off
Educação, Música — 9 Febreiro, 2016 at 7:41 p.m.

II edición do festival Músicas para a Semente

by

O domingo 21 de febreiro ás 18 h no auditorio de Narón o Festival “Músicas para a Semente” contará con Guadi Galego e Roberto Cribeiro, Olga Brañas e Andrea Picos de Pitusa Semifusa. Nesta xeira  o pintor Leandro Lamas e a actriz Sílvia Casal presentarán o CD “Músicas para a Semente”  e sortearase entre os asistentes un cadro do deseñador ferrolán “Juanlu”.


 

No 2015 a asociación Semente Trasancos avisou: nacía un festival de música para todas as idades e viña para quedarse. O diñeiro recadado destinarase ao proxecto de Semente Trasancos, un espazo para crianzas até seis anos que leva a funcionar desde o mes de Outubro en Narón e onde o galego é a lingua vehicular. Para manter o espazo en Ferrolterra moitas son as iniciativas que de maneira solidaria xorden ao redor do proxecto. O Festival é unha máis e, coma sempre,  desde a Asociación ven coma persoas de diferentes ámbitos aportan o seu gran de area ao proxecto que está funcionar noutros lugares como Vigo e Compostela e que entre todos conforman a Rede de Escolas de Ensino Galego. As entradas pódense mercar no Muíño do Fabal en Narón, na Fundaçom Artábria en Ferrol e no bar futbolín e o Varadoiro en Pontedeume; ademais despacharanse a partires das 17:30 o mesmo día do festival. A entrada é de balde para os menores de sete anos. As prazas son limitadas.

Espazo en San Mateo
Rede de Escolas de Ensino en Galego. Espazo en San Mateo

Que é a Rede de Escolas de Ensino Galego?

A rede de escolas de ensino galego é unha asociación que aglutina os espazos educativos “Semente” de todo o país. Hoxe están abertos catro centros Semente: un en Vigo , dous en Santiago de Compostela e un en Narón. En breve Semente Lugo constituirase e traballará para abrir outro espazo na cidade da muralla. Hai dous eixos fundamentais que rexen a esta Rede: educar en galego facendo que as nenas e nenos poidan desenvolverse na lingua propia en todos os ámbitos, e empregar unha pedagoxía baseada no apego e no desenvolvemento natural das crianzas, iclusiva, científica, laica e de calidade.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off