off
Europa, Movementos sociais, Opinião, Politica internacional — 22 Febreiro, 2016 at 1:21 p.m.

Eurócratas: non nos representan!

by

“O que se precisa é que a verdade ascenda desde os tugurios,
porque desde as alturas non se desprenden máis que mentiras”
Louise Michel

Alegoría de Europa (1870)
Alegoría de Europa (1870)

A crecente defección dos representantes co mandato dos seus representados está a marcar a praxe política neste primeiro terzo do século XXI. Primeiro a consecuencia das lesivas medidas executadas polos gobernos europeos para afrontar a crise e agora coa degradación da “carta social” polo ultimato do Reino Unido. Ambas as posturas, sancionadas polas elites ás costas da xente levan á mesma conclusión. A que rascuñou Louise Michel na Comuna de París en 1871: non nos representan!

A vulneración de principios do Consello Europeo ao permitir a Londres discriminar nas prestacións sociais ao non nacionais comunitarios, engade un elemento de urxencia máis á necesidade de construír unha Unión Europea de nova planta. Outra “casa común” que faga posibel un marco onde a democracia, a solidariedade, os dereitos civís, políticos e económicos sexan unha realidade e non unha mera declaración de intencións ao capricho dos mercados e das tramas oligárquicas.

Se a implacabilidade con que Bruxelas respondeu á vontade maioritaria do pobo grego contra os ditados da Troika xa significou un nídio signo de despotismo, a recente violación dos eurócratas ante a hipótese dunha consulta popular en Gran Bretaña que cuestione a súa permanencia  confirma a involución democrática en que vive a Unión Europea, secuestrada por uns líderes que non expresan a vontade xeral. Unha deriva que servirá para dar ás á extrema dereita xenófoba se os movementos sociais e o activismo cidadán non toman cartas no asunto e seguen outorgando plenos poderes aos seus representantes na UE.

As concesións ao primeiro ministro Cameron veñen inmediatamente despois do infame espectáculo ofrecido co simulacro de asilo a refuxiados e inmigrantes que levou a levantar aramados no perímetro exterior e fronteiras temporais no circuíto interior da UE. Medidas todas elas que ofenden o espírito fundacional da Unión Europea e agrandan aínda máis o distanciamento entre os seus dirixentes e os cidadáns. O caso español é paradigmático neste sentido, se se ten en conta que o ingreso na CEE en 1986 asinouse sen referendo aprobatorio e que o da Constitución Europea de 2005 só obtivera unha participación do 41,8%.

O que debía ser un proxecto de prosperidade común, gañado a base de subordinar algunhas competencias da Estado-Nación, está a converterse nun cambalache de intereses cruzados en mans dos órganos de decisión da UE. E o máis preocupante nesta última claudicación ante a xa moi privilexiada posición británica (fose do euro, de Schengen e gozando dun “cheque” que posibilita un notable desconto na súa contribución) é que a súa aceptación polo Eurogrupo anticipa novas relaxacións noutros países pola lóxica do “dou para que me deas”. Como enxergar porén que o humillado Alexis Tsipras non exercese o seu dereito ao veto ao comprobar a dupla moral con que se tratou a Grecia e a Gran Bretaña.

Ninguén pode afirmar que un Plan B antiaustericida deseñado arredor do fulgor de personalidades políticas poida prender nun gran movemento de rexeneración democrática en toda Europa, mas fica claro que unicamente a nivel continental unha sociedade civil proactiva e comprometida cos valores do humanismo poderá reverter as dinámicas reaccionarias que están canibalizando o proxecto europeísta. É a tarefa desta xeración. Allons enfants!

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off