off

Traduttore, traditore: trasnos e feitizos no procesador

by

Estamos lonxe dunha tradución automática de cualidade. As traducion automatizada non consegue traducir corretamente moita cousa ou mesmo traduce de máis. Erros ortográficos ou grallas, palabras abreviadas e linguaxe coloquial


Un xornal daba a noticia: “A escritora Alegría Costas gañadora do premio Neira Vilas”. Ela, Ledicia Costas, respondía no Facebook lamentándoo pois, como galega, séntese moi orgullosa de ter nome galego. Pouco despois o xornal explicaría que a mudanza do nome fora debida ao “procesador de textos”.

Non se pode, nestes avatares, deixar de lembrar aquel renxeante “Desván de los Monjes” que un Conselleiro de Cultura pronunciaba indolente fronte aos medios de comunicación. Referíase, claro está, a Sobrado dos Monxes, onde ese monumental mosteiro barroco afonda seus alicerces no medievo, cando a lingua nosa non tiña de quen nin porque abeirarse, cando esta longa noite de pedra -que diría Celso Emilio- aínda non comezara.

Entre andrómenas, os trasnos da informática brincan parodiando a comunicación contemporánea. Nunha destas aconteceu, na cerimonia dun casamento civil, que o oficiante, alcalde da cidade, enunciou con naturalidade “Casa Penedo” en troques de “Casa Pedro”, saga da que procedía unha das ramas familiares que converxían nese desposorio. Vaites! que estoutro erro do “procesador” non precisa ser desculpado: Non houbo, nesta ocasión, transubstanciación lingüística, xa que pedro, como vocábulo correspondente ao xénero masculino de pedra, ben pode ser popularizado na Galiza como penedo. Velaí a maxia do conto, velaí o feitizo.

Xustamente de Pedros e Penedos, falounos abondo aquel mestre da palabra que foi Cunqueiro. Mesmo nunha pasaxe de “Xentes de aquí e de acolá” chama Penedo de Alduxe ao seu amigo -real ou imaxinario- Pedro Anido.

O camiño está certo: revisen o texto despois de o procesar, pois as linguas non son códigos arbitrarios, senón a cerna do que nos define e dignifica como colectividade. Son arcas cheas de lembranzas e soños, naves sobranceiras que gañaron o presente sucando mares antigos e que agora deben voar, íntegras, nos ceos virtuais do universo para sobreviviren no futuro.

One Comment

  1. Certamente, hai que ter moito coidado a hora de verter un texto a outra lingua. Recordo o de Verduxo por Verdugo e Acea da Ma, por Haciadama, ledicia por Leticia, etc.
    Unha aperta. E recordos a Margot- Begoña.

    X. Antón Suárez Aneiros

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off