off
Cedeira, Comunidades Galegas, Cultura, Educación, Xente — 4 Febreiro, 2016 at 08:05

“Unión Cultural de Cervo” Sociedade de Instrución e Recreo

por Fernando Igrexas

“Unhas veces sen xantar
Outras veces sen merenda
Íalle ao amo levar,
metade do millo da renda”

O Sabino

A Sociedade de instrución e recreo “Unión Cultural de Cervo” fundouse na paroquia de Santalla/Cervo no Concello de Cedeira no ano 1928 polos fillos do ferreiro da parroquia (fusilado nas Grañas do Sor no 1936), os irmáns Díaz Lourido recén chegados da emigración na Habana.
Estes dos rapaces ben preparados foron pioneiros e impulsores desta sociedade. Fora nomeado fundador e presidente Clemente Díaz Lourido, namentres Paulino Díaz Lourido e Xosé Ciprián Durán formaban parte da directiva xunto a outros rapaces da parroquia como Xosé Muíño García “O Sabino” que exercía de vocal.

Dende a súa constitución os integrantes recorreran a parroquia na procura de socios cun escrito onde constaba o regulamento aprobado polo gobernador civil da Coruña e unha declaración de intencións na que a erradicación do analfabetismo era a razón principal das súas teimas, chegando a asociar a case tódolos rapaces e familias de Santalla.

Cervo_Santalla-1_20160203-OLLAPARO

Local daUnión Cultural de Cervo construido en 1928, hoxe acolle a Asociación Cultural Tarroiba (Santalla-Cedeira)

Fora convocada asemblea xeral onde se tratara a necesidade de construír un local social no que pretendían facer salón de baile e asentar tres oficinas; unha para as xestións da sociedade, outra para a sociedade da mutua do gando vacún e a terceira para unha cooperativa coa intención de negociar os abonos desde a fábrica sen depender de intermediarios. Todos concordaran en que o local debía facerse no centro da parroquia.

O veciño Antón Vilar coincidindo coa obra da estrada Cedeira-Chimparra cedera un pedazo de terra para o solar en Vilas á beira do camiño, namentres outro veciño cedera un pedazo de monte ao pe do camiño que vai de Nebril a Remesal onde lle chamaban “Sobre do Penedo” pois aínda que hoxe vai chao daquela o monte tiña moitos penedos; deles foron sacando a pedra para a súa construción; Santalla era fecunda en canteiros que se ofreceron a erguer  muros e e paredes namentres os asociados daban servizo, tamén a madeira para puntóns e aguieiros para ceo raso e o seu aserrado fora doado naquel afán común que sumara tanta colaboración voluntaria e solidaria veciñal.

Logo de construído o local social centráronse en habilitalo, ademais dunha mesa asentáronse dous mobles, un para a biblioteca e outro para gardar material escolar, así como bancos para poñer derredor do salón e algunhas cadeiras e banquetas para ter nas oficinas que tamén contaban cada unha coa súa mesa, tamén se mercaran dúas luces de carburo e dous petromax de gasolina.

Cando o local do salón estivo operativo comezou a actividade constituíndose unha directiva cun presidente, vicepresidente,secretario, tesoureiro e catro vocais, convocouse asemblea xeral e alí mesmo no salón fíxose saber a tódolos socios o contido do regulamento onde entre moitas normas quedaba prohibida calquera discusión política e relixiosa dentro do local, así como quedaba prohibido fumar e consumir bebidas alcohólicas.
Nesta primeira asemblea entregáronselle as chaves das oficinas a sociedade de gando vacún con dereito tamén a celebrar as asembleas no local do salón, igualmente a cooperativa con dereito a descargar un camión de abono no salón servindo de almacén ata ser distribuído entre os labregos, quedando tamén nesta elixido a data para a inauguración da sociedade e que cadrara polo San Xosé daquel 1928.

Celebrárase cun baile no que tocaran  seis músicos da banda vella quedando prohibida a entrada a menores de 15 anos e tendo os homes a obriga de entrar sen a gorra na cabeza e a prohibición de fumar dentro do local.

Na porta da oficina había unha mesa que facía de mostrador onde se despachaban refrescos, gaseosas,  caramelos e roscas coa finalidade de recadar fondos para mercar libros e material escolar pois este era o principio e o fin daquel esforzo común, o de erradicar o analfabetismo en Cervo e dinamizar a vida da parroquia.

Quedara logo estabelecida en asemblea unha cuota de cinco pesetas por familia que daba dereito a enviar á escola da sociedade durante os cinco meses de inverno que van de primeiros de  Outubro a finais de febreiro por tres horas nocturnas diarias e na que recibían aulas tódolos fillos da familia adscrita xa fora esta numerosa ou tivera unha filla só.  Pois aquela cuota dun peso se destinaba a mercar material escolar posto que os mestres non cobraban, e grazas a este feito contaban con  enciclopedias, dicionarios e libros de historia e matemáticas.

Os mais preparados exercían como mestres, así foi que Xosé Ciprián Durán, Paulino Díaz Lourido e seu irmán Clemente daban aulas aos máis adiantados e estes na súa vez poñían ao día aos que ían máis atrasados sendo supervisadas polos mestres, habendo tres categorías.

Os domingos normalmente organizábase baile mas cando non había, unha persoa encargábase de abrir o local de 3 a 8 do serán, onde os veciños asistían para entreterse con xogos de mesa (domino, xadrez, cartas, damas) estando prohibido xogar cartos… ou os máis avanzados dábanse a lectura pois dispoñían de unha biblioteca que pouco a pouco se foi enchendo con prosa e poesía de diversos autores onde destacaban Curros Enríquez, Rosalía de Castro, novelas de Xulio Verne como “Tres mil leguas de viaxe submarino” ou ” Viaxe a lúa”, ou onde se podía tamén ler prensa ou revistas como “El mundo gráfico” ou  “La Estampa” que viñan de Madrid.

Fora un misterio quen fixera o pedido no nome da sociedade cultural do volume “Medios prácticos para evitar el embarazo”, o certo fora que chegara, se pagou e se metera na biblioteca canda os demais acadando un éxito que outros libros non tiveran posto que percorrera toda a parroquia naqueles tempos en que a maioría das familias eran moi numerosas, de até 13 crianzas.

Tamén hai que resaltar a campaña que realizou a sociedade nos primeiros anos do seu funcionamento e que  entre os meses de decembro e xaneiro chegara a enxertar milleiros de árbores frutais por balados e silveiras e sen mirar de quen era a propiedade. Empresa que non triunfara como afirmaba Xosé Muíño porque “puido máis a envexa que a cultura” lográndose moi poucos pois logo de enxertados adicáronse máis a destruílos que a coidalos.

Clemente Díaz Lourido presidente da sociedade, logo de deixar todo organizado e facer un enorme sacrificio polo ben da veciñanza tivo a mala fortuna de falecer aos 25 anos de unha mala doenza deixando tan fonda pegada como mágoa entre a agradecida veciñanza. A “Unión Cultural de Cervo” o día do seu enterro ofrendara unha coroa coas iniciais da sociedade como lembranza, facéndolle logo un gran cadro coa ampliación da súa fotografía que fora colocada na parede fronte as portas, na entrada do salón.

Fíxose cargo da asociación seu irmán Paulino e continuou o funcionamento con normalidade cambiando a directiva anualmente excepto a secretaria que a seguiu levando Xosé Ciprián Durán.

Afirmaba Xosé Muíño “o Sabino” (home humilde con grandes inquietudes, resultado daquela sociedade de instrución) na súa “Lembranza dunha vida pasada. Un poeta Labrego e mariñeiro” que da xeración dos nenos criados en Santalla durante a república non se atopaba ningún veciño que fora analfabeto, cousa que non era o habitual comparado coas outras parroquias do mesmo Concello.

Máis aquela normalidade rematou en xullo de 1936 co golpe militar e a sublevación fascista. A intervención militar en Cedeira tivera lugar a tarde do sábado 25 de xullo, cando unha  forza do exército e da Garda Civil formada en Ferrol, á  que se uniran voluntarios de Ortigueira e dereitistas cedeirenses e mandada polo comandante do posto da Garda Civil de Ferrol, o capitán Barba que con trescentos homes en camionetas tomaron o Concello de Cedeira provocando o pánico e a fuxida xeral coa súa chegada, impoñendo o mando en Cedeira a sangue, terror e fogo. Fora un golpe militar ao servizo das oligarquías que exercera unha teimuda e selectiva violencia non só ideolóxica senón tamén sectorial, onde os mestres foran obxetivo moi principal da represión.
A garda civil e os falanxistas presentáranse armados nun camión diante daquel local da sociedade de instrución e recreo (bastante conservadora por certo, onde estaba prohibida a conversa política) como si se tratara dun acuartelamento militar, pois logo de forzar a porta a primeira cousa que fixeron fora romper o cadro do fundador e os petromax que daban luz ao local  coas culatas dos fusís, desvalixando todo o mobiliario que lles foi de utilidade e cargando este no camión, queimando o resto incluíndo aquela fabulosa biblioteca que tanto esforzo costara acadar coas cuotas dun peso das veciñas e veciños de Santalla   deixando as paredes limpas e as lapas e a desolación ao seu redor. Cravaron na porta unha placa que dicía ” Este local queda clausurado”, sendo aquela a fin da Sociedade de instrución e recreo de Cervo.

Na actualidade aquel histórico salón construído coas propias mans e recursos dos veciños de Cervo para facerlle fronte a aquel analfabetismo que as autoridades non se preocupaban en erradicar colleu  nova vida dende o  nacemento da Asociación Cultural Tarroiba.

2 Comentarios

  • Estes son os artículos que me gustan a min.
    Pode ser que houbera algún masón por ahí porque o de non falar de política é algo moi masónico. Moitos que viñan de América vian alí as loxias. O Pasatempo de Betanzos ten moita inspiración masónica.
    Nunca se sabe.
    Ollaparo en estado puro.

  • Leo con retraso, pero emociónome igualmente.

    Lembro de sempre un VIVA AZAÑA pintado en vrmello sobre as paredes exteriores da Unión. Non sei de cando sería, pero dalgunha maneira indicaba que o espírito de normalidade democrática non tiña, malia a brutal represión, desaparecido.

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
%d bloggers like this: