off
Opinião, Política, Politica espanhola — 30 Decembro, 2015 at 12:29 p.m.

A CUP no seu labirinto [2]

by
Deus non xoga aos dados
Albert Einstein

CUP_ollaparoSemella inocentada. Pero só é un escrutinio de vertixe. Un salomónico e funambulista fifti fifti. O bloqueo provocado pola votación sobre a investidura de Artur Mas realizado pola CUP é o pior que podía pasarlle á única formación autodeterminacionista capaz de distinguir entre Estado e Nación. Nada resulta máis novivo para as súas expectativas políticas que esa fractura en dúas metades. Porque ataca onde máis lle doe: na prosopopeia da “unidade popular”. E se o devandito romano “divide e vencerás” ten algún peso nesta conxuntura, moita sagacidade teñen que malgastar os seus integrantes para saír indemnes da corrosión que tal desmembración univitelina incuba.

Tras a maratoniana xornada do 27-D (émulo daquel 27-S, tamén dividido) hai un antes e un despois para a CUP. E no medio, como fiel dunha balanza sen compás, a asemblea política presencial máis importante que se produciu en España desde a transición. Unha xentalla de 3032 persoas, máis ou menos segundo os ritmos e momentos, deliberando na ágora dun polideportivo de Sabadell sobre un proxecto de convivencia autónomo da Vila e Corte. Un feito histórico, que culminou cunha quiniela difícil de prever e case menos de acreditar.

E iso que até a véspera, no imaxinario de moitos activistas partidarios da ruptura co réxime do 78, a CUP era, por encima de Podemos, a icona invicta da alternativa ao sistema. Aínda que xogando en ligas diferentes, a Candidatura d’Unitat Popular mantiña intactos os acenos de identidade que, pola contra, o partido de Pablo Iglesias purgara no seu camiño cara ao poder. Por exemplo: na súa configuración con portavoces rotativos e provisionais, simples comisionados, fronte á estrutura de liderado carismático da formación morada; no seu proceso deliberativo de carácter asembleario e presencial onde Podemos emprega a participación virtual electrónica (o seu programa só foi aprobado polo 4% dos inscritos); e no terreo espacial, por proceder a infantaría da CUP da democracia de proximidade que implica o municipalismo mentres o “asaltar os ceos” do pablismo-errejonismo bebe maioritariamente nas fontes pre-políticas da docencia.

Até o domingo da mascletà. Ese día, as liñas vermellas para investir a Mas como presidente da Generalitat esfarelaron como a liña Maginot ante a presión alemá. Do orgulloso “diguem no” contra o líder de Convergència, viva encarnación da corrupción institucional en Catalunya, pasábase ao “nin contigo nin sen ti”, tactismo que abre a posibilidade dunha volta ao protagonismo dos homes providenciales que balizan a vella política. Porque o que visibiliza o balance capicúa 1515 v.s.1515 é a perda de “mainstream”, da corrente principal que insuflaba alento vital á CUP para vetar a coroación do dirixente catalán. Alén diso,, unha das razóns polas que esa candidatura refugou concorrer nas pasadas autonómicas coa coalición Junts pel Si.

Porén, como o mapa é o territorio, mesmo nesa situación de emerxencia a CUP pretende arbitrar unha saída coherente cos seus principios. Lonxe de finxir que non se entende e deixar a última palabra ao Consello Político, órgano burocrático de coordinación, pasou a testemuña ás asembleas de base, en consonancia coa súa práctica de horizontalismo democrático de abaixo arriba. Desta maneira, a decisión soberana migrará do plèthos (a multitude) onde ficou varada o 27-D aos distintos demos locais, primando de lexitimidade a resolución do impasse a través do que Elinor Ostrom, Premio Nobel de Economía 2009, denominaba “xerarquías aniñadas” na súa obra “O Goberno dos Bens Comúns”. Os “sóviets”, que dicía El País, porque xa non acae asustar coa “queima de conventos”.

E xa no terreo das conxecturas, e dado que nas eleccións xerais do 20-D a fórmula que abanderraba Mas perdeu ante o sorpasso de Esquerra Republicana de Catalunya, aínda cabe un rearmamento centrífugo que permita á CUP acumular forzas para a súa aposta decisiva. Como xa insinuaron actores implicados, o último hurra pasaría por forzar unha estratexia de confluencia con Barcelona en Comú, ERC e Catalunya Si que es Pot. Un cartaz con Colau, Baños, Junqueras e Iglesias tería grandes posibilidades de desfacer en positivo os empates tándem do 27-D e o 27-S, e mesmo de acadar unha remontada integral, en votos e escanos, que garanta a radicalidade democrática que precisa un proceso constituínte de nova planta nesa comunidade.

Porque como dixo da especie Deus o pai da teoría da relatividade, o xenial pacifista Einstein, supor que xunto a Mas hai un alén semella unha superstición infantil.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off