off
Galiza, Mar e Pesca — 15 Xaneiro, 2016 at 1:56 p.m.

Análise da situación Cerco: e agora que?

by

Nada esperaban e nada lograron. Nada? Ao contrario, lograron moito, lograron estar unidos, coñecerse e que moit@s coñezamos agora que está a acontecer cun dos pilares básicos da economía galega: a pesca. Lograron organizarse, con distintas visións, con distintas ideas, con distintos pareceres e análises; lograron mentalizarse e concienciar que hai que loitar polo que se quere conseguir, porque do contrario desaparecen. Lograron formar unha familia de redes, unha familia de mar.

A solución de #OCerco agora pasa pola presión dende os Concellos, os sindicatos e as organizacións políticas ata lograr un #RepartoXusto. Non é de recibo que unha asociación minoritaria, amigos de Rosa Quintana, empuxe á maioría ao despezamento. Urxe unha mesa de negociacións que decida como se vai xestionar as cotas que ten Galicia para TODA a frota pesqueira. Non valen peros.

Non é de recibo que se presente aos armadores e mariñeiros de ACERGA como os malos da película. Alguén debería investigar porqué esta cerrazón de protexer só a 20 barcos, non ten sentido, que hai detrás de todo iso? Ambición? Cobiza? Prepotencia? Medo a perder cartos? Sobres en B? Mercado negro? Mesmo poñéndonos no lugar do Partido Popular, toda esta situación é un misterio, 2 mais 2 suman 120… os 120 barcos que lle molestan a Dona Rosa Quintana e tamén ao Presidente (disque) de todos os galeg@s, que ata o de agora non moveu un só dedo para resolver este conflito, e permanece impasible e cómplice desta situación (ao igual que todo o seu Gabinete de Goberno), eludindo escandalosamente as súa responsabilidade. E namentres a acampada de ACERGA sigue sumando días… e seguirá.

As mulleres continúan activas e non van parar, tampouco os armadores de Acerga van deixar isto así, é unha cuestión de supervivencia.

Como moi ben dicía Marcos Alfeirán, un dos mozos armadores que loita polo seu futuro seguiremos loitando por un reparto xusto ata a morrer si é preciso. E namentres, a rebelión na costa medra. A ameaza da Lei de Acuicultura e a privatización do marisqueo, das augas costeiras de todo o litoral galego faise cada día maior. Cóntanme que hai presións de todos lados para que os Patróns Maiores asinen a toda presa… Porta xiratoria? Posiblemente. Hai que moverse, hai que loitar por un ben común.

Hoxe empezaron polo cerco, pero TODA a flota e marisqueo galego está en perigo. O que pense que non lle vai tocar porque agora está ben, que mire como estaban outros moitos barcos galegos hai anos… e logo que pense outra vez; o que pense que loitando non se consigue nada, que analice se estar inmóbil rascándose a barriga na casa e queixándose vai solucionar algo, mentres outros dan a cara, o corpo e a alma por todos. A solución pasa agora por manter a presión xa existente e facer campaña para cambiar un Goberno que leva anos ignorando, insultando, desprezando ao sector pesqueiro galego.

A solución pasa agora por poñerse en funcionamento para cambiar profundamente as cousas. De todos é responsabilidade traballar arreo para logralo. Non teremos perdón de deus se non o facemos. Non temos desculpa. Continuemos fortalecendo as redes e traballemos todos coma unha boa tripulación dun barco no que ou chegamos a bo porto, ou imos á deriva.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off