off
Cinema, Movementos sociais, Opinión, Política — 9 Febreiro, 2016 at 08:30

Degolados [De-Goya-dos]

por

“Para gañar o pan /vou cada mañá ao mercado /
onde se compran mentiras /cheo de ilusión /
póñome na cola dos vendedores”.
(Bertolt Brecht guionista en Hollywood)

A noite en que os titeriteiros ingresaron en prisión acusados de apoloxía do terrorismo sufriron unha tripla afronta: a do xuíz inquisidor que ditou o esperpéntico auto; a dos políticos de esquerda que, como Manuela Carmena e Pablo Iglesias, calaron de entrada mentres asistían compracidos á gala dos Premios Goya; e a das propias estrelas de cinema, teatro e televisión que celebraban o trinta aniversario da Academia alleas a que a liberdade de expresión estaba a ser atropelada nas persoas de dous humildes cómicos.

O verdadeiro entroido desa xornada estaba nesa alfombra vermella e o monicreque na concelleira de Cultura, Celia Mayer, que os denunciou ante os tribunais para escapar das súas responsabilidades.

Hai moita xente que, como Brecht, acoden tamén todos os anos onde se mercan mentiras. Á entrega dos Premios Goya que concede a Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España. Como se nada! Artes e Ciencias entrefrebradas. Un oxímoro como o socialismo científico.  Mas tamén, como aquel desiderátum, nun só país, o único autorizado.

E como decote non deixaría maravillarse perante o que ao seus ollos e ouvidos pasaba. Cunha mestura de curiosidade e pasmo. Poucos espectáculos como “a Gala dos Goya” xunguen tantas chaves para entender á devalante sociedade española, sempre distinta e á vez sempre indiferente. Un ungüento tan eficazmente anestésico que adoita recibirse cun sorriso de compracencia. É o máis parecido a unha sesión en cinema de familia mas “con mensaxe”. O fotocol do réxime cultural.

Ainda que xa se sabe, mesmo nas mellores familias hai  miserias que a razón non entende. E a dos Goya non é menos. O que pasa é que como asistimos á proxección do seu filme con avidez de tirón, unha secuencia oculta a outra e o final, sen tento, adoita ser feliz. Alén diso, como non venden flocos de millo no vestíbulo, a festa está asegurada. Unha festa que, imitando ao Hollywood que tentou Brecht, afai ter moito máis de mercado de gando que de foro de cultura. Porque no gran evento do cinema danse feitos, circunstancias e atributos que noutros ámbitos serían deostados por caducos, hipócritas e mendaces. Velaquí algúns.
O primeiro que sobrancea desa pasarela en cinemascope é o seu carácter de panóptico investido. É como o palco do Real Madrid.

Madrid Marriott Auditorium Hotel

Madrid Marriott Auditorium Hotel

Un marco onde hai que ir a ser ollado. O lugar VIP ao que acoden os que queren facer negocios, establecer contactos ou facerse famosos polo modesto prezo de saír na pequena pantalla en millóns de fogares (foron os Goya máis vistos desde 2011). Por iso, o vestuário delas e eles (para algo é unha gala).  A ninguén lle amarga un doce. Había que ver nesta edición aos nosos líderes emerxentes cos seus mellores ternos e sorrisos. Esmoquin e lazo, Iglesias e Rivera, enfundados de “académicos” porque a cortesía non priva da valentía.
E ese espírito de irmandade é o que adoita impregnar toda a gala. Non hai ano que non conte coa presenza do ministro de garda. En realidade só da parte contratante da terceira parte, porque a carteira do ramo vai precedida de “educación” e seguida de “deporte”. Quer o vilán Wert, quer o distinguido Íñigo Méndez de Vigo. É que aos titulares de Cultura hai que telos a man, porque nunca se sabe onde irán rematar. O socialista Javier Solana chegou á secretaria xeral da OTAN e quizais por iso a ninguén nos Goya maxinou dicir aquilo de “cando oio a palabra cultura saco a pistola”. A serio, ¡tarde vén o raposo pola galiña!.En que país serio se viu que os damnificados celebren ao causante dos seus infortunios?

Mais o cinema español é puro espírito da contradición. Lamentacións fago que para min non quero. Porque se algo representa a cerimonia dos premios Goya é unha recreación daquel Sindicato do Espectáculo franquista. O sindicato vertical que tiña a gala (outra vez o couce) reunir nun mesmo a patronado a obreiros e empresarios, encadrados todos baixo a denominación de “produtores”. Pois ben, o día de autos, os académicos dan un paso nesa dirección e conságranse como “creadores culturais”. Así é notabel ver que electricistas, directores, actores, actrices, noveis, tramoieiros, xastres e maquilladoras trócanse premios e incenso con toda naturalidade. A maxia do cinema abraza o que a realidade social separou. Unha grande familia. Única no seu xénero. Nin sequera entre os xornalistas, outro flanco do magma cultural, hai esa simbiose. Os informadores teñen sindicatos e en fronte está o gremio de editores, e a ninguén se lle ocorre identificalos nos seus respectivos intereses.
Semellante contubernio, como non podía ser menos, oculta ás veces realidades pouco edificantes. A destra e sinistra. E expele un fedor que nin as mofas do presentador nin as ocorrencias dos galardoados consegue tapar. Ao lado dos actores está a tentación de disciplinarse cara ao partido que máis mola, mellor se está no poder e dise progresista. Os da  “cella” non foi só un invento cainita da caverna. Tamén supuxo un caso de empotramento co ?primeiro goberno que aplicou o austericidio da Troika a cambio de que o seu colectivo fose agraciado con subvencións e privilexiado na subida xeral de impostos.

O que ocorre é que nese amoreamento entre os de abaixo e os de arriba, como non podía ser menos a tenor da cumplicidade, suscítanse procedementos que teñen o seu cabal tipificación no código penal. Non falamos da SGAE, outro modelo sui generis de verticalismo laboral e latrocinio, que acabou como o rosario da aurora cando fallou o baraka que lle facía invisible ante os inspectores de facenda. Refírome á monumental fraude de despacho de billetes sobre o que se asenta nosa “industria do cinema”. Aínda que todos correron a metelo baixo o tapete das indecencias que non convén amosar en público, habelo haino. Decenas de filmes doadamente substituibles, feitos para afanar a subvención a base de estrealas en salas baleiras enganando ao ministerio con inxentes tacos de entradas full para cobrar o imposto revolucionario.

Iso non sae nos esques de Dani Rovira, mas velaí está. Decenas de películas, como “De mayor quiero ser soldado” o “Eso no se toca, nene”, cos seus correspondentes produtores, “exhibidos” simulando pases e inventando espectadores para dar o golpe a todos os contribuíntes. Unha estafa piramidal na que están metidos empresarios como o anterior presidente da Academia de sempre, o empresario González Macho, e o seu colega Enrique Cerezo, outro mecenas da Sétima Arte cando non se ocupa do outro traballo cultural como vicepresidente do Atlético de Madrid. Nada diso figurou na axenda do 30 Aniversario  os Premios Goya.

Tampouco se denunciou o atropelo inaudito e esperpéntico que outros actores sen sindicato  nin can que lles ladre estaban a sufrir esa mesma noite a mans dunha lexislación antiterrorista que non deixa monicreque con cabeza, co apoio institucional de subordinados da alcaldesa de Madrid, a ex xuíza Manuela Carmena, presente na cerimonia.

E iso que na gala da Academia das Ciencias e as Artes Cinematográfica de España (e ao cinema vernáculo, de Galiza, Catalunya, Euskadi, que lles dén) todos os premiados tiveron sentidas palabras e mellores desexos para propios e estraños. Se o xenial creador das pinturas negras erguera a cabeza marcharía cos titeriteiros.

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: