático; o 11-M, unha conxura do integrismo islamita contra a civilización occidental e o caso Nóos, un pelotazo filantrópico malogrado pola cobiza do persoal de servizo.

Daqueles pos veñen estas lamas. Nen sequer na sede da soberanía popular cabe dicir verdade. Pódese falar de todo, mas só se pasou a criba do “politicamente correcto”. O Congreso non está para revolver nos baúis da memoria. Aínda que o máis abxecto do seu pasado sexa o cadeado que impide avanzar ao presente máis aló da púdica retórica. Por iso é polo que se estime case blasfemia lembrarlle ao partido que oferta un goberno progresista e reformista coa nova dereita (outro esperpento) que os seus mentores teñen a conciencia alicatada en cal vivo. O mesmo pasmo que provocou no hemiciclo o oportuno recordatorio feito por Pablo Iglesias sobre o aniversario da matanza de Vitoria no posfranquismo.
Que magnífico espectáculo, os berros das súas señorías, que veñen de recibir cumprido apoio do ex eurodeputado de Podemos Carlos Jiménez Villarejo. O mesmo veterano fiscal que fixo carreira no gremio durante a ditadura calando ante os asasinatos de Grimau, Delgado e Granaderos, e Puig Antich. Para logo, xa no bebedoiro felipista á fronte de Anticorrupción, mirar para outro lado en todo o referente aos crimes do Gal (experiencia sobráballe), e ainda asín lograr aparecer como un respectado demócrata de toda a vida. Por iso é tan complicado que a xuiza arxentina María Servini poida extraditar a Rodolfo Martín Villa polos crimes da capital alavesa. Significaría pór o país patas para arriba, ao xeográfico e ao de papel, grupo onde o reclamado alcanzou a presidencia de Sogecable. É o que Felipe González chama atizar “a rabia e o odio”. Outro esperpento.
Lucas Mallada, un dos nosos rexeneracionistas mesetarios, falou dos males da patria en parecido rexistro ao que a Joaquín Costa facíalle depositar as súas esperanzas na trinitaria “familia, despensa e política hidráulica”. Pero iso sería entón, cando palabras e cousas correspondíanse. O verdadeiro problema do pobo español hoxe, o que constitúe a medula da súa infinita corrupción, aniña no seu olímpico desprezo á verdade. Esa parrhesia (dicir verdade), que xunto á isonomía (igualdade legal) e a isegoria (igualdade de falar) conformaban a democracia na Atenas de Pericles, rendida ao esperpento do sistema.

Nesta capitulación a Segunda Transición tamén clona á Primeira. Só que onde antes se esixía amnistía agora pídese amnesia. Porque o mellor xeito de impedir a rutura é facer coma se o pasado non existise. A Canción do Esquecemento.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off