off
Eleccions 20-D 2015, Galiza, Movementos sociais, Opinión — 15 Xaneiro, 2016 at 11:54

Nós, BNG e futuro

por Ana Pontón
Ana Pontón é Deputada no Parlamento Galego polo BNG

Ana Pontón é Deputada no Parlamento Galego polo BNG

Confeso. Levo días intentando sentarme ante o computador e expresar as ideas, dúbidas e sentimentos que agroman após o mal resultado colleito por Nós-Candidatura Galega o 20D. Sinto unha enorme tristura ante un resultado que frustra soños, esperanzas e tanta enerxía colectiva empregada en avivar unha alternativa nacionalista. Porén o desánimo non me leva a pensar que non hai espazo para as nosas ideas e o nacionalismo galego. Os reveses na vida deben servir para aprender, rectificar, repensar o que facemos. Din que nos malos momentos é cando máis se aprende e onde se coñece a verdadeira faciana das persoas, supoño que o mesmo dito vale para falar do colectivo e a política.

Alerta. Aviso a  quen poida ter interese na miña modesta opinión, que vou falar sen morderme a lingua ante posíbeis interpretacións ou deformacións do que expreso. Coido que un dos problemas que arrastramos é non sermos o suficientemente transparentes sobre a nosa vida interna, que ás veces resulta moi opaca e ocasiona deformacións sobre as opinións e roles que cada quen veu xogando no BNG. Falarei claro aínda que sexa queimada na fogueira dos que instauraron a lei de que non se poden expresar opinións críticas ante novas forzas políticas. Mais coido que a autocensura é a peor das censuras. Resulta rechamante  -e expresivo- que as negociacións sobre a constitución dun grupo galego non as protagonizaran as e os deputados electos, senón directamente os líderes de Podemos a nivel estatal

A modo de desafogo. Permitídeme chamar a atención sobre o feito de que nos últimos tempos diversas persoas que militan noutros proxectos políticos, dedicáronse a insultar ao BNG e a súa militancia, sen que tiveran resposta acaída. Non creo que sexa lícito e honesto -por parte de destacados ex-militantes do BNG, que sempre tiveron todo o respecto e bo trato interno- seguir poñendo a “parir” ao Bloque con afirmacións que non responden á realidade. Non vou personalizar en ninguén, só pido que deixen de torpedear ao nacionalismo e lanzar infundios sobre nós. Sobre todo reclamo respecto á militancia do BNG e ás persoas que sumaron  xenerosamente os seus esforzos en Nós-Candidatura Galega. Aproveito para dicir que tampouco comparto outras opinións expresadas por militantes do BNG que coido foron desafortunadas e ofensivas para dentro e para fóra. Esta é de certo unha das cousas que debemos mudar.

Madrid e Nós. Escribo estas liñas mentres se constitúe un Parlamento do estado onde non hai deputados de Nós. Coido que é un outro día triste para Galiza. Vinte anos de presenza do BNG serviron para mudar de xeito notábel o noso rol político no estado. Evidentemente, dous deputados ou deputadas non poden arranxar os problemas de Galiza, mais fixeron que non puideran seguir co desprezo de nin tan sequera nomearnos. A voz do BNG rachou coa práctica asentada de ignorar e desprezar os problemas e aspiracións que como pobo lexitimamente temos. Evidentemente hai galegos e galegas no congreso, mais iso non significan que vaian erguer a bandeira dunha alternativa que defenda os dereitos nacionais do noso pobo. Tempo ao tempo.

Regresión. Neste punto coido de interese facer unha pequena  regresión ao pasado e ás causas dos trasacordos por unha candidatura  denominada de “unidade”. Na miña opinión, o tempo pon de manifesto que a falta de acordo entre Iniciativa pola Unión e o Encontro pola Marea debeuse a tres motivos fundamentais. O primeiro, a existencia dun acordo previo entre Podemos, Anova  e EU. O segundo, porque a premisa de ser unha candidatura nidiamente galega e sen dependencias non era aceptada polas forzas de ámbito estatal. O terceiro é conclusión dos anteriores, xustamente, esta negativa expresa un problema político de fondo sobre o rol e o papel de Galiza e a súa capacidade plena para decidir.

Se non temos o centro de decisión na Galiza, malamente mudaremos a nosa historia. A constitución do Congreso confirma o que advertimos no BNG, que non podía constituírse un grupo galego se a base da candidatura tiña como paraugas unha forza política estatal que se presentaba noutras circunscricións.

O debate producido estas semanas, tamén  deixou claro como este grupo non actuou autonomamente. Resulta rechamante  -e expresivo- que as negociacións sobre a constitución dun grupo galego non as protagonizaran as e os deputados electos, senón directamente os líderes de Podemos a nivel estatal. Cada quen que tire as súas conclusións.

Retornemos ao aquí e agora. O resultado do 20D fai obrigada unha revisión a fondo do futuro do BNG. De certo estamos nunha encrucillada e nun momento en que cómpre xenerosidade, intelixencia e a unidade do proxecto nacionalista. É evidente que o contexto político sempre inflúe nun resultado, mais non pode ser escusa para non promover os cambios precisos que permitan un rexurdir do nacionalismo galego. Un proceso que na miña modesta opinión debe ser aberto e participativo, dando cabida a todas as persoas que desexen remineralizar e revitalizar o nacionalismo galego. Un proceso que debe partir dunha autocrítica colectiva, de analizar os erros que cada unha e cada un de nós podamos detectar, como individuos e colectivos. Un proceso que debe basearse na escoita activa e atenta da opinión de todas e cada un de nós. Un proceso que debe definir cales son as alternativas políticas e as ideas que debemos defender co obxectivo de sumar apoios á idea de emancipación política, social e cultural de Galiza. Sei tamén que temos que espirnos interna e externamente. Vernos no espello sen máscaras. Mais procurando non desandar o camiño andado, nin causar novas feridas

Que unidade? Sei ben que os cambios non virán senón mudamos o que facemos. Mais mudar o que se fai, non é mudar o que somos. Con claridade afirmo que eu non podo partillar o proxecto de Podemos -ou doutra formulación de ámbito estatal-. Coincido en aspectos xerais con eles, noutros non tanto e recoñezo a persoas que participan con honestidade e espírito de cambiar cousas. Penso que Pablo Iglesias é hábil neste contexto –após un resultado pobre nas eleccións catalás- sumándose á proposta que o nacionalismo catalán ergueu sobre o dereito a decidir.

Sei tamén que temos que espirnos interna e externamente. Vernos no espello sen máscaras. Mais procurando non desandar o camiño andado, nin causar novas feridas

Mais non se pode confundir sumarse con impulsar o proceso. De feito poderiamos dicir que Pablo Iglesias é o Cameron español, está disposto a convocar a consulta, pero para pedir que nada mude na estrutura do Estado Español. Por iso, como humana que habita nunha nación sen estado, declárome nacionalista e non me vexo na mesma organización que unha forza que defende a unidade de España como principio. Deixo claro que iso non impide acordos e diálogo no ámbito institucional e social para mudar os gobernos e as políticas se os resultados das urnas así o expresan. Son defensora da unidade, pero da unidade real do pobo, que vai máis alá de acordos electorais e conxunturais das cúpulas dos partidos. Da unidade que pode aglutinar a todas as mulleres e homes que se sinte parte deste anaco do planeta chamado Galiza e que se rebela contra o espolio e explotación da nosa terra. Para min ser nacionalista é  moderno, revolucionario, rupturista e sobre todo, necesario para artellar outro futuro ao noso pobo. Cómpre pois unha unidade certa, que se articule en  principios e ideas, que son a base da política con maiúsculas e a democracia real.

Futuro. Sei ben que son moitas as incertezas e os perigos que temos por diante. Sei tamén que temos que espirnos interna e externamente. Vernos no espello sen máscaras. Mais procurando non desandar o camiño andado, nin causar novas feridas. Por fortuna partillamos un proxecto democrático onde todas e todos temos espazos para expresar a nosas opinións con liberdade, franqueza e sen censuras. Só agardo que teñamos o tino e intelixencia necesaria para afrontar con éxito un dos momentos máis difíciles e delicados do nacionalismo contemporáneo e que fortalezamos unha alternativa necesaria para Galiza. Que a forza nos acompañe!

10 Comentarios

  • ESCARabellandoDO, COlleitando NESTE TEXTO, QUÉDOME CON ESTA CITA:

    “Por iso, como humana que habita nunha nación sen estado, declárome nacionalista e non me vexo na mesma organización que unha forza que defende a unidade de España como principio. Deixo claro que iso non impide acordos e diálogo no ámbito institucional e social para mudar os gobernos e as políticas se os resultados das urnas así o expresan”

    E conclúo da súa lectura, que hai como sempre, unha mirada táctica, con obxectivos inmediatos, e uns obxectivos a mais longo prazo.
    Estes esixen dous modos de afrontar os cambios urxentes, e os cambios radicais, e con iso, modos de convergencia e unión coas forzas que coinciden no camiño, pero non co final do camiño, nin tan sequera vai ser todo o tempo, o camiño, un camiño común.
    Pero ter craro isto, é ter craro a urxencia de camiñar xuntos, treitos longos e imprescindibles.

  • Isto parece mais unha análise da Marea que unha análise de Nos ou do que queda do BNG.
    O que di:
    -Foi un resultado malo.
    -Non somos transparentes sobre a nosa vida interna.
    -Na Marea manda Podemos.
    -Non é posible a unidade con forzas estatais.
    -Pablo Iglesias é malísimo.
    -Somos os únicos que defendemos a Galiza.
    Así que o que queda do Bloque ten un problema de transpariencia.

  • Creo que se refire a un problema de comunicación mais que a un problema de transparencia.

  • “Coido que un dos problemas que arrastramos é non sermos o suficientemente transparentes sobre a nosa vida interna, que ás veces resulta moi opaca e ocasiona deformacións sobre as opinións e roles que cada quen veu xogando no BNG”. Esta é a frase Ana Pontón.
    O ranking o que te refires e un cuestionario de 41 indicadores , agrupados e ponderados en cinco capítulos:
    democracia interna,
    sistemas de selección de candidatos, dereitos dos afiliados e a sua protección, información pública
    sobre o partido e publicidade dos códigos éticos (ver nota metodológica).
    O único punto no que Ana Pontón pensa que o Bloque ten un problema é sobre “información pública sobre o partido”.
    A nota que saca o Bloque é de 5.9 en información pública.
    Esa información pública pode non se querer comunicar o comunicala mal.
    Ana Pontón pensa que ten un problema de comunicación.
    Convídote a que reflexiones.

    • Xa lle gustaría ser un cuarto da metade de transpatentes a tódolos os aparentes que van de chachi piruli sen ter dado un pau á auga no confronto político da ideas cos amos, sen saber nin amosar nin dar a cara na vez de pedir contas namentres se agachan detrais das ramalleiras cando pasan os caciques. E logho quen eres tí ou quen sodes vós para pronunciar o nome no BNG en vano… Cal é a vosa historía fronte a inxustiza? Conta oh!

      Eu sonche moito unha mestura de moit@,s mestr@s que tiven na miña vida e si teño como o Gabo ou Ollaparo unha historia que contar… Si somos o pouso que deixou Josechu que non era un cobarde…
      Un d@s màis grandes…d@s que imprimían caracter e coherencia, si!, Josechu de Brocos, aulas en amizade e que obrigaban compromiso e proacividade que nks fixeron  ser o que hoxe somos. Os independentista galego, marxista e bloqueiro que procuramos ser, sen escondernos nin da vida real nin na dixital. Sei que el estaría hoxe con NÓS no BNG e no Ollaparo pois tiña máis táboas que oue os falabaratos eses de moda, deses de Posemos que foron postos polos amos para non mudar nada.

      El non se vendería por un paxe de repolos. Xa coñecera o circo da 1* transición. E Hoxe que estamos a padecer a comedia da 2* tamén estaría con NÓS… Para mostra un botón

      http:/agendacomunistavalencia.blogspot.com.es/2016/01/el-think-tank-neoliberal-que-diseno.html?m=1

      • A verdade é que é divertido isto de comentar no Ollaparo.
        Paréceme ben que ese tal Brocos que tan ben coñecías estivera hoxe contigo en Nós. Se queres fai unha sesión de espiritismo e pregúntalle. E de paso chámame que asi tamén o saudo.
        Eu falo por min.
        Tedes que aprender a non poñervos nervosos e a escoitar a persoas que non opinan coma vosoutros.

        • Prezado Xosé, antes de convidar a reflexionar aos mais hai que amainar o garbo e contextualizar. Concordaras que ter unha media por riba de todos os outros partidos é algo a ter en conta nun momento de emerxencia das autodenominadas “nova política” e  “nova dereita”, saídas das contornas empresariais e académicas da Complutense. Mesmo non será dificil de entender que transparencia non é o mesmo que “información pública sobre o partido” e que comunicar non é o mesmo que informar. Porén, mestúranse a eito cando se inocula a lóxica empresarial. Sen dúbida, os partidos que operan no estado español aínda teñen grande marxe de mellora se  extrapolamos os datos ao contexto europeo. Alén do mais, todos eles melloraron motísimo en mercadotecnia. De feito, Podemos e CS teñen adoptado as estratexias de lean company (as de Silicon Valley, innovan o novos e pagan os vellos): quer dicer, faise o que dí o lider, o grau de disensión interna é menor. Eís a denominada “nova política”, habelenciosa sen dúbida en apañar as angueiras que había na rúa, como a transparencia ou a corrupción. Que o BNG teña os mellores resultados do estado español nun ranking de “cualidade democrática”  son resultados tirados a través dunha metodoloxía de indicadores aplicada a todos os partidos que tiñan representación na altura, resultados que deberían alegrar á cidadanía galega para alén das afeccións ideolóxicas. Quen dixo que en democracia ter proxectos nidios, confesables e transparentes, reporte mellores resultados? Con certeza, non nos enganemos, o chamado de Pontón a unha maior transparencia resposta a un intre de reflexión estratéxica do BNG mas non semella ser un déficit estrutural respecto ao resto de partidos, como vén de demostrar o Informe Más Democracia. De feito, os novos partidos que consideran aos “vellos” máis burocráticos e ríxidos están dando paso a postburocracia, novas maneiras de xerarquía que son tan opacas e ríxidas, como é o modelo de hiperliderado….O que xa fan moitas empresas levado ao eido político a través de joint ventures….estructura mínima e así se van expandindo (Podemos e Cs no territorio ou nos concellos galegos, u-los ?). Estrita lóxica empresarial (moita actitude, moita imaxe…). Pero xa o sabiamos nós somos insensatos e os outros reflexivos, non si?

          Apertas

  • Non se trata de ser insensato ou reflexivo. Trátase de ser práctico. Podes estar un pouco baixo no ranking ese e sacar vos resultados electorais e podes estar moi alto no ranking e perder estrepitosamente. Trátase de estar nunha media na que xa están mais ou menos todos os partidos. O que importa é gañar a Copa de Europa non o Teresa Herrera.
    Seguramente moitos dirixentes do psoe, pp e podemos nin sequera saben que existe ese ranking. A xente lles vota e con iso xa lles vale.
    O Bloque tería que ser a casa común do nacionalismo. Foi deseñada para iso. Por que unha parte desa xente que tería que estar nesa casa xa non está?

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
%d bloggers like this: