off
Galiza, Opinión, Pesca — 3 Marzo, 2016 at 07:52

A multiplicación dos peixes

por Gabriel Beceiro

Vivir do mar é unha vella arela das comunidades costeiras e ribeiriñas de todo o mundo. Porén, non todas contan coas mesmas posibilidades por careceren de poder, de medios extractivos ou de cota. Esa asimetría fornécenos un bo exemplo do que pode significar manter sectores productivos sustentábeis en termos medioambientais e humanos, o que decote se denomina vivir dignamente do traballo en harmonia coas posibilidades dun medio mariño que está sobreexplotado aquí e en toda parte.

O milagre dos cinco pans e os peixes que aparece nos evanxeos canónicos fai referencia  a multitude que comeu a fartar e, despois do milagre de Xesús, ainda sobraran aos discípulos sete cestos con anacos de pan. Xesús producira de máis. Nunha palabra: decrecemento.

Para combater as desigualdades a chave está na ocupación. No traballo. E para que haxa traballo seica hai que xerar crecemento. Este siloxismo semella carregado de razóns que se van repetindo no tempo en círculos políticos e empresariais cada vez máis concéntricos e indistintos até convertilo no albo insuperabel da política económica.  Porén, a cuestión da desigualdade non é só un problema de ocupación e traballo. A desigualdade significa a incapacidade de garantir unha existencia digna aos cidadáns. E non é iso o que reclaman os mariñeiros do cercos e a súa contorna social e familiar?

Eís o punto de partida do recoñecemento e da capacidade de prosperar na propria terra sen facelo a costa dela. E iso depende de como é o traballo e depende de como se distribue a riqueza se o traballo non garante un reparto axeitado.

Para a Xunta a economía que nos ten que redimir é a intensificación da producción acuícola a costa das condicións medioambientais  (mais un exemplo é a prórroga de Ence outros sesenta anos), quer dicer, fábricas de monopolios de produción e distribución. Nada de economía colaborativa creadora de riqueza e cohesión social. Desde a infancia  veño escoitando que mais val ter un mal traballo que non telo. Cómpre andar á espreita coa pervesión que agocha este retrouso en nome da productividade e o crecemento, porque en nome deles can os salarios e  medra a precariedade. Non é certo que as desigualdades de renda- e en Galiza hai moitas entre os galegos e galegas e entre estes e o resto de cidadáns do estado – reflicten as diferencias de productividade.

Mañá, venres 4 de marzo, crearase en Compostela a mesa de negociación que Rosa Quintana, conselleira do Mar, comprometera para tratar a problemática do cerco. É un bo comezo para retomar a problemática e tentar arranxar a situación dun sector da pesca artesanal  galega. Mariñeiros, armadores e familias queren saber a disponibilidade da conselleira do Mar ou se do que se trata é continuar ao pairo dunha situación que os aboca ao devalo até desaparecer. A problemática do cerco permitiu visibilizarmos a solidariedade de persoas e colectivos do país, nomeadamente arredor da plataforma de “Mulleres e Homes de San Caetano”  que acamparan meses ás portas da Xunta.

Debullemos a actitude que ten espallado na sociedade global cara o consumo de peixe. No caso galego, cómpre termos ben presente o pano de fondo do rascuño da  Lei de Acuicultura que quixo aprobar o goberno de Nuñez Feixoó nun intento, felizmente abortado pola presión social, de industrializar definitivamente as pescarias. Hai quen fixo desta lei de acuicultura unha especie de designador ríxido moi potente sob o apelo permanente á ” visión científica” ainda que do que se fala nela é de produción intensiva de proteinas. Dalgún xeito, algo cada vez máis habitual nas leis e normas, excluindo dela a presenza das persoas. Porén, as leis non procuran o mesmo ca ciencia moderna ainda que apelen e se fundamenten nela. Nen esta nen calquera outra lei  nen corpo pode ser lóxicamente idéntica ás partículas elementares que a compoñen. Que o progreso científico conleva riscos é sabido, mas ese perigo non é o seu destino nen é inevitabel.

©Praza

©Praza

Consideremos o peixe perfectamente embalado procedente das piscifactorías: a primeira vista, un rodaballo é un rodaballo. Porén, malia vermos nel o animal, está artificialmente elaborado. Como unha salchicha, un polo ou unha prenda de roupa. Cando o comemos, sobretodo para quen non teña experiencia gustativa de ter testado un rodaballo pescado na ria, desaparece toda idea da súa orixe. O caso asemellase cada vez máis á experiencia de consumirmos peito de polo. Puro fetichismo da mercadoría. O rodaballo semella ter dado un chimpo do mar ao frigorífico, cando de feito é o producto dun coctel artificial de produtos químicos, farmacolóxicos e materia orgánica ao límite das leis alimentares. Neste contexto, falarmos de “reservas de interese pesqueiro” sería un pleonasmo de non estar previamente baleirada de sentido.

