off
Opinião — 28 Xaneiro, 2016 at 11:30 a.m.

Democracia de habilitados e unxidos

by

re taumatughiPaseniño, mas sen pausa, a crise poseleitoral española foi debullando a fasquía da democracia presente. Rajoy non quer presentarse á investidura e perdela (cos rexidores do PP imputados e o xuizo a Rato polas ‘black’) e a Sánchez preséntaselle a oportunidade de ser presidente -ou agora ou nunca- non sen antes recebir as instruccións dos baróns de sempre e a incompatibilidade Podemos-Ciudadanos, aos que vén de canear co apelo estrema unzione da militancia logo de consultar primeiro ao unxido maior do reino.

Están a descubrir a política. Non hai gañador nin perdedor. Mas semella que non están pola laboura xa que ten máis importancia o quen do que o que. Do mesmo xeito que o relevante non foron os debates mas quen os retransmiteu. Ao cabo o PP, non naceu dun debate, mas do seo de Fraga e AP, quer dicer, abalado polo franquismo. Espazos de acordo, u-los?. Deberían ollar máis a Cataluña, partidos cumprindo o que se comprometeran: unha nídia folla de ruta do proceso e un goberno alicerzado nunha maioría moi estabel. Esta situación estabel no Principat encarece moito a posibilidade de repeteir eleccións no Estado (esa desacougante saída que lle vén dicir á xente que votou mal, que os resultados non se acaen e hai que repetilos até que  conveña)

No autoritarismo postdemocrático ( ideoloxía do capitalismo global e o seu suplemento ideolóxico-político, a democracia liberal)  só xoga quen está habilitado e unxido. A esquerda nacional  de Galiza -os chamados “nacionalistas periféricos”, as aderencias, segundo esa mesma prosodia e liturxia ditada por quen se percibe centro – nunca estivo homologada. O BNG e os soberanismos varios poderían contarnos ( que non por minoritarios o seu proxecto político e social contén o fromento para una organización desde abaixo e no territorio).  Alén diso, non é a muito grande poboación que vota coa mesma aplicación da reliquia dun santo a que fica ao acaso por outros catro anos de dispensa? Esa é a consigna que está a rexer mais unha vez o xogo poseleitoral no que só é posibel a combinatoria do PP, PSOE e Ciudadanos.  Nen Podemos nen os novos “nacionalistas periféricos” están unxidos como esa parte do PSOE  que acha que prefire unha oposición cautiva ao PP que arriscarse a un goberno socialdemócrata.  Con certeza, o trío ainda pode tirar da autoridade tecnocráctica -ao xeito dun Mario Monti hispano- que nos devolva a angueira que nos apouquenta, quer dicer, que sentido ten logo ir  votar?

É unha mudanza de  elites, deixando intactos os privilexios da nova?¿Cómo tratarán aos gruposnon representados nese proceso?Dúbidas hai, porén, que o cumprimento co ritual non leve asociado un “acto de fé”  dada a virada posibilista do discurso podemita – que presupón, non o esquezamos, o statu quo-  lonxe de desestabilizar, mesmo destruir ese compracente consenso ideolóxico.  Apesar da retórica “revolucionária” no seu sentido plenamente crítico, foi praticamente silenciada ao darse como aceitación completa do marco de distribución de poder do Estado español sen que se podan albiscar os “interstícios” desde onde axir. A cuestión é, porén, se aceitamos esa “naturalización” da democracia liberal española ou se acubilla antagonismos que poida dificultar ou até mesmo impedir facer algo. A fasquía “revolucionaria” tornándose “devolucionaria”. Por outras verbas, o rápido aggiornamento de Podemos sen apenas ter usmido poder, estaríanos a dicir que queren o seu goberno para resolver o problema, mas  non queren  mudar a distribución de poder territorial?. A forma de Estado, sen contido, nada muda. Facendo que simples modificacións semellen prometer novidades no plano dos acontecementos- cuxa revolución perpetua cada vez semella máis un  exemplo do cliché lampedusiano, “todo ten que mudar para que nada mude”.

Con esta profunda crise , con millóns de desempregados e as políticas agresivas de recortes sociais, estamos a ser testemuño da fin do “vello” paradigma de consenso entre capital e traballo que xurdiu tras a Segunda Guerra Mundial e na España axudou a consolidar a democracia liberal?

Hai unha nídia evidencia para suxerir iso . Moitos cidadáns de Europa están a seren meros suxeitos e traballadores , clientes de capital , mentres que os máis marxinados e empobrecidos pola crise económica sectores sociais responsabilizan a democracia e ao fracaso da política establecida dun sistema que non ofrece máis prosperidade material . Eís a definición restrinxida de política que defendeu os derradeiros anos a  dereita nalgúns estados europeos e no español. Se a socialdemocracia foi incapaz de ofrecer unha alternativa , o resto da esquerda , ou ausente , ou é dividida por falsas loitas ideolóxicas e persoais polo liderado . E aínda pola dereita e seus medios de expresión chaman nova esquerda – representada en España por Podemos- , a súa batalla está máis focada sobre a reforma do sistema político do que defrontar directamente as fontes de desigualdade e estruturas a autoridade xerárquica -territorial, cultural , social , económica , política ou patriarcal .

Esta aceitación tácita da democracia liberal española como compatíbel coa loita a sério contra a “caste” é  precisamente o que as esquerdas soberanistas viñan desafiando (a concepción das asembleas locais autónomas e soberanas e o alicerce do municipalismo como instrumentos imprescindíbeis na Galiza federal do futuro; o federalismo existe e non é patrimonio dos grandes estados; pénsese, por exemplo, na asemblea aberta cantonal da Suiza). Velaí o reparto dos fondos europeos de cohesión  realizados á marxe das comarcas, concellos e nacións (o goberno español utilizou axudas para territorios con menor renda per cápita para investilas en proxectos como a T4 de Barajas en Madrid), a radicación das empresas (o efecto-sede) ou as achegas medioambientais do territorio. Amáis, Galiza hai décadas  que foi achegando capital financeiro do aforro da migración, traballo, enerxía e o seu propio mercado a unha España necesitada, factor que nunca se ten en conta. Con certeza, disque non hai que esquencer o principio de realidade, mas os partidos españois continuan ignorando a realidade galega.

Deben ser efectos do que que Marx chamaba o efecto ” da mañá seguinte”, o intre no que esvae a ebriedade. Mas xa se sabe que o novo sempre precisa de repetición. Ao cabo, leo en Zizek, o matrimonio auténtico é sempre o segundo ( coa mesma persoa).

 

4 Comments

  1. Tes razón.
    A cuestión é quen lle pon o cascabel ó gato.
    Si que estaba pensando nas CUP.
    Creo que o que temos claro todos é que Otegui é un preso político.

  2. As esquerdas soberanistas, máis non só… en todo caso si son rupturismo real contra o réxime do 78 ou postfranquismo, tamén desta nova transición que nos queren calzar dende os media das oligarquías e desenhados dende as cavernas do estado.
    Agora mesmo van ganhando esas oligarquías grazas tamén a novos predicadores televisivos nacidos do útero do rexime borbónico que abducen as masas con cantos de serea.

    Máis aínda que esta película de ilusionistss xa a vivimos no pasado temos a satisfación do Procés Catalá que nos enche de orgullo e solidariedade aos que aborrecemos desta farsa que estigmatiza, ilegaliza e tortura a quen cuestiona a súa “democracia’…

    FREE OTEGUI

  3. Grazas por lerme, Xosé. Hei de dicir que as frases feitas soan ben e máis repican. Mas acho que tamén hai que argumentar. E se entendes que o “desafío” é ficar fora deberías explicar como se fai porque se estás a pensar nas CUP heiche dicir que comezan polo municipio con asembleas locais autónomas e soberanas no que alicerzan o seu municipalismo.Toda unha reminiscencia medieval. Seica non podemos repensar as piollentas institucións borbónicas como os concellos- que foron unha imposición histórica- desde un modelo participativo que no noso pais ensaiou a esquerda nacional galega e non outra, o que precisa unha altísima conscienciacón política e mobilización democrática dos habitantes?.Con certeza, vivimos temos volátiles inzados de adanismo e fraca memoria que non axudan a facer cidadanía nen país. “Desafío” como resistencialismo, sen dúbida. Sempre que nos poñamos de acordo que para emendar algo hai que facer parte dese algo ou o que resta é o inmobilismo ou o puro cinismo de quen acaba por vivir centrado na capitalidade, sexa Madrid ou Compostela, nunha xerarquía estruturada e disciplinante, acima-abaixo.
    O único intento que coñezo- cos seus erros e limitacións-de aplicar o principio federalizante, expresión dunha vontade de organización radical para e por galegos é o da esquerda nacional galega que se visibilizou nas derradeiras décadas no BNG. O que non é idea nova xa é unha das ideas máis teimosas do galeguismo político, tamén unha das que repetidamente fracasou. E digocho coa cordialidade de quen recoñecendo algo de verdade no que dís tamén engado que esa é a propia actitude dos liberais progresistas no noso tempo, cando non se decatan que fan parte do problema: se un agarda estar “fora” ou espera “ver” un movimento rupturista, este, madíaleva, nunca xurdirá e ningúen o verá endexamais. Xa o dicía Hegel, detras do manto das apariencias non hai nada. só o que o individuo puxo nel. Estar dentro do Congreso, porén, non é o único xeito de facer parte da democracia liberal española (o papel do Estado-nación é a regla,non a excepción nun intre no que se están a formar múltiples centros do capitalismo global), é algo que veu para quedarse do mesmo xeito que o intentos de abolir o Estado erraron en toda parte miserablemente (e o déficit motivacional en relación ás institucións da democracia liberal é irreductibel) haberá que situar a política de resistencia no eido das exixencias imposibles, que denuncie as limitacións dos mecanismos estatais (no artigo numero alomenos tres e outros haberá que axuden a explotar a incoherencia do Estado e non a establecerse de xeito máis efectivo). Porén, o principal argumento a favor dunha noción extraestatal da política de resistencia é o seu vincallo coa dimensión ética metapolítica extraestatal de demanda de xustiza. Perspectiva esta que non adopto no texto. En calquera caso deberíamos preguntarlle a Otegui o que significa estar en política e repicando. Saúdos.

  4. As esquedas soberanistas nunca desafiaron a democracia liberal española. Foron parte dela. Como agora non a cuestiona ningun partido que esta dentro do congreso. Non se pode estar en misa e repicando. Ou cuestionas desde fora ou aceptas. Ou fas o postureo pero ó final non fas nada.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off