off
Opinião, Política, Politica espanhola — 20 Xaneiro, 2016 at 10:18 a.m.

Saen touros, toureiros e bandarilleiros

by

“Quen pretenda lembrar terá de entregarse ao esquecemento”
Maurice Blanchot

Capa de El Ruedo Ibérico: La corte de los milagros/Ramón del Valle-Inclán; Opera Omnia XXVII, Plenitud, Madrid, 1954
Capa de El Ruedo Ibérico: La corte de los milagros/Ramón del Valle-Inclán; Opera Omnia XXVII, Plenitud, Madrid, 1954

A renuncia á “liña vermella” de constituír catro grupos propios no Congreso por Podemos, rebaixa substancialmente as capacidades parlamentarias das confluencias En Comú Podem e En Marea á vez que fractura á candidatura territorial encabezada por Compromís, partido que goberna cos socialistas na Comunidade Valenciana. Trátase dunha “operación salvados” que pode facilitar a investidura á portuguesa do líder do PSOE Pedro Sánchez, se lle deixa o aparello de Ferraz e dan un paso á fronte os nacionalistas vascos e cataláns. Ou unha converxencia transversal que inclúa tamén o aval de Ciudadanos para mostrar músculo de estabilidade política aos poderes fácticos.

O 1982 o PSOE asaltou os ceos cunha maioría absolutísima de 202 escanos, tamén entón o slogan prometía “mudanza”. Un puntada en toda liña obtido a recuo do pavor suscitado en amplas capas da poboación polo 23-F, que permitiu a Felipe González inaugurar o seu reinado cun golpe de socialismo de Estado para satisfacer a demanda da esquerda ambulante. Tirando dos seus propios atributos, como un Barón de Münchausen redivivo, o todopoderoso vicepresidente e ministro de Economía da época, Miguel Boyer, decretou a nacionalización de holding Rumasa, o avispeiro de José María Ruíz-Mateos que tras a súa incursión no sector bancario comezaba a perturbar aos financeiros da milla de ouro.

Semellante entrada triunfal no medalleiro progresista tivo un percorrido incerto, indo de tombo en tomba até o seu veredicto final con senllas disputas que deixaron ao partido de Pablo Iglesias senior para poucas festas. A primeira produciuse cando Ferraz e Moncloa presionaron ao entón presidente do Tribunal Constitucional (TC), o prestixioso xurista republicano Manuel García-Pelayo, a fin de que fixese valer o seu voto de calidade para ratificar a incautación no alto organismo. A segunda veu tamén doutro eminente xurista, o penalista Marino Barbero, o maxistrado da Sala Segunda do Tribunal Supremo que ousou “achandar” a sede do PSOE polo caso Filesa, a maior trama de financiamento ilegal do socialismo.

Nin García-Pelayo, nin Barbero, nin Boyer viviron para contalo. O tsunami desatado polas súas respectivas actuacións procesuais non deixou monicreque con cabeza. Entanto a cúpula felipista emprendía unha longa marcha a través do bipartidismo para sobrevivir ás súas propias contradicións, o primeiro voltaba amargado ao seu desterro en Venezuela que deixara reclamado polo PSOE; o segundo falecía na máis dramática indiferenza social poucos anos despois e o número dous do primeiro goberno socialista culminaba a súa carreira política como patrón da Fundación para a Análise e os Estudos Sociais (FAES), o laboratorio de ideas de José María Aznar, o aguerrido líder do Partido Popular e membro do Trío dos Azores.

Iniciado o século XXI, o duopolio dinástico hexemónico PSOE-PP caeu vítima da súa recorrente corrupción. Mais a concepción autocrática da política, descrita por García-Pelayo no libro ” El  “Estado de partidos”, publicado tras o seu fracaso no constitucional, segue onde adoitaba. E os derradeiros vaivéns para constituír un goberno tras as eleccións do 20-D demostran que a eclipse do bipartidismo pola vella non significa necesariamente que o sistema se rexenerase. Porque coas súas idas e vindas no mercadeo da investidura (a poxa de peixe que dicía Artur Mas), emerxentes e institucionais están a demostrar que seguen reféns do que no seu clásico estudo Robert Michels denominaba a “lei de ferro da oligarquía”.

A aceptación por parte dos independistas ERC e Llibertat i Democràcia da axuda do PSOE para formar dous grupos propios no Senado (camiño que podería aproveitar o Podemos confederal), é a proba da pervivencia da vella política con odres novos.

É legal mas ilexítimo e escasamente democrático, sobre todo se se reivindica en nome do soberanismo da xente. Non só porque o préstamo de senadores para conformar grupo na Cámara alta é un caso de transfuguismo de talonario, senón porque se fai no ámbito onde máis agride a sensibilidade democrática. E non cabe a comparación coa mesma práctica no Congreso, onde a transacción resulta igualmente indecente. O Senado, segundo a Constitución (art.69), é a única institución que permite a elección directa de representantes. Co que a permuta de electos para reagruparse temporalmente en opcións políticas distintas ás orixinais é unha tomadura de pelo. Todo o poder para os partidos!

A sede da representación territorial segue os pasos do que neste terreo, e por mor dun Dereito Parlamentario de parte, é práctica habitual no Congreso. Así as cousas, o atado e ben atado do Estado de partidos, que se xesta nunha lexislación electoral pouco favorabel ao pluralismo, e concrétase nunhas listaxes pechadas e blocadas con que a as cúpulas das formacións políticas programan o seu asalto ás institucións, cobra unha dimensión exponencial e case surrealista. E todo iso con desfalco incluído. Xa que á parte da subvención pública que corresponde a cada partido polos escanos logrados, debe engadirse o plus reservado para os Grupos Parlamentares (Regulamento do Congreso. Título II. Arts. 23-29). Con iso, non sería disparatado afirmar que este modus operandi aflora unha imaxinativa modalidade de sufraxio censitario.

Mascaradas e simulacros están á orde do día neste curioso interregno de goberno en funcións con parlamento funcionado (igual que aconteceu en Catalunya varios meses) que deparou o despois das eleccións. Sen albiscarmos Executivo, os principais partidos se aprestan a presentar proposicións de lei para gabarse ante o persoal e manexar os tempos dos cabildeos para a investidura. O máis ousado foi Podemos, que rexistrou a súa iniciativa parlamentaria co case taumatúrxico enunciado de “Lei 25 de Emerxencia Social”, como incentivando a profecía autocumprida. O máis lerdo por evidente, o Partido Popular que pretende co seu papeliño que socialistas e pablistas recoñezan a “unidade da Nación Española”, o obvio que enmarca o artigo segundo da Constitución que todos e todas acaban de acatar.

Durante o franquismo a vontade xeral era a vontade do xeneral e na Segunda Transición volve ser, como na Primeira, a democracia de partidos, que substitúe á verdadeira democracia representativa.

Desta maneira perpétrase un atentado contra a constitución, pois mentres a vixente Carta Magna (Arts. 67, 2) prohibe de iure o mandato imperativo (de abaixo-arriba) de facto aválao (de arriba-abaixo) coa submisión dos deputados ás cúpulas partidarias. Como lembraba o profesor García- Pelayo citando a Kelsen: ” (…) non vale a tese de que o Estado está por encima dos intereses sociais particularizados, pois, tal tese é unha ilusión metafísica ou metapolítica, unha pura afirmación ideolóxica antidemocrática destinada a encubrir a dominación sobre a xeneralidade dun único grupo de intereses disfrazado como interese xeral, orgánica ou global”” (El Estado de partidos. Alianza Editorial. Madrid 1986.Pag.32). O “ruedo ibérico”. Mais unha vez.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off