A problemática da pesca do cerco é tan traumática como a verdade do seu reverso real: a progresiva privatización  dos recursos mariños, a tecnificación e definitiva implantación da produción industrial de proteinas en mans das multinacionais do sector a costa das comunidades ribeiriñas que viven sob un “modelo extractivo non intensivo”.  

O seu ámbito obxectal vai alén do bou de vara, das manobras de alargada e de virada, da rapeta e do boliche, da cúa, o calón e a corticeira,  da pedreira e do marisqueo a pé, do  fouciño, da fisga e do salabardo. Todos eles apuntan ou refiren un campo de sentido, o lugar onde apareceron.

Mais unha vez: se vemos na televisión como os mariñeiros e as súas familias saen á rúa e acampan meses diante do edificio de goberno da Xunta, vexo mariñeiros e as súas familias e non representacións mentais. Isto aplícase tamén ao noso sentido da orientación cando abrimos camiño no colo da realidade.  Non podemos permanecer fora do que vemos. Porén, alén do noso sentido da vista, debrúzase tamén o noso pensamento. Tamén por iso, grazas ao sentido da vista, podemos ir alén do noso pensamento (daí a facilidade con que a televisión pode manipular a realidade).

Eís o cerne da cuestión: o fetichismo é un mal negocio. Que o erro sexa un eido de sentido non obvia que cómpre suliñar mais unha vez que non todas as percepcións son certas. Por iso o perspectivismo (sermos competitivos nunha economía alimentaria global)  decote empregado para xustificar a intensificación industrial da pesca e do marisqueo é tamén enganoso.  A tese de que hai diferentes puntos de vista sobre a realidade, equivale a dicir que hai unha só realidade á que se refiren todas as perspectivas. Pasando a ser a única realidade hexemónica a confeccionada polo neoliberalismo, como medida de todas as cousas. A idea de entregar as  rías e a súa contorna para aproveitamento intensivo das transnacionais acuícolas non é máis do que un correlato do progresivo productivismo da vida moderna. Facer de todo o que existe un obxecto funxibel, pronto a ser producido para ser usado, consumido e desbotado. Acontece que o sentido que o neoliberalismo propón, por así decilo, coincide co noso destino e este destino atínxenos non só a nós, as comunidades ribeiriñas, os galegos e galegas, aos humanos, mas a todo o que existe. Ocupación si. Mas non só iso, porque a degradación laboral impide a realización das persoas e o recoñecemento como comunidade de cidadáns.

Sen dúbida, largar aparello agora é moito máis cómodo que cando o facía meu avó no trincado Villa de Cedeira ou cando en cabotaxe levaba madeira de toxo á Coruña. Son as vantaxes de ir vivindo nunha época sob prevalencia da ciencia. O que non evitou o naufraxio do barco. Con certeza,  é moito mellor contar co Helimar e con avanzos tecnolóxicos abordo. No entanto, na época da ciencia  teimamos en considerar como único estándar de obxectividade o achegar aval científico. Até o punto de reducirmos todas as outras formas de coñecemento ás científicas. Sen dúbida, o progreso científico é un ben común que é de agradecer cando evita a arbritrariedade humana, porén non todo é liberación sob a pegada do cientificismo cando se asocia o rótulo “ciencia” a unha imaxe do mundo. Unha obxeción esta, por outra parte, científica. Quer dicer,  pode ser verificada, cuestionada, rexeitada e refutada.

Non presupoño que a retirada do rascuño da Lei de Acuicultura leve parello unha pretendida toma de conciencia da estructura do “modelo productivo” que aquela defende. Por iso non deixa de ser relevante lembrármonos aquela análise de Marx do fetichismo da mercadoria cando tiramos do frigorífico unha robaliza ou un rodaballo perfectamente embalados, porque decote trocamos e mercamos artigos sen sabermos como foran producidos en realidade e como é que apañaran o seu valor. Se na súa produción e elaboración se viran comprometidos dereitos e condicións laborais, a calidade do medio ambiente, o seu saneamento e viabilidade futura das comunidades humanas.

Após retirada da polémica Lei de Acuicultura, a mesa de traballo do cerco debería servir para achar creativamente solucións viables mas tamén para reexaminar e pór de relevo que os mariñeiros acampados e os manifestantes do dia 27F son manifestación do mesmo problema, porque non todo é unha alucinación discrecional, porque non é unha cuestión de percepción que non é sustentabel mantermos até o infinito o  “modelo intensivo” -sexa o acuícola ou o monocultivo forestal –  con técnicas intensivas de produción industrial.  Eís o fenómeno de fondo: é un feito que, alén da crenza neoliberal, a produción ilimitada non é viabel. Non é un a priori, esta convicción é “arrincada” do  medio.

 

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
%d bloggers like this: