off
Movementos sociais, Pensamento — 2 Marzo, 2016 at 11:25 a.m.

Decidirmos?

by

“Oh, un enorme caranguexo- susurrou Jacob”
Virginia Woolf, Jacob’s Room

Quen ten soberanía e para facer o que? A decisión alicerzou na vida política. Seica, din, porque voltou a política e a  tirapuxa polo poder. A burocracia, desde que Max Weber a analisara, é unha fórmula para garantir a orde, o que hai, mesmo direccionada a  neutralizar o poder, isto é, a utoridade do soberano. Co paso do tempo, esta arela de converter a lei en norma, e a sua execución nun procedimento impersoal, virou a cousa complexa até mudar de nome. Xestión, gobernación, tecnocracia, secretaria de organización, goberno dos expertos, orde sistémica,. Porén, cada vez que hai unha crise profunda, a cada vez que se declar a excepcion, vólvese propor a fulcral cuestión: quen e como decidir o que nos é común? Por outras palabras, cando a crise da ideoloxía do capitalismo industrial, o xurista alemán Carl Schmitt propos unha arrevesada teoria política, forte como seu afago nazista,  na altura serviu de amnánese crítica do liberalismo. Unha teoría política alicerzada na tese “existir é decidir” que facía do decisionismo unha proposta de devolucion da soberanía ao Estado a través da constitucion dun pobo que saia do nada, porque o seu poder é pura expresión dunha vontade de ser.

Vivimos tempos póstumos (de precariedade e de catástrofe) sen  tempo para proxectos colectivos de mudanza que precisan demora. Falamos de curas cando só hai emerxencias e resgates. Curas paliativas. Procúranse acontecementos e a xerazón continua de novidades que fornezan sentido cando non nos damos tempo para nada. Dicimos estar vivos mas aceptamos receitas para alén da morte.

o decisionismo facía unha  proposta de devolucion da soberanía ao Estado a través da constitucion dun pobo que saia do nada, porque o seu poder é pura expresión dunha vontade de ser.

Daqui a pouco, a cidadanía galega terá que decidir, no modo do sistema electoral español, as condicións expresadas nos programas dos partidos políticos e da troica, que ten expresado a eito o seu materialismo capitalista do posibel. Unha forma de naturalización contemporánea do suceso ao que ten sucumbido Tsipras após convocar o pobo grego a decidir. O orgullo, entrefrebrado entre a aceitación ou non das condicións da troica, derivou nunha actualización da producion, organización e administración da indiferencia. As expectativas xeradas polo 15M e derivados sob a forma-partido e en Catalunya co proceso independentista lémbrannos a soberanía nacional como horizonte para a construción de cidadanía, dun pobo forte e emancipado. Dende o compromiso coas loitas populares lá onde se den, cómpre preguntarse se o único xeito de decidir políticamente é desde e para o Estado.

agulla_de_marearA vella angueira filosófica,  porén autónoma dela, que é o comunismo, non é máis do que unha autoafirmación da filosofía como lembranza da posibilidade imposibel da existencia dunha política emancipadora. Quer dicer, a lembranza de que somos quen de xerar verdades perdurables, como ten amosado Frank Ruda, e a capacidade dos individuos para autoorganizarse de xeito igualitario através dun partido-estado que non o verifica. Eís, tamén, o paradoxo que nos aprende Rancière, do mestre que para aprenderlle ao alumno o vieiro para acadar a emancipación, non fai máis que verificar nele a súa incapacidade para aprender de seu e a súa dependencia dunha figura autoritaria. Unha relación de dependencia sob o “principio do atordoamento”. Unha relación de dominio-dependencia que atranca a autonomia na medida en que o alumno non pode verificar de seu a súa capacidade de acceso. Alain Badiou albiscou aí o traballo de rehabilitar a Idea de comunismo como aquela de facer coincidir o medio coa fin a acadar. Dito coas palabras de Rancière, que a participación nunha forma política particular fose en si mesma enxergada como a verificación das xentes da súa capacidade de autoorganizarse en igualdade.

A decisión, como miolo e cerne da vida política, unifica o pobo ao prezo de estatalizar a vida colectiva. Por iso volta a nación e volta a xente e con elas Rosalía para lembrarnos- non é acaso a nosa máis disruptiva filósofa, poeta de excepción?- que somos capaces de producir verdades xa que temos demostralo selo. Mas a decisión, como acto dunha vontade que xurdeu do nada, é unha ficción. Como o era a teoria do contrato social. Non é certo que existir apenas sexa decidir.

Cómpre termos claro que a palabra crítica non causa dano nen ruina, non mata. Axuda a respirar. Decote, a arrogancia política leva  á estratexia de diferenciación para presentarse como únicos e imprescindibles, nun relato que ignora a posibilidade de pactos a agocha as hipotéticas preferencias. Quer dicer, no meio da xeral confusión, a imperativa necesidade de presentarlle á cidadanía proxectos nídos e confesabeis é un dos maiores atributos do BNG que, por certo, non pasa por un bo momento. Con certeza, presentar proxectos claros e distintos é o que se precisa nun momento presidido pola troca ideolóxica  porque axuda a desmontar a interpretación hexemónica da realidade para que a esquerda nacional galega recupere o poder perdido. Mas non abonda, a política tamén é saber práctico.  Alén diso, calquera formación política debería fuxir de  facerlle acreditar ao cidadán, ao simpatizante, ao militante, ao non homologado ou ao eleitor que só con maiorías absolutas ou unanimidades se pode tirar adiante un programa de acción política.  O máis grave deste raciocinio propagandístico é que cada proposta política semella irreconciliabel con calquer outra, para arrollar posibles fugas de voto ou asegurar adesións inquebrantábeis. Se finalmente se acaba pactando, o simpatizante, militante, votante ou calquer cidadán á espreita, verán traizoadas as promesas daquel “nunca  gobernaremos con…”. Alargando así as razóns para a desconfianza. Ao cabo, só resta identidade cando os predicados fallan. Mas só iso: o inerme baleiro do identitario. E este sempre ten percorrido limitado cando acaba sendo a carauta das politicas de esquerda nun intre no que é o que máis se precisa. Velaí o resultado das eleccións xerais nas que se identificiou a quen máis berraba como on obediencia e como alternativa (que tampouco recebiu o apoio das expectativas xeradaa, todo hai que dicilo). Se algun sentido fai “refundación” neste intre no BNG é se o  consello nacional entrante ( que non fixo máis do que recoñecer a quen xa estaba recoñecida e homologada como candidata) é quen de encetar un debate inesperado de cara a compartillar poder cos non homologados que ainda orbitan na xeira do Bloque, e que decote aceptaran de bo grau ficar ás marxes como portadores minoritarios dunha permanente emenda ao modus operandi, e que deberían ir entrando no reparto de responsabilidades. Eís un vieiro nominalista necesario ainda que non suficiente se con certeza se quer alargar a base social da que ainda é a maior organización da esquerda nacional galega. Porque  a xente pregúntase como  se canaliza a capitalización do malestar e das mobilizacións e protestas en políticas de mudanza do que hai, e máis se temos en conta a irrupción de fenómenos como Podemos e En marea. Ao cabo, con esas duas irrupcións a conflictividade social diminuiu, producindose desmobilización e mesmo despolitización dende o momento en que os que debruzaran nas rúas e prazas visibilizaran sentirense representados. Eís, tamén, a oportunidade do BNG. Porque ten no seu acervo unha memoria de acertos e erros que deberá metabolizar de xeito acelerado porque a política de noso, en e desde Galiza, é moito máis importante do que pensamos alén da súa mediatización e espectáculo. Podemos e En marea xa están a provar que, malia todo, o estado español ten máis cintura da que pensaban e síntomas hai xa de que están a ser deglutidos. Porque defender unha opción de esquerda nacional galega é necesario e manifesta unha vontade nídia a non claudicar, a mostrar que hai unha alternativa da cidadanía galega para a cidadanía galega. Mais cómpre fuxir dos próprios fantasmas e do fatalismo e  adaptarse  cando as cousas non son como  o seus dirixentes quixeran, o que raramente acontece.

Contodo,  o adversario, enxergado en termos electorais, sempre é quen está máis perto en termos programáticos e ideolóxicos, con quen se compite máis polo voto. Daí que a posibilidade de pactar aquí e agora esté máis condicionada polo porvir que non polas dificultades de compartir candidatura e goberno. Eís como prova os pactos contra-natura submetidos ao puro cálculo de que non atrapallen o futuro. E a isto haille que sumar tamén o factor humán, a cobiza por controlar as organizacións, a profesionalización en cargos orgánicos, a dificultade de voltar cómodamente ao mercado laboral, as xenreiras dos compañeiros e compañeiras que foran quedando polo camiño após as derrotas,…. As filtracións unilaterais ou interesadas tamén non axudan a debater a serio, ainda que o máis grave desta lóxica é cando deturpa a linguaxe, que ainda non sendo suficiente é o medio necesario para chegar á mellor fórmula participada, clara e distinta. Portanto, “refundar” o que? Para refundar canto menos hai que reflexionar e debater os alicerces dos fundado, repensar a adecuación entre a proposta prográmatica e ideolóxica e o acadado políticamente, non mais o movimento político como un instrumento do que os suxeitos se aproprian e desaproprian segundo a súa vontade mas como proxecto politico que perdeu posicións nas institucións galegas após de devalos  consecutivos -nacionais, municipais e xerais- que se produciran ben antes da irrupción de Podemos. Outra eiva desa lóxica é a tentación patriótica, a vontade de servizo  ou a fidelidade ao pobo, adubiado de pseudo-argumentos canto de prexuizos para atallar propostas que alargan e fan visibel a soberanía  fronte a potencia hexemónica do instituido (experimentando metodoloxías, por exemplo, unhas primarias abertas entre os parceiros, militantes e simpatizantes censados, como metodoloxía en chave de construción de unidade popular tanto desde adentro, como dende fora dunha organización).

Ao cabo, unha relación hexemónica, lembrémolo, é unha relación vertical de cima para abaixo. A hexemonia da falácia hexemónica, portanto, funciona como unha forma activa dando estrutura ou formatación dunha matéria que presupón pasiva e sen estructura. En vez de pensarmos en termos de condicionamento hexemónico,  sería  recomendabel facelo en termos de envolvimentos de obxetos e suxeitos.  E mais unha vez, a cuestión aquí non é que os sinais non acheguen diferenzas, mas que é preciso estar atento para o papel desempeñado por outras diferenzas non significantes dentro dun colectivo.

A lóxica da representación, que se basea nas metáforas visuais de refletir e espellar, levanta apenas a cuestión de saber se existe unha similitude entre a representación e o representado. Como tal, necesariamente, perde o domínio das exo-relacións e interacións entre os obxetos na produción de manifestacións locais. Por outro lado, seguindo a Lacan, a crenza de que o gozo total de existir, de que é posibel atinxir o gozo completo, torna ainda mais difícil para desfrutar do gozo que está disponibel porque sempre fica aquén do gozo imaxinado. Como consecuenncia, o suxeito sofre de fantasias de gozo total que transformam a vida en frias cinzas. E o peor: tornase incapaz de aprezar instalados na xeración continua de novidades e no despois do despois. Pasamos da producción ilimitada e o presente eterno que non precisaba do porvir e da vida en común,  a un vivir só, desacompañado e póstumo no que a producción ilimitada de bens para o hiperconsumo deu paso a catástrofe e o ermo da vida en común.

Por sorte, alén do  Carl Schmitt aprendemos que existir é depender sen submeternos, que a soberania é o ensarillado de posicións e que a liberdade é acción colectiva. Por iso, non hai soberanía política sen autonómía social. A liberdade dos pobos basease na continuidade do convívio e a súa xeografía coincide coa das decisions compartilladas que desbordan, por acima e por abaixo, a soberanía dos estados e dos partidos que se presentan como destino histórico. Daí que Badiou chamara “suxeito” a “unha encrucillada non prevista, xa que todo suxeito é unha excepción non forzada, que vén en segundo lugar”. Dito doutro modo, na actualidade o paradigma do posibel é o natural (temporalidade inmóbil do posibel).O posibel é o que hai, o mundo segundo opinións relativas. Como o corpo, en-barrado naturalmente polas súas necesidades. Ao cabo, o materialismo capitalista do posibel é o do corpo, do posibel naturalizado, di Ruda. Por iso xunguirse co posibel torna imposibel toda mudanza no marco do que semella posibel: o estado. O que parecendo mudar decote, de feito non muda.

As decisións comúns precisan novas fasquías, novas fórmulas e outras agullas de marear. Se o estado español e a Europa dos estados non soubo atopala, teremos que atopala desde abaixo. Tecendo e destecendo unha rede inacabada de persoas, organizacións, cidades, nacións e territorios. Ao cabo, quen produce certeza, os responsables do destino de noso, somos nós. Con outras palabras: recuperarmos o dominio do noso destino.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off