off
Cultura — 8 Febreiro, 2016 at 8:37 a.m.

Louvor da estupidez

by

…esa España inferior que ora y embiste

cuando se digna usar de la cabeza”

(Antonio Machado)

 

Títeres desde Abajo_OLLAPARO
Títeres desde Abajo

Non eran monicreques, era realidade preventiva. Unha perfomance entroidante sobre montaxes policiais e manipulacións mediáticas, acaba cos cómicos no cárcere escenificando unha profecía autocumprida. O xuíz da Audiencia Nacional ha mandado a prisión sen fianza aos dous titiriteros da compañía granadina Títeres desde Abajo  que este último venres representaron “A bruxa e don Cristóbal” nunha praza de Madrid dentro do programa organizado polo Concello. Acúsanos de louvaren o terrorismo e de vulnerar dereitos e liberdades constitucionais. O seu delito, segundo o maxistrado de garda que antes foi polémico policía (dobre vixilancia), foi facer unha función onde aparecían, entre outros sucedáneos, un boneco aforcado que simulaba un xuíz, unha estúpida parodia de asaltanovicias e a exhibición dunha surrealista pancarta co texto “Gora Alka-ETA”. A expeditiva medida foi apoiada pola personación como denunciante dos representantes municipais que lles contrataron.
Non se trata dun episodio sucedido en Arabia Saudita, nin nada que teña que ver coas atrocidades do Daesh. Tampouco son ecos das “chirigotas” que en Cádiz quentan motores para gozo de nenos e maiores, onde se fai mofa do divino e o humano sen límites nin censuras. Pasaou na capital do reino e pola demanda social de persoas e institucións erixidas en gardiáns da moral. Nen sequer Franco atrevera a tanto. Cando un mozo Fernando Arrabal foi denunciado por escribir na adicatoria dun libro “me cago en Deus, a Patria e todo o demais”, o tribunal apartara. Aínda que o escritor tivo que sufrir a humillación de retractarse argumentado que en realidade referíase ao Deus Pan e a súa gata “Patra”.
Morra a intelixencia! segue sendo a divisa cultural do ruedo ibérico. A mesma consigna que defende o sanguento espectáculo de “El toro de la Vega” porque é a tradición, difundido todos os anos en tempo real e diferido para menores sen reparos. Ou a que, con oposta saña, prohibe unha contraprocesión laica porque “ofende as crenzas católicas do pobo español”. Non abondaba con suspender os monicreques que vían uns nenos e nenas que non debían tirar conclusións perversas dunha proposta feita por bufóns pasados da raia? Pola contra, a letra con sangue entra. Optouse polo que mellor saben facer as nosas autoridades: prohibir e punir . É o que pasa cando os xuíces teñen alma de policía, o ministerio de Interior outorga medallas á Virxe e a Sala do Contencioso da Audiencia Nacional avala a concesión.
A Primeira Transición empezou legando o Tribunal de Orde Pública á Audiencia Nacional, a Segunda Transición despega coa Audiencia Nacional virándoa  ao Tribunal de Orde Pública.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off