off
Opinião, Política — 8 Febreiro, 2016 at 1:08 p.m.

Liberdade de expresión ou liberdade para expresar só aquilo que se quere escoitar? 

by
“só unha sociedade que xa non pode ser xulgada impón
o seu xuizo a todo o que pretende oporse a ela”
Michel Surya
Amnistia Internacional denunciaba hai uns dias en París o desproporcionado impacto do estado de emerxencia decretado na Francia após os ataques do 13 de novembro. Máis de 3.200 batidas, unha ducia de centros de culto fechados e máis de 400 persoas sob arresto domiciliario. Segundo Human Rights Watch, a policía ten empregado estes poderes de xeito “abusivo, discriminatorio e inxustificado”. En Madrid, a caverna mediática vén de aproveitar un espectáculo representado no antroido seica para cargar contra a alcaldesa Carmena mentras presenciaba en silenzo  o reparto dos premios Goya a esa outra parte do sindicato de actores caladiños. Mesmo non tratándose dunha obra para nenos – lendo o texto resulta evidente  que non o é  e a própria compañia Títeres desde Abajo tena clasificada para adultos – abondaba con retiralo do programa ou pedir desculpas aos papás e ás mamás polo desaxuste etário da programación. Seica na representación  os dous artistas amosaron un cartaz 10x10cm co lema “Gora Alka-ETA” e disque tamén unha albóndiga-bomba , unha sátira política contractada polo Antroido para  criticar a estupidez. Talvez tamén os grandes monoteísmos: o Estado, a relixión e capitalismo. Debeu ser iso o que amolou ao xuiz Ismael Moreno, en funcións de garda na Audiencia Nacional española, para ditar presión sen fianza dos dous titeriteiros alegando “enaltecemento do terrorismo” -nas gardas debería ver máis a televisión, xogar aos videoxogos e navegar pola internet. Non vaia ser que lle pase como ao programador do concello que contratou a obra pensando que como eran monicreques era para pícaros e non unha adaptación de “cachiporra” dun texto Federico García Lorca. Non costa imaxinar aos papás e as mamás escandalizadas berrando “Comunistas, anarquistas…mil millóns de terrorificos, terrorísticos, tetrarristas….terroristas!” entanto  o corpo de policia alxema os titeriteiros e  outros comentan polo baixo: “É intolerabel. A liberdade de expresión ameaza a democracia.Que renuncien todos, que os ilegalicen !  Unha sesión de monicreques + IVE para pícaros intelixentes que gostan dos titeriteiros terroristas.
Porén, ainda que o poder xa non pertenza a quen pretende exercelo, os efectos da dominación non deixan porén de ser menos reais.Certa imprensa e certos xuices adoptando métodos policiais. Duros cos febles, febles cos poderosos.  Por iso costa defender a liberdade de expresión perante os maniqueos que sempre te acusarán de defenderes o terrorismo. Non hai saída posibel. Eís unha prova, mais unha, do que a queda da política cando devala até desaparecer. Instalados no modelo de suspicacia respeitiva todos somos sospeitosos. A queda do terrorismo da ETA foi acompañado de dous acontecementos políticos de relevo: os casos de corrupción sistémica, nomeadamente do PP e do PSOE , e a reaparición de movimentos de masas (15-M,  procés català). Malia non o parecer, os tres teñen unha raíz común, unha ligazón, no intento do Estado por disimulalos. Porque o obxectivo é que o Estado restaure a súa sacralidade perdida. Oficio co que conta con non poucos xornalistas, intelectuais e maxistrados domesticados. Na Francia o dereito de manifestación ou de expresión son descabezados, suspendéndose parcialmente algunhas convencións de dereitos fundamentais. En España tamén medra a desconfianza en forma de islamofobia e outras fobias de arraigada fasquía. O falares e escribires nun idioma diferente do castelán hai tempo que recibe estas atencións. mas tamén o dereito á vida privada, as conversas ou os correos, sairmos de viaxe a outro país da Unión ou acoller a quen fuxe da guerra. Entramos no que o Valedor do Pobo da Francia chamou  con atino “a era dos sospeitosos”.
Mais que é a modesta provocación dos Títeres desde Abajo comparada con o ditado de prisión sen fianza da obscenamente obsesiva Audiencia Nacional, malia ficar visibel a pornográfica provocación das inbricacións do aparato estatal, xudicial e mediático que só consinte liberdade de expresión para expresar só aquilo que se quere escoitar?.  Non é por ventura un dos alicerces do treatro, do pensamento crítico e da arte en xeral, desenmascarar a hipocresía dos que ostentenan o poder,  o  cinismo do poder monolítico que viola abertamente os próprios principios proclamados?
Os  Títeres desde Abajo encardinan unha idea e unha vontade, e por iso xulgáronos sospeitosos e perigosos. “É máis doado encarcerar a individuos do que unha Idea!”, di Slavoj Zizek a respeito das Pussy Riot’s. Polo momento a modesta compañia de titeriteiros pasou a ser coñecida en todo o Estado e alén. Máis coñecida, por certo,  do que a ilegalización  de Causa Galiza, entre outros casos de escalada cualitativa na represión da disidencia política no estado español.
O que este episodio nos transmite é que a risa que o  pón  todo en causa incomoda aos defensores da noción monoteísta e monopolística do poder. Os gregarismos e a democracia sen discurso  tende a reducilo todo a Codigo Penal na mán, o “libro de estilo” do Ministerio da Verdade – o da fin da asociación política das sociedades transparentes da información nas que as desviacións apenas son posibles sob un único modelo de comportamento colectivo.  E ainda haberá que lembrar cando Deleuze  nos advertía – facíamolo cando o Charlie Hebdo- que o idiota moderno “quere tornar o absurdo na forza máis poderosa do pensamento, é dicir, crear”. Porque, lémbranos Deleuze, os tolos, os idiotas, os Dióxenes e retranqueiros da vida teñen desaparecido do campo  de batalla. O idiotismo, esa inflexión do pensamento, representa para Byung-Chul Han unha praxe da liberdade. Sendo o idiota, o desligado e o desinformado (o socrático só sei que nada sei) que paira fóra do Libro e do Big Brother, instálase nun afora que é profanador. Conciencia herética que sempre incomodará, alén e aquén, calquera “Ministerio da Verdade”. Pois non é outra a responsabilidade do titeriteiro que pór o dedo en todas as feridas.
A Audiencia Nacional revive a ilusión dunha ameaza que sabe que xa non está vixente. O Estado de Dereito non ten maior debilidade que, a falta de ameaza totalmente outra – o inimigo interno terrorista servia como afora – el mesmo se torne a súa maior ameaza.

One Comment

  1. Hoxe dicían no telediario que a concellal de cultura xa tivera outros “altercados” como a Cabalgata de Reis. Un altercado é facer un Cabalgata de maneira distinta. Se pensas que é distinta poñer ós Reis unha vestimenta menos clásica.
    Están como cabras. Pero van á desesperada.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